
Máis de 500 deportistas, concretamente, 530, participarán esta fin de semana na VI Ruta Bike&Trail, que organiza a Asociación Deportiva Cultural Os Mosqueteiros no Carballiño. Trátase da maior convocatoria desta proba que, malia a súa curta historia, está acadando un lugar destacado no calendario de eventos deportivos deste tipo en Galicia.
A proba, que foi presentada este mediodía polo concelleiro de Xuventude, Diego Fernández, xunto con tres membros da asociación Os Mosqueteiros, Bruno, Óscar e Javier, consiste nunha ruta de bicicletas de montaña e un trail de montaña, que se desenvolverán o sábado, 8, e o domingo 9, no Carballiño e polos concellos de Boborás e O Irixo.
Así mesmo, por primeira vez, esta proba terá un carácter internacional, ao contar con deportistas procedentes de Portugal. Entre os 530 inscritos hai tamén deportistas de Toledo e Asturias, e de toda Galicia, segundo dixo Bruno, membro da organización, que agradeceu a colaboración dos patrocinadores.
A xornada do sábado, que comeza na praza da Veracruz ás 18,00 h., está destinada a correr (trail), e terá un percorrido de 24 km., mentres que a do domingo será de bike, con dous itinerarios, un curto de 40 km., e outro máis longo de 60 km, que partirá tamén da praza da Veracruz ás 09,30 h., segundo explicou Óscar.
O evento empezará o sábado, día 8, pola tarde coa entrega de dorsais nunha carpa disposta pola organización na praza da Veracruz. Neste mesmo lugar haberá varias tendas relacionadas co deporte e a saúde.
O concelleiro de Xuventude, Diego Fernández, destacou a importancia desta proba que, tras cinco edicións, está xa consolidada no calendario deportivo, sendo un orgullo para O Carballiño. Tamén resaltou o interese que suscita para promover o deporte e a saúde entre a xuventude.
ITINERARIOS
O trail do sábado, recorrerá as rúas da vila e seguirá por: Astureses, Feás, Xuvencos, Godás, Pontarriza, Paseo do Arenteiro, cunha distancia de 24 km. A saída está prevista para as 18,00 h., e a chegada ás 21,00 h.
O bike do domingo, terá dous itinerarios, un curto de 40 km., e outro de 60 km. A ruta irá por Madarnás, Xurenzás, Brués e cara ao Paraño, San Bartolomeu, Cameixa, Moldes, Pontarriza, Miomás, Paseo do Arenteiro e praza da Veracruz. A saída será ás 9,30 e a chegada ás 15,00 h.

Tras rematar a tempada de verán, coa última das quendas a mediados do pasado mes de Setembro, a Residencia de Tempo Libre do Carballiño volve ter actividade a partir desta semana para aloxar aos participantes nesta iniciativa da Xunta de Galicia.
As persoas participantes no programa “Reencontros na Terra”, na súa edición deste ano 2016, aterraron nos aeroportos de Peinador e Lavacolla, en voos procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, México, Uruguai e Venezuela, tras escala en Madrid, para dirixirse directamente á residencia carballiñesa, onde foron recibidos polo presidente en funcións da Xuntas de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social, ten por finalidade favorecer o achegamento de emigrantes galegos e galegas que teñen cumpridos 65 anos á súa terra e ás súas familias. Participan nesta edición un total de 127 persoas procedentes dos seis países citados.
Os grupos máis numerosos son os procedentes de Arxentina (86 persoas) e Venezuela (16 persoas). O resto das persoas participantes son 5 de Brasil, 12 de Uruguai, 6 de Cuba e 2 de México. Preto do 39% das persoas participantes naceron na provincia da Coruña, o 30% na de Pontevedra, o 16% na de Lugo e o 15% restante na provincia de Ourense.
Aínda que todas as persoas participantes teñen cumpridos os 65 anos, condición sine qua non para beneficiárense do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 72 anos. A finalidade desta iniciativa da Xunta é que as persoas participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias entre eles e elas.
As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español para o ano 2016 e a idade de quen realizou a solicitude, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de O Carballiño, en réxime de pensión completa, levando a cabo actividades recreativas e culturais axeitadas ás persoas participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares da Comunidade autónoma para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, entre os que destaca unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental e recepción institucional.
