5, Setembro 2016

Os catro concellos que forman parte do Obradoiro de Emprego (Maside, Boborás, San Amaro e O Carballiño), priorizan entre os proxectos a executar obras vencelladas coa mobilidade urbana, fundamentalmente, a construcción e mellora de beirarrúas

. Así, O Carballiño prevé ampliar un tramo de beirarrúa entre a rúa Aldara e Conde Vallellano, así como a beirarrúa da marxe dereita da rúa Carreira, que é moi utilizada para acceder ao centro de saúde e ao instituto número 1.

Asemade, o concello de Maside construirá unha beirarrúa de acceso ao centro de saúde; San Amaro o fará con outra beirarrúa entre O Cruceiro e a antiga escola das Neves, e Boborás executará o camiño ao cimenterio de Pazos de Arenteiro.

Estas obras foron anunciadas polo concelleiro de Promoción Económica do concello do Carballiño, Adolfo Nogueira; polos alcaldes de Maside e San Amaro, e pola teniente alcalde de Boborás, que asistiron ao acto de presentación da escola, celebrado esta mañá no salón de plenos do concello do Carballiño.

Entre os asistentes, tamén se atopaban os vinte alumnos e alumnas seleccionados, así como o director e monitores do obradoiro de emprego.

5, Setembro 2016

A solidariedade dos veciños do Carballiño en 2015 acadou as 699 doazóns de sangue, o que supón 50 doazóns por cada 1.000 habitrantes, unha taxa de doazon que cumpre co que recomenda a OMS para cubrir as necesidades de componentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).

O Carballiño conta con 1.743 doadores censados, que realizaron 13,990 doazóns de sangue dende a primmeira visita da unidade móvil do Centro de Transfusión de Sangue de Galicia en marzo de 1995.

Coa campaña desde mes de setembro no municipio vanse superar as 14.000 doazóns de sangue nos máis de 21 anos de solidariedades dos seus veciños.

2, Setembro 2016

A Agrupación Socialista de Boborás segue a facerse eco das numerosas queixas recibidas por parte dos veciños e afectados polas interminables obras na estrada OU-514, entre Brués e Feás, polo que anuncian a recollida de sinaturas, entre a propia veciñanza, para esixirlle á Deputación provincial de Ourense, en tanto que titular da vía, que remate, dunha vez por todas, as citadas obras.

Na actualidade, ademais, hai unha determinada zona, coñecida coma “A Trincheira”, na que a obra leva máis dun ano paralizada.

 O  secretario Xeral da Agrupación Socialista, Javier Lamas manifesta que “xa alertamos, dende primeiros de ano, da situación de perigo que esa paralización provocaba, pola falla de seguridade na zona e, desgraciadamente, xa van varios accidentes nese mesmo lugar”.

As obras interminables son unha constante nesta vía, que xa leva 20 anos con elas, "con anuncios continuos de remate das mesmas, sobre todo cando se achega unha cita electoral, pero sen que se concreticen realmente unha vez pasan as eleccións, denuncian os socialistas de Boborás", remarcan os socilaistas.

Ademais, indican dende a Agrupación Socialista de Boborás,  que a situación é grave abondo porque hai que ter en conta que se trata dunha estrada vital, non só, para comunicar e artellar unha parte moi ampla do Concello de Boborás, senón que tamén comunica á N-541 coa provincia de Pontevedra, supoñendo unha alternativa ao paso do Alto do Paraño.

2, Setembro 2016

De 12:30 a 14:30 horas emitimos o programa especial dos venres de verán dende o concello de Piñor.

A emisión pode sintonizarse no 91.9 do dial de FM ou ben a través da internet, en calquera lugar do mundo, a través desta mesma páxina WEB.

1, Setembro 2016

A xefa territorial de Educación da Xunta de Galicia, Mercedes Gallego, o inspector Xosé Fernández e arquitecta do organismo autonómico visitaron as obras que se están a facer no CEIP “Nosa Señora de Xuvencos de Boborás”.

Estas obras consisten na sustitución do tellado integramente e a separación de dúas aulas de infantil.

Durante a visita, foron recibidos pola alcaldesa en funcións; Rosa González, a tenente de alcalde; Patricia Torres, o concelleiro de Infraestruturas; Avelino Prado, o director co colexio e profesores do centro.

Mercedes Gallego valorou positivamente o crecemento do centro, que para o novo curso rondará os cen alumnos.

As obras de mellora que se están a facer teñen un investimento superior aos 60.000 euros,e tamén salientou o aumento de profesorado que experimentará o centro co inicio do novo curso escolar.

29, Agosto 2016

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse cos alcaldes de Avión e a Pobra de Trives, Antonio Montero e Francisco José Fernández, para analizar as consecuencias dos lumes que afectaron aos seus municipios no mes de agosto e onde foi preciso decretar como medida preventiva a situación 2.

No encontro tamén estivo presente o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto.

Xuntos mantiveron unha reunión de traballo para valorar que actuacións se poden levar a cabo para rexenerar o monte e recuperar os bens afectados. Ángeles Vázquez anunciou que o decreto de emerxencias que permitirá paliar os danos producidos nesta vaga de incendios irá en breve a Consello da Xunta, co obxectivo de comezar canto antes a traballar.

As achegas virán de fondos de Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural. Desta última consellería, sinalou a titular, depende a repoboación dos montes, así como as ordes de axudas para que a capa vexetal do monte non quede desprotexida ante as choivas do inverno, mentres que o resto de consellerías faranse cargo de sufragar o arranxo dos danos producidos nas infraestruturas, así como axudas aos afectados.

26, Agosto 2016

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asegurou esta mañá que “o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracións é o mellor xeito de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas”.

Rey Varela realizou estas declaracións logo de manter unha xuntanza en San Caetano co alcalde do municipio de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares Fernández.

Esta reunión enmárcase na rolda de contactos cos rexedores e rexedoras de Galicia que está a manter o responsable da carteira autonómica de Política Social coa finalidade de coñecer de primeira man a situación e as necesidades que teñen neste ámbito os concellos galegos.

Nesta liña, o dirixente autonómico e o local fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver na localidade.

Así mesmo, Rey Varela e José Luís Valladares tamén abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en San Cristovo de Cea.

26, Agosto 2016

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Piñor colaborarán na realización das obras de acondicionamento da Aira de Freás, tal e como se recolle no convenio que asinaron a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, José L. González.

O Concello presentou o documento técnico que define os traballos a executar, aos que a Xunta destinará un orzamento lixeiramente superior aos 106.000 euros.

As obras consistirán na limpeza de toda a superficie, a reposición da pavimentación para asemellarse ao existente, en 378 metros cadrados, e a pavimentación do ámbito con pedra rústica granítica, semellante á dos elementos existentes, co fin de homoxeneizar todo o entorno.

25, Agosto 2016

Este venres, 26 de Agosto, emitimos o programa especial dos venres de verán dende o concello de Leiro, de 12:30 a 14:30 horas.

A emisión poderá sintonizarse no 91.9 do dial de FM, ou tamén a través de Internet, nesta mesma páxima WEB.

A programación desta nova edición da Festa da Vendima que se celebra en Leiro este domingo 28 de Agosto, comeza coa recepción cos acios a concurso, dende as 10 da mañá na praza do Cruceiro.

As 12 do mediodia, a conselleira do Medio Rural Anxeles Vázquez exercerá como pregoneira. Logo, dende as 12:30 horas comezará o gran desfile de carrozas e charangas, a que é a actividade central e tradicional desta Festa da Vendima de Leiro.

O xantar popular celebraráse no parque do Salgueiral, o prezo da tarxeta no recinto oficial é de 23 euros, aínda que tamén se instalarán tabernas de acceso libre.

No mesmo parque do Salgueiral, tamén se ubicará o mercado artesanal, e desenvolveránse varias actividades durante a xornada.

As 8 da tarde a igrexa parroquial de san Pedro acollerá o concerto de corais da vendima, e xa pola noite, unha verbena coa orquestra D`Momento, completará a programación da festa.

Na Praza do Cruceiro podemos ver unha exposición de fotografia que recolle varias esceas de pasadas edicións da festa, da que é o seu autor o pintor Juan Valcárcel, que ademáis é tamén o artista que cada ano confecciona o cartel anunciador da festa da vendima.

24, Agosto 2016

As noites de cine na Praza Maior de Maside durante esta semana marcan o prólogo ás festas de San Vitorio, que celebra a vila de Maside, e que vivirá os seus dias grandes os dias 27 e 28 de Agosto, sábado e domingo.

Antes, o venres 25, Maside irá entrando en ambiente festivo coa "Noite Folk e Troula", coa actuación do grupo "Calandracas" e outros espontáneos, que animarán os bares e cafeterias de Maside.

O sábado 27 ofrecerá pasarrúas da Banda de Música de Barbadás, que ofrecerá un concerto na Praza Maior ás 13:30 horas. A Coral A Torre será a encargada de solemnizar a misa solemne na hora ao san Vitorio na igrexa parroquial.

A verbena do sábado estará amenizada polas orquestas New York e Catedral, e as 12 da noite está programada unha sesión de fogo de lucería.

A Banda de Música do Carballiño é a invitada para os pasarrúas e concerto do domingo 28, mentres que o Orfeón do Carballiño cantará a misa solemne. 

Para a verbena do domingo estará en Maside a orquestra tango, e ademáis, na noite do domingo será a actuación musical estelar deste San Vitorio 2016 "La edad de oro del pop español", coa participación de varios artistas que triunfaron nas décadas dos 80 e os 90 do século pasado.

Os dous dias, a Alameda de maside será o escenario que acolla unha singular Feira-mostra de artesanía, na que os artesáns son nenos e rapaces ata os 16 anos de idade.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS