10, Agosto 2016

O concelleiro de Alternativa Veciñal acudíu ao rexistro municipal para proceder á devolución da tarxeta-invitación que lle entregara o concello do Carballiño, e na súa condición de membro da corporación muncipal, para participar no xantar no recinto do concello, este próximo domingo no parque.

Bernardo García manifesta que "o concello do Carballiño non pode permitirse o luxo de repartir invitacións a xente que non traballe directamente na organización da festa". E recorda que o ano pasado "o concello puxo 41.000 euros pola comida e recaudouse só 26.560 euros", a un prexo de 30 euros a tarxeta, "polo que o deficit é evidente", remarca.

Asimesmo, considera o concelleiro que "son os sectores que se benefician da festa os que deberían encargarse da súa organización e buscar o diñeiro preciso"

Finalmente, Bernardo García avanza que "xa pedín o orzamento previsto para esta festa e valorar como se distribuíu o mesmo, e evitar que sexan os veciños os que paguen sempre este tipo de eventos".

9, Agosto 2016

O concello do Carballiño rendeu hoxe homenaxe a Manuel Domínguez Carrete, chef do restaurante Lúa, e entregoulle unha placa coa distinción de Embaixador da Festa do Pulpo e do Carballiño en Madrid.

O acto, que estivo presidido polo alcalde da vila, Francisco Fumega, contou coa presenza do concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira e a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, así como a nai de Manuel Domínguez, Adela Rosa Carrete e as xefas de cociña e sala do restaurante Lúa, Paula Villanueva e Mari Morales, ademais do propio cociñeiro e empresario restaurador carballiñés Manuel Domínguez. Francisco Fumega resaltou que o traballo de Manuel Domínguez Carrete é “un exemplo para a mocidade carballiñesa como modelo de emprendemento e creatividade”.

Do mesmo xeito, agradeceulle o feito de “abrir unha porta que conduce ó progreso e ó éxito”. O restaurante Lúa é unha referencia da nova cociña na capital de España, e conta cunha Estrela Michelín dende finais do ano pasado. O seu chef e impulsor, Manuel Domínguez, prepara o polbo, prato estrela de Galicia, dos xeitos máis innovadores. O seu traballo supón o prólogo a un salto cualitativo en canto a calidade e servizo no modo de cociñar o cefalópodo.

No remate da presentación, Domínguez Carrete agradeceu esta homenaxe e o recoñecemento do concello do Carballiño, así como a confianza que a súa familia depositou nel, con especial mención ó seu pai. Do mesmo xeito referiuse á relevancia do apoio brindado polas súas xefas de cociña e sala, Paula Villanueva e Mari Morales, que, en palabras de Carrete, “cada vez se senten máis galegas”. O chef carballiñés asistirá como convidado de honra á elaboración da Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo, que terá lugar esta tarde na Praza Maior do Carballiño.

9, Agosto 2016

No día de onte aparecía unha nova, moi preocupante, na prensa galega: a listaxe dos Concellos que van pasar a ser tutelados pola Xunta de Galicia debido ao seu déficit financeiro.

Ata un total de 46 Concellos da nosa Comunidade, incumpriron, no peche do exercicio do ano pasado, o teito de gasto imposto polo goberno central e son incapaces de continuar pola senda marcada da estabilidade financeira, é dicir, gastan máis do que ingresan. Entre estos Concellos está o de Piñor, tal como reflicte a noticia referida.

O que vén a indicar tal noticia é que o Concello de Piñor debe presentar un plano de axuste económico-financeiro, apertar o cinto e quedar baixo a tutela financeira da Xunta. O PSOE de Piñor, hai xa uns cantos meses, avisou desta situación, unha vez analizaron o estado de liquidación do orzamento do ano pasado e alertaron da posibilidade de que o Ministerio de Facenda intervira na situación, coma agora fixo, corroborando os malísimos datos económicos sobre os que os socialistas alertaran.

O actual goberno de Piñor, xa que logo, non cumpriu cos principios da estabilidade orzamentaria aos que obriga a lei, nin coa regra de gasto e, aínda por riba, presenta un resultado de liquidación dos orzamentos, moi negativo (uns 140.000€ máis de gastos ca de ingresos) e cun remanente de tesourería, que tamén arroxa un saldo negativo.

Así mesmo, aínda por enriba, págase máis tarde ca nunca ós provedores do Concello, superando, con moito, os 100 días de período medio de pago. Os socialistas agardan que o actual goberno bipartito (PP-Veciños de Piñor) teña a pouca vergoña de culpar á herdanza recibida destes pésimos resultados da súa xestión económica; nembargante, dende o PSOE de Piñor, amósanse tranquilos posto que a liquidación do último goberno socialista foi máis que positiva, cumprindo coa regra de estabilidade tanto no tocante ao gasto coma no resultado orzamentario e no remanente de tesourería.

