
O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, vén de rexistrar un escrito dirixido ao Alcalde, no que acompaña unhas fotografías do estado da sala de polivalentes do centro de saúde, e no que recorda que o pasado 12 de xullo se celebrou Pleno Extraordinario deste Concello, onde se defendeu unha moción presentada o pasado 22 de abril de 2016 polo Grupo Municipal Socialista, PARA A MELLORA E ACONDICIONAMENTO DO CENTRO DE SAÚDE DO IRIXO.
En dita moción, entre outras, solicitábase; “Que o Concello do Irixo faga as reparacións oportunas encamiñadas a evitar as filtracións de auga dentro das salas do centro de saúde como é o caso da sala de polivalentes onde chove dende hai un ano e do que é coñecedor o Concello.”
A mencionada moción foi rexeitada cos votos en contra dos concelleiros do Partido Popular sen dar explicación algunha a esta negativa de facer o mantemento e reparar tan sequera, o “interior do propio centro de saúde, concretamente na sala de polivalentes chove, disto xa ten coñecemento o Concello dende hai xa máis dun ano sen que, a día de hoxe, fixera nada por arranxalo.”.
O estado do centro de saúde e a pasividade do Goberno do Concello do Irixo que, nin recoñece nin mostra intención nin interese en acometer dita pequena reparación dende e votando en contra inexplicablemente do seu arranxo, non se comprende.
Polo que, é intención do Grupo Municipal Socialista, de non procederen, dende o Concello, ao arranxo inmediato destas humidades, poñer estes feitos e o estado do centro de saúde en coñecemento da Consellería de Sanidade.
No caso de seren infrutuosos, tanto a comunicación a Concellería de Sanidade para que actúe así como si se persiste na pasividade por parte de este Concello, se intentaría o arranxo a costa do Concelleiro que subscribiu o escrito, é dicir, o Portavoz socialista no Concello do Irixo.
Por todo isto, di o Portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, que: “de non seren reparadas ditas humidades por parte deste Concello, nin mediar actuación algunha por parte da Consellería de Sanidade á que ten intención de dirixirse o noso grupo, como membro da corporación deste Concello, veciñ@ e usuario de dito centro de saúde, se teña a ben autorizarme, chegado o caso á miña costa, a proceder á reparación das humidade que sofre o centro de saúde na súa sala de polivalentes dende hai mais dun ano”.

O espazo cultural da Casa da Luz de Pontevedra, na Praza da Verdura, acolleu esta mañá o último acto de presentación da LIV Festa do Pulpo que está adicada ás vilas e cidades do Eixo Atlántico.
No acto interviñeron os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o do Carballiño, Francisco Fumega, que estiveron acompañados polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Dacal, polos portavoces do PP e BNG, Argimiro Marnotes e Francisco Ferreiro, respectivamente, pola concelleira Pilar Caride; polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e polo presidente da denominación de orixe do pan de Cea, Carlos Rodríguez.
Fernández Lores salientou a importancia da gastronomía e, en concreto, do polvo, como ingrediente central das feiras e romarías de Galicia, así como da Festa do Pulpo do Carballiño, da que dixo tiña un gran atractivo.
O alcalde de Pontevedra amosouse partidario de incrementar a produción interna do pulpo e desexou unha boa festa, se ben excusou a súa asistencia, xa que o 14 de agosto Pontevedra atópase nas Festas da Peregrina. Finalmente, dixo que con este acto iniciábase unha longa colaboración de cara ao futuro entre Pontevedra e O Carballiño.
Pola súa parte, Francisco Fumega agradeceu a acollida e fixo un breve percorrido pola historia da relación entre a Ría de Pontevedra, o pulpo e O Carballiño, e convidou aos pontevedreses a asistir á Festa do Pulpo.
Ao remate do acto, que estivo amenizado por un grupo da Escola Municipal de Gaitas, degustáronse unhas racións de pulpo, pan de Cea e viño Branco Pazo Tizón. Con este acto rematan as presentacións da Festa do Pulpo nas catro cidades da Eurorrexión ás que se dedica esta ano a festa, e que son as portuguesas de Vila Nova de Gaia, Viana do Castelo e Braga, e Pontevedra.
Criticas do Partido Popular pola inactividade da Páxina WEb "festadopulpodocarballino.es"
O grupo municipal do Partido ven de "expresar a súa indignación pola irresponsabilidade do grupo de goberno socialista, que en véperas dunha nova edición da Festa do Pulpo mantén pechada a páxina web deste evento",unha situación que "se produce pola falta de pago nos conceptos da mantemento na rede".
Para acceder ao comunicado do Partido Popular, prema no arquivo adxunto:

