
O presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vítor Rodríguez, propuxo un hermanamento entre a súa cidade e a vila do Carballiño.
É un ofrecemento que lle fixo ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, durante o acto de presentación da Festa do Pulpo nesta metrópoli da desembocadura do río Douro.
O acto desenvolveuse na capela do Espaço Corpus Christi, un antigo convento restaurado como centro cultural, de singular beleza, e a el asistiron asistiron o Vereador de Turismo, Mario Duarte, o de Cultura, e Carla Machado, en representación da presidencia da Asamblea municipal. A xerente de Turgalicia, Carmen Pita tamén estivo no acto.
E por parte da delegación carballiñesa, acudiron Xosé Manuel Dacal, Diego Fernández e Rosario González, concelleiros de Turismo, Cultura e Medio Rural, respectivamente, así como o portavoz do PP, Argimiro Marnote, a concelleira Pilar Caride, e o portavoz do BNG, Francisco Ferreiro.
Vítor Rodríguez agradeceu a deferencia das autoridades carballiñesas por terlle dedicado a 54 edición desta festa a Gaia, e avogou por promover o intercambio cultural e turístico entre ambas poblacións co obxectivo de difundir as excelencias, incluidas as gastronómicas, de cada unha entre as respectivas veciñanzas. Tamén propuxo colaborar para dar a coñecer o patrimonio histórico-artístico.
Francisco Fumega dixo que tomaba en consideración a proposta do hermanamento e amosou o seu agradecemento tanto pola boa acollida das autoridades gaianas como pola posibilidade de promover a Festa do Pulpo do Carballiño na área metropolitana máis importante de Portugal, tras Lisboa.
Fumega presentou a Festa do Pulpo como un dos maiores eventos gastronómicos e festivos de Galicia e convidou ás autoridades a acudir ao Carballiño o 14 de agosto. Asemade, o alcalde carballiñés fixo un paralelismo entre mosteiros (o de Oseira e o de Corpus Christi) para explicar como unha vila do interior de Galicia podía ter os