Os actuais gobernantes de Piñor, destacan os socialistas, van ter moi difícil xustificar o seu descontrol e desgoberno botándolle as culpas ós demais, posto que as cifras e as contas falan por si propias. Fronte a unha xestión económica impecable e positiva dos socialistas, o actual goberno de Piñor ofrece unha xestión pésima, digna de aparecer nos xornais. Dende o PSOE de Piñor, queren lembrar as insidias que tiveron que aturar durante a campaña electoral do ano 2015, cando dende o PP e dende VdP, non contaban máis ca contos sobre unha suposta desidia na xestión económica. Fronte aos contos das municipais, o tempo e os papeis ofrecen datos contrastados e contas claras.

Tal como destacan os socialistas de Piñor, ata o de agora, o novo goberno só ofrece propaganda e festexos, contos e verbas que leva o vento, namentres que os papeis sosteñen unha verdade moi distinta que lles encantaría agochar.

8, Agosto 2016

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, destacou os méritos da Familia Florindo para ser distinguida co Premio Honorífico da LIV Festa do Pulpo.

Nun acto que se desenvolveu no salón de sesións do concello, e que contou coa asistencia do alcalde e do concelleiro de Turismo, Xosé Maneul Dacal, así como da práctica totalidade da familia agasallada, ademáis do portavoz e dúas concelleiras do Grupo Popular, fíxose entrega dunha placa con este recoñecemento concedido “pola súa implicación e labor de promoción da vila do Carballiño”, segundo dixo o alcalde.

No seu discurso, Fumega, en representación dos carballiñeses, estableceu paralelismos claros entre a familia Florindo e O Carballiño. A distinción foi entregada a Florindo González, á súa dona, Josefa Corral e ós fillos, Florindo e Xesús así como ó resto da familia. “Unha familia creadora de riqueza e iniciativas en beneficio do Carballiño e dos carballiñeses, sexa co deporte, coas festas ou con calquera outra actividade” declarou o alcalde, Francisco Fumega.

“Frigoríficos Florindo e Hijos”, creada hai 41 anos polo cabeza da familia, Florindo González, é coñecida pola súa actividade filantrópica para coa vila, con propostas de patrocinio, sobre todo no tocante á Festa do Pulpo, levando o nome do Carballiño polo mundo adiante.
No remate, Francisco Fumega declarou que “queremos que este Premio Honorífico non se circunscriba só á LIV Festa do Pulpo, senón a unha boa parte da historia desta festa e a moitos anos de bo facer empresarial e de colaboración con moitas iniciativas no Carballiño”.

Pola súa parte, tanto Florindo González como o seu fillo Florindo, agradeceron esta homenaxe e amosáronse orgullosos de promover o nome do Carballiño, o seu lugar de procedencia alá onde vaian.

6, Agosto 2016

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou o concello de Avión, para coñecer de primeira mano a agrupación de voluntarios de protección civil (AVPC) e o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES), así como as súas inquedanzas nesta materia.

A AVPC de Avión conta con 14 membros e foi rexistrada no ano 1998, e dende entón sigue ininterrompidamente a súa labor na prevención e intervención, no seu caso, das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes.

No ano 2013 inicia a súa andaina o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) que ven a reforzar as actividades desenvolvidas pola AVPC incrementando a dedicación ao tratarse dun grupo de carácter profesional.

Ambas entidades comparten base, medios e recursos. O GES conta agora con 9 membros e atende tamén aos concellos de Boborás e Beariz O concello de Avión reforzou os seus medios materiais, tanto para Protección Civil como para os GES o ano pasado, cun vehículo todo terreo pick-up, un esparexador de sal e un Remolque de Emerxencias, e durante este ano poderá disponer dun novo Remolque de Salvamento e Rescate.

5, Agosto 2016

O Carballiño superará de novo o fito na preparación dunha tapa xigante de pulpo.

Será este martes, 9 de agosto, na Praza Maior do Carballiño.

Ese día, ás oito da tarde, as pulpeiras e pulpeiros do Carballiño voltarán a elaborar a tapa de pulpo máis grande do mundo. Nesta edición, que e a sexta, o prato de madeira de piñeiro agrandarase un chisco máis.

Así, aumentará en 7 centímetros o seu diámetro anterior, acadando os 5,37 metros de diámetro. Nunca se viu un prato de pulpo de tal dimensión en ningunha parte. Para cubrilo é preciso cocer 750 quilogramos de pulpo e, unha vez rematado o proceso de cocción, cortalo en talladas axeitadas no menor tempo posible e aderezalo con aceite de oliva virxe, sal e pementón.