O gran desfile comezará ás oito da tarde na Praza da Veracruz e rematará na Praza Maior, despois de percorrer as rúas Curros Enríquez, Xullo R. Soto, Centro do Carballiño en Bos Aires, Tomás María Mosquera, Rosalía de Castro, Cuesta e Perfectino Vieitez.
No desfile participarán moitas das comparsas e murgas do pasado entroido pero con algunha nova incorpración.
Así estarán no desfile Os Liborianos, a Asociación Cultural O Castro de San Amaro, a Asociación Veciñal da Parroquia de Freixo, a Asociación Cultural Os Arrieiriños, Lumareda, Club Deportivo Pedriña By Paraño, a Anpa da Uceira, Aspadisi, Asociación Sta. Águeda de Maside, Asociación de Veciños As Neves de Grixoa, Castro Vello e Os Solfamidas de Campolameiro, Pontevedra.
O día anterior, o venres, 15, terá lugar o Entroido de Verán Infantil, coa participación de preto de trescentos rapaces e rapazas, que realizarán obradoiros de máscaras e outras actividades, animadas por o DJ TIBU. Os cativos estarán na Praza Maior dende as 10,00 h., ata ás 13,30 h.
O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e dous representantes do sector da hostalería, Teresa Vázquez e José Manuel Labandeira.
Diego Fernández agradeceu a colaboración e implicación dos hostaleiros que engalanarán os seus establecementos e vestiranse con roupa acorde coa celebración do entroido.
Asemade, dispensarán uns vales para as ceas das comparsas. Tanto os hostaleiros como o concelleiro esperan cando menos un éxito semellante o do pasado ano ou incluso superior, polo que animan aos veciños a disfrazarse o sábado para contribuir a engrandecer a festa.

O conselleiro de política social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey reuníuse cos concelleiros de O Carballiño, Marina Ortega e Diego Fernández, titulares das áreas de Servizos Sociais e de Educación, respectivamente.
O máximo responsable autonómico en materia de política social e os concelleiros contemplaron as posibilidades de cooperación futura en aspectos como a atención á dependencia.
Ao respecto, Rey Varela anunciou un incremento de preto de 4.000 horas anuais (ata acadar as 28.668 horas ao ano) no Servizo de Atención no Fogar (SAF), coa finalidade de chegar á totalidade de persoas que precisan deste servizo e cubrir o 100% da demanda.
No encontro, o titular autonómico trasladou aos representantes municipais a inversión de máis de 400.000 euros que Xunta de Galicia realizará en O Carballiño grazas ao cumprimento por parte da Comunidade Autónoma do obxectivo do déficit.
En concreto, 271.000 euros irán destinados ás obras de mellora na Residencia de Tempo Libre; 18.000 euros consignaranse ás obras de mellora na Residencia para Maiores con Autonomía; e outros 6.500 euros irán destinados á mellora da Escola Infantil.
Nesta liña, Rey Varela lembrou a importancia do convenio de uso da Residencia de Tempo Libre no que se atopan traballando Xunta e Concello para potenciar o uso das instalacións desta infraestrutura social.

O Partido Popular fai referencia á problemática na Policia Local do Carballiño, asegurando que "membros da Policia Local enteranse pola prensa da apertura de expedientes informativos".
Ademáis, "axentes de policia siguen sen querer patrullar acompañados por auxiliares", denuncian dende o Partido Popular, que tamén apuntan a "altercados entre concelleiros e persoal do concello onde casi chegan as máns, exemplos evidentes do descontrol do goberno municipal", situacións da que culpan ao concelleiro Adolfo Nogueira.
Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adxunto.
O concelleiro de seguridade deféndese manifestando que "estáse facendo agora o que Marnotes non fixo en 4 anos"
Adolfo Nogueira saíu ao paso das críticas do Partido Popular manifestando que "o caos é o que nos encontramos nós neste concello, o que lle debe molestar a Marnotes é que él foi un cobarde e que non fixo o que había que facer cando xa nos anos 13 e 14 tivo sobre a mesa propostas de expedientes que afectaban a axentes da Policia Local, e non tivo a velentía de tramitar, o que agora estamos facendo é tratar de poñer órden na policía, e eso sabeo todo o pobo", dixo.
O concelleiro tildou de "pura mentira" as manifestacións do Partido Popular porque "ninguén se enterou pola prensa da apertura de expedientes, eu mesmo falei con todos".
En relación ao incidente cun traballador ao que alude o Partido Popular, Nogueira dixo que "foi unha discusión que non ten nada que ver coa xestión no concello, recoñecezo que non foi nun tono moi cordial, pero xa está todo aclarado", zanxou.

A primeira feira medieval “A Liorta” está sendo unha sorpresa para veciños e visitantes e revélase como un dos grandes eventos festivos do verán no Carballiño", manifestan dende o concello carballiñés.
Malia ao calor sofocante desta fin de semana, o público saiu ás rúas para vivir os espectáculos e a ambientación que ofrece a feira, organizada por unha empresa privada coa colaboración do concello do Carballiño.
A hostalería da zona centro respondeu á chamada da organización, e varios locais de hostalería ambientaron os seusestablecementos cunha decoración acorde co tempo da feira, substituindo moitos deles as cadeiras de aluminio das terrazas polas alpacas de palla.
Máis dun centenar de alpacas foron distribuidas entre estes establecementos. En varios locais, os interiores tamén foron decorados e os propietarios e o servizo vestíronse con prendas da época medieval.
Durante toda a fin de semana seguirá habendo animación con pasarrúas, malabares, xigantes e cabezudos, e outro tipo de espectáculos. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, asegura que "o éxito acadado nesta primeira eira medieval permitirá planificar con máis tempo o evento para o próximo ano".
De feito, manifesta que se poden mellorar e incrementar as actividades, algunas das cales non se puideron realizar por falta material de tempo para lograr os permisos, como sucedeu coa exhibición de cetrería.
Así, o concelleiro di que "esta foi unha primeira experiencia da que se pode aprender moito de cara ao 2017".
Non son veciña do Concello de Punxin, ainda que miña nai naceu nel. Tocoume ter que visitar a Casa do Concello, debido a unha carta que lle chegou a miña nai do Catastro, -permitase chamarlle catastrofe-, sobre unhas fincas, que herdou nise lugar.
A cuestión, non è nin a carta, nin a herdanza, nin "descatastrofe", nin nada que se lle asemelle, a cuestiòn è a miña sorpresa o entrar na CASA DE TODOLOS VECIÑOS de Punxìn, e toparme cunha servidora pùblica, das que xa non è habitual toparse, educada, amable, atenta, servicial, responsable, preocupada polos veciños, explicando unha, duas e dez veces se fai falla o que sexa.........poucas veces teño saido dun ente pùblico, tan convencida de que os cartos dos veciños non van tirados.
Que quede claro, que nin a vira na miña vida, nin me falaran dela, nin nada que se lle asemelle, pero os meus PARABENS SEÑORA!!!!!, merece vostede que lle desexen estas palabras, porque non è habitual toparse a xente e menos da sua idade asì, o habitual soe ser "da poltrona nadie me quita, e fago o que apetece", xa podian tomar exemplo nos Concellos de Maside e o Carballiño, (outros non os coñezo), ainda que algunha excepciòn, repito algunha sempre queda.

A VIII edición da andaina do Concello de Avión, nesta ocasión centrada no Castro de San Vicente, celebrarase este domingo, 10 de xullo.
Baixo o nome "Ruta do Castro" ofrecerá tres posibles rutas de 21, 13 e 6 quilómetros aos participantes. A presentación desta actividade deportiva tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Ourense na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o alcalde de Avión, Antonio Montero.
O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que "é a primeira vez que a riqueza paisaxística dun concello, neste caso o de Avión, fai que se poida diversificar ao longo do tempo dedicando cada edición a un atractivo turístico típico do municipio". A Deputación de Ourense "apoia este tipo de iniciativas que poñen en valor a nosa riqueza cultural, paisaxística e gastronómica", afirmou Rosendo Fernández.
Pola súa banda, o alcalde de Avión explicou que esta andaina comezou co obxectivo de "fomentar as prácticas deportiva e tamén dar a coñecer o patrimonio natural e artístico que ten o Concello. Comezamos coa ruta dos Chozos, continuamos coa dos Muíños, dos Canastros, dos Ríos, en definitiva, organizamos rutas por distintas zonas entorno aos atractivos de maior relevancia".
Esta oitava edición "fíxose ao redor do Castro de San Vicente, que ten vestixios castrexos, e preto do embalse e do río", asegurou Antonio Montero, quen dixo que o que se pretende con este tipo de iniciativas é "a confraternización de todos os asistentes".
O prezo da inscrición é de 20 euros e inclúe ademais da andaina, "comida, avituallamento, unha camiseta conmemorativa, así como sorteo de agasallos", afirmou o alcalde de Avión.
Bernardino González agradeceu ao Concello de Avión que "organice este tipo de actividades deportivas que van vencelladas á saúde" e animou "a que continúen a desenvolver estas iniciativas que promocionan a nosa provincia".
Eu, Luís Pérez Estévez “Ficol” Concelleiro Portavoz do BNG no concello de Leiro. Motivo da denuncia: Brigada de prevención de incendios para 1 xefe de brigada e 4 peóns no concello de Leiro.
Eu como concelleiro é portavoz do BNG de Leiro, quero denunciar publicamente o meu malestar, vista a polémica xerada polo proceso de selección de ditas prazas.
Dicir que, non se lle deu a publicidade necesaria como pasa sempre no noso concello. Quero suliñar que varios veciños e veciñas do noso concello con graves problemas económicos non poderon optar as devanditas probas de selección.
Porén, optaron os de case sempre, persoal que aínda a día de hoxe están traballando nas brigadas de limpeza no noso concello co seu contrato en vigor.
O grupo municipal do BNG quer deixar moi claro que ante todo deben primar os problemas económicos das familias e non mirar nunca as cores políticas de ninguén O noso grupo, examinará o expediente da selección das devanditas prazas, para comprobar que cumpriu con todos os requisitos legais.
Un saúdo.

O presidente da cámara municipal de Braga, Ricardo Río, invitou aos bracarenses a visitar O Carballiño o domingo 14 de agosto para vivir a Festa do Pulpo.
O rexedor da antiga cidade romana Brácara Augusta compartiu co alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, a presentación da Festa do Pulpo, durante un acto que se desenvolveu ao mediodía na céntrica Plaza da República desta cidade do norte de Portugal.
Río loubou a iniciativa do Carballiño e amosou o seu orgullo por recibir ao alcalde do Carballiño e promover a divulgación dos recursos da vila entre os bracarenses.
Pola súa parte, Francisco Fumega, agradeceu a deferencia pola acollida e por permitir promover a Festa do Pulpo nun lugar tan emblemático de Braga como é a Plaza da República, e destacou a importancia de intensificar a relación entre as cidades e vilas da Eurorrexión co obxectivo de intercambiar experiencias e sobre todo para promover o coñecemento do patrimonio histórico-artístico e cultural entre os veciños de ambas poboacións.
Como un elemento diferenciador deste patrimonio, Fumega expuxo as cualidades da Festa do Pulpo e a vinculación deste produto do mar co Carballiño, unha cuestión que chama moito a atención en Portugal.
Ao remate do acto, que estivo amenizado por un grupo de gaiteiros da Escola de Gaitas do Carballiño, servíronse unhas tapas de pulpo, acompañadas de pan de Cea e viño do Ribeiro.
Con este acto, remata o programa de promoción da Festa do Pulpo en Portugal, que se realizou en tres das cidades lusas máis importantes da Eurorrexión, como son Viana do Castelo, Vila Nova de Gaia e Braga.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 563
- 564
- 565
- 566
- 567
- 568
- 569
- 570
- 571
- …
- seguinte ›
- última »