A segunda fase consiste nunha estadía xunto as súas familias de Galicia, coas que poden permanecer ata completaren un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitas das persoas beneficiarias unha oportunidade única de volveren a atopar as súas profundas raíces persoais e redescubriren as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao goberno municipal a que "prime a a seguridade sobre o espectáculo" e manifesta que o entorno da Praza Maior "no vale para todo tipo de activiade".
Refírese o Partido Popular a exhibición de Enduro celebrada este pasado sábado, unha actividade en opinión dos populares "non se podía ter permitido polo risco que leva consigo".
Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

O alcalde do Irixo, Manuel Penedo, trasladou esta mañá á conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, a solicitude formal para iniciar o procedemento de reestruturación parcelaria da parroquia de San Cosme de Cusanca. Esta petición acompañouna o rexedor municipal coas sinaturas de preto de 200 veciños interesados, así como co acordo adoptado neste mesmo sentido pola Xunta de Goberno local deste concello ourensán.
A titular de Medio Rural comprometeuse a estudar a proposta e a darlle curso de acordo co establecido na Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga). En total, a devandita parroquia de Cusanca esténdese por unhas 1.500 hectáreas de superficie, na que predomina o monte e –malia que hai cultivos– existe un considerable grao de abandono.
Así, preténdese apostar por este proceso de reorganización co fin facilitar o aproveitamento dos terreos, ben para aumentar a base territorial de explotacións gandeiras e aumentar as extensións de cultivos ou para ordenar a superficie forestal no monte. En calquera caso, melloraranse os accesos e facilitaranse os desprazamentos, co que, en xeral, vaise revalorizar esta zona.
A partir de agora, Medio Rural avaliará a proposta e, se cumpre cos obxectivos establecidos, porá en marcha o proceso, empezando por realizar os preceptivos estudos do terreo (delimitación do perímetro de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable), cartográficos, de análise das explotacións agrarias, avaliación ambiental, prospección arqueolóxica, etc.

A IX Mostra de Teatro Amador “Terras de Orcellón” 2016 traerá ao auditorio municipal oito representacións de grupos afeccionados galegos que terán lugar todos os domingos do mes de outubro e os tres primeiros domingos de novembro.
O certame comenzará este próximo domingo, 2 de outubro, coa compañía Ditirambo Teatro Coruña, que porá en esena a obra dramática “Retrato en branco e negro”. Función comezará ás 7 da tarde, como todas as da mostra. Ainda que estaba previsto inicialmente a programación de cinco obras, ampliouse a tres máis, pola recomendación do xurado da mostra tras examinar a calidade das 29 propostas recibidas.
Isto é o que explicou Xosé Prada, durante o acto de presentación deste evento cultural, que conta coa colaboración do concello do Carballiño e da Deputación provincial. En representación destas dúas institucións, interviñeron neste acto de presentación, desenvolvido este mediodía, o edil de Cultura, Diego Fernández, e a concelleira e deputada provincial Teresa Cerdeira. Tanto Diego Fernández como Teresa Cerdeira agradeceron ao grupo de teatro afeccionado Tiruleque, especialmente ao director, autor e actor Xosé Prada, o traballo que veñen desenvolvendo a prol do teatro no Carballiño dende hai moitos anos.
Fernández destacou a contribución desta mostra no reforzo da dinamización da actividade cultural na vila, especialmente do teatro, e Cerdeira fixo fincapé na disposición da Deputación para promover a cultura dos pobos da provincia.
Xosé Prada chamou a atención sobre a precariedade do teatro aleccionado na provincia, que apenas ten representacións nin grupos, e de feito, a maioría dos grupos que hai en Galicia e que acuden cada ano ao Carballiño son das provincias da Coruña e Pontevedra, e Lugo, pero ningunha de Ourense, onde só están Tiruleque e un grupo do Barco.
De feito, os grupos que interveñen nesta IX Mostra son todos da Coruña e un de Lugo.

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña,presentou unha moción para que a institución municipal promova charlas informativas obre os proxectos de concentración parcelaria, charlas informativas que se organizarían nas distintas parroquias do municipio.
Expón o concelleiro que no Concello de O Irixo "existe unha maioritaria fragmentación da propiedade da terra que entendemos dificulta o crecemento das explotacións agrarias, a utilización da maquinaria, un correcto aproveitamento da terra e en definitiva que a maioría da terra esté en estado de abandono e sen probabilidade de aproveitamento e explotación o que podería dificultar o desenrolo e progreso do propio Concello de O Irixo. Recorda Iago Fariñas como a Xunta de Galicia, dende a Consellería de Medio Rural, pretende cos procesos de concentración parcelaria conseguir unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona consistente na "agrupación de diversas fincas rústicas de reducida extensión, para unificar e facilitar o cultivo".
Subliña que a concentración parcelaria xa se fixo na maior parte dos países europeos, nos que como no caso de Galicia, por motivos históricos, as parcelas fóronse dividindo por herdanzas provocando na súa maioría un fraccionamento excesivo das fincas rústicas, esta concentración posibilitou o crecemento, progreso e desenrolo de moitos concellos e lugares ó poder xerar riqueza das súas terras abandonadas. Tamén fai referencia o concelleiro socialista a como recentemente os veciños e veciñas da parroquia de San Cosme veñen de acordar e solicitar a Concentración parcelaria para a súa parroquia.
Esta solicitude, así como as reunións informativas previas, son iniciativa dos propios veciños e veciñas e dende o Concello de O Irixo débense apoiar sen lugar a dúbidas. Manifesta que "unha vez se tivo coñecemento por outros veciños e veciñas das iniciativas da parroquia de San Cosme, son moitos os veciños e veciñas ós cales lles gustaría recibir canto menos información do proceso de concentración parcelaria, algúns destes veciños e veciñas, os menos, aínda sendo doutras parroquias, acudiron as reunións informativas de San Cosme, pero deberíase informar deste proceso ó resto de parroquias".
Os Socialistas entenden que respetando sempre a vontade dos veciños e veciñas que serán os que ó final decidan que queren facer, se debe, dende o concello, organizar unha serie de reunións informativas por parroquias con técnicos da Consellería de Medio Rural e algún profesional independente, sobre o proceso de concentración parcelaria, beneficios da mesma (que son moitos) e inconvintes (que tamén existen) e que sexan os propios veciños e veciñas os que con toda a información poidan, se queren, solicitar que se inicie na súa parroquia o proceso.

A X concentración nacional do Club España W123 de vehículos Mercedes, que se desenvolverá no Carballiño este sábado, 1 de outubro, conta cun poder de convocatoria extraordinario, pois inscribíronse máis de 120 automóbiles, con 250 pilotos e acompañantes.
O evento fará que hoteis e hostais do Carballiño rexistren unha gran ocupación esta vindeira fin de semana, xa que a maioría dos participantes pernoctarán na vila.
Os automóbiles inscritos proceden de todas as comunidades de España, como Canarias, Baleares, Cataluña, Aragón, Euskadi, Andalucía, Comunidade Valenciana e Ceuta, por citar as máis lonxanas, e de cidades como Ibiza, Murcia, Cartaxena, Valencia, Alicante, Ceuta, Girona, Barcelona, Zaragoza, Bilbao ou San Sebastián.
Estes datos foron ofrecidos por Jorge Pena, membro deste club e do comité organizador, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, durante a presentación deste evento, celebrada na Praza Maior.
A concentración conta co patrocinio principal de Mercedes-Benz Garza, así como Ocaso Seguros e Bodega Pazo Tizón. Precisamente, Garza foi o principal promotor para que o evento, que cumple o décimo aniversario do Club W123 e o cuarenta desde modelo de vehículos Mercedes, que datan do ano 1976, se celebrase no Carballiño.
É a terceira concentración nacional de Mercedes que se fai nesta vila, e isto ten moito que ver co elevado número de automóviles Mercedes que hai no Carballiño. De feito, Jorge Pena asegura que o lema turístico do Carballiño ben podería ser “Para pan, pulpo e Mercedes, O Carballiño”, en alusión ao número deste tipo de coches que hai na vila e comarca carballiñesa.
O programa da concentración comeza ás 9 da mañá, na praza da Veracruz, onde se reunirán todos os coches participantes. Sobre as 11 da mañá, a caravana desprazarase ao Museo Estanislao Reverter en Santa Cruz de Arrabaldo.
Despois a caravana regresará ao Carballiño, onde recorrerá varias rúas da vila, antes de dirixirse ao parque, á Pena dos Namorados e ao centro hosteleiro Isis Pharia, onde terá lugar o xantar, que será servido polo restaurante A Fuchela, e contará con pulpo á feira no menú. Ao remate realizarase a entrega de trofeos e regalos.
Chámame a atención a decadencia dun partido como é o PSdeG, que fai catro anos preconizaba e clamaba aos catro ventos aquelo de ¡PACHI PRESIDENTE! Fai catro anos o pachismo recibira un castigo severo, e nin os máis pesimistas podían pensar que este partido non tocara o seu chan electoral. Polo que parece, pese aos catastróficos resultados electorais destas eleccións, o PSdeG do Carballiño non tocou chán.
E humildemente fago as seguintes reflexións en alto. É ben coñecida a lacra caciquil que sufrimos nesta provincia encabezada polo baltarismo. As características deste esquema son as seguintes: Rede clientelar, contratacións a dedo, sucesión endogámica de sagas familiares no poder, e innumerables e innomeables resolucións inxustas que cada vez favorecen aos mesmos.
Dito o cal, sería conveniente analizar cal foi a resposta do pachismo a esta lacra. E chego á triste conclusión de que a resposta do pachismo o baltarismo foi: MÁIS DO MESMO. Porque o que fixo o pachismo foi facer un calco do baltarismo. Se o baltarismo adoece de meter o fillo no lugar do pai, o pachismo adoece de meter dona e irmá na mesma pomada. Se os alcaldes do baltarismo metían a fillos, os pachistas encaixan aos seus por portas xiratorias, ainda que non sexa nos seus concellos. Se a Deputación era un instrumento o servizo das necesidades laborais do baltarismo, o concello do Carballiño, o de Maside, o de Piñor, facían o propio o servizo dos pachistas.
En conclusíon penso o seguinte. Non é lóxico un respaldo tan contundente ao PP despois do que está caendo, pero non podo enrabietarme cos meus paisanos, porque penso a pes xuntillas que o pobo galego é sabio. Polo que chego á conclusión de que o pobo galego dixo alto e claro: PRA CACIQUISMOS QUEDÁMONOS COS QUE HAI. E espero e desexo que as novas forzas que xurden no panorama politico collan esta clara mensaxe, e plantexen alternativas diferentes, que dean resposta a todas as problemáticas, e que non estean orientadas a servir intereses propios.
O Partido Popular obtivo este domingo 4.222 votos no concello do Carballiño, o mellor resultado dos populares entre as grandes vilas da provincia.
A moita distancia do Partido Popular, os socialistas conseguiron 1253 sufraxios, por 884 de En Marea e 378 do BNG.
Consulte aquí os resultados nas 19 mesas electorais do municipio, prema no arquivo adxunto:

Chega outro dos grandes acontecementos festivos de cada ano na comarca, as festas da Saleta na vila de Cea.
Do venres 23 ao lúns 26 de Setembro a comisión de festas logrou reunir unha extraordinaria programación de actividades, entre as que sobresaen as musicais, con charangas, orquestras e bandas de música.
O Venres 23, a partir das 23:30 horas presentaráse en Cea a orquestra portuguesa "Funçao Públika", e as 00:00 horas terá lugar un gran folión.
O sábado 24 haberá festa infantil dese as 17:30 horas con diversas actividades, e a partir das 22:30 horas alternarán na verbena as orquestras "Alkar" e "Venezia".
O domingo 25, as 12:00 horas será a tradicional procesión seguida de misa solemne na honra á Virxen da Saleta. Nesta xornada, ofrecerá pasarrúas e concertos a banda de música de Ramirás, e a partir das 22:30 da tarde, ademáis da charanga "Mekánica", chegará o momento da actuación estelar de "El Combo Dominicano".
Xa finalmente, o lúns dia 26 -festivo local no municipio de San Cristovo de Cea- tamén se celebrará unha procesión e misa solemne ao mediodia, que acompañará a banda de música de Muimenta, que logo ofrecerá dous concertos, un en horario matinal e outro de tarde. Xa pola noite, xunto a charanga "Ardores", actuará a orquestra galega "Paris de Noia".
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 555
- 556
- 557
- 558
- 559
- 560
- 561
- 562
- 563
- …
- seguinte ›
- última »