Unha  labor que realizarán 25 expertos cortadores e cortadoras de pulpo. Deste prato sairán arredor de 2.000 racións que poderán ser degustadas, xunto cun anaco de pan de Cea e unha cunca de viño do Ribeiro, polos numerosos visitantes que se acheguen a O Carballiño esa tarde.

A tradición pulpeira do Carballiño, nada no medievo pola influencia do mosteiro de Oseira e o seu priorato de Marín, e que durante séculos foi espallada polas feiras e mercados de Galicia enteira e ainda de máis lonxe, acadará unha vez máis nesta LIV Festa do Pulpo o seu cénit.

2, Agosto 2016

O programa da LIV edición da Festa do Pulpo conta cunha gran variedade de actuacións musicais.

O mércores, día 3 de agosto, ábrense as xornadas de “Música de Sofá” co grupo de jazz, Portulego Quartet, ás 19:15 na rúa Rosalía de Castro, seguidos por Böj, un grupo de folk irlandés e escocés, na rúa Aldara ás 20:45.

O xoves 4 teremos a Groovy Killers na rúa Curros Enríquez ás 19:00; ó grupo de reggae vigués, Elephants Yard Live Dub ás 20:45 na praza Aquilino Sánchez e Transilvanians, ás 23:30 na Praza Maior.

Rematadas as xornadas de “Música de Sofá”, O Carballiño continúa coas actividades musicais ata o propio día da Festa do Pulpo, o domingo 14 de agosto. Deste xeito, o venres día 5 as 20:00, o grupo de música popular e pandereteiras, Coribantes, estará tocando na praza da Veracruz.

O sábado 6, no Auditorio Municipal, celebrarase a XXIII edición do Festival de Habaneras, ás 20:30; e ás 23:30, na Praza Maior, rememorarase o espírito dos anos 60’ e 70’ con Renegados e 33RPM.

O domingo 7 de agosto, a orquestra/espectáculo de época, Gallaecia Big Band, interpretará mambos e boleros ás 20:45 na Praza Maior, e o luns 8 haberá un pasarrúas pola vila con música de centroamérica que leva por tema “Cantares da Emigración”.

A música de The Beatles volverá a soar na Praza Maior, o mércores día 10 ás 23:00, da man do grupo tributo, The Henderson, que interpretará versións das cancións máis coñecidas do grupo de Liverpool.

Ó día seguinte, xoves 11, celebraráse o Festival Internacional de Folclore ás 22:30 na Praza Maior.

Seguindo cos grupos tributo, unha formación irlandesa versionará a ABBA na Praza Maior, o venres 12, ás 23:00.

No sábado 13, véspera da Festa do Pulpo, un Disco DJ animará o ambiente previo á celebración, ás 18:00 na Praza Maior.

O propio domingo 14, O Carballiño terá actividades musicais durante toda a festividade, dende as 12:00, con charangas polas rúas e o desfile de grupos folclóricos e “cabezudos” na Praza Maior e no Parque Municipal, pasando pola actuación da agrupación folclórica Vilanova de Gaia, no Palco da Música do Parque Municipal, que amenizará o xantar da Festa do Pulpo ás 13:30. O peche das festividades correrá a cargo da Verbena Musical con Joselito do Grove, ás 20:00, na Praza Maior.

1, Agosto 2016

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo encontros coa veciñanza dos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea.

Feijóo trasladou ata estes dous concellos da comarca do Carballiño o seu banco azul, o ‘Faladoiro’ dende o que "está a conversar de ti a ti con ducias de galegos e galegas" a través da xira "A Galicia que ti queres".

Seguindo co "espírito desta xira", o presidente dos populares galegos detívose na praza principal de Piñor, ao carón da casa do concello e do centro de saúde, para falar de ti a ti cos veciños e recoller as súas impresións, inquedanzas e propostas para o programa electoral das eleccións autonómicas que se veñen de convocar hoxe mesmo.

Feijóo conversou sobre temas como a atención ao rural, o problema demográfico ou o sector da silvicultura, recordando a Tania, unha enxeñeira forestal piñoresa e empresaria do sector silvícola, o programa posto en marcha pola Xunta para plantar un millón de castiñeiros.

O presidente do PPdeG animou aos veciños "a depositar todas as súas propostas por escrito nunha urna que os populares empregarán para deseñar o seu programa electoral de cara ás eleccións autonómicas".

O líder dos populares galegos continuou acto seguindo en San Cristovo de Cea co seu percorrido na comarca do Carballiño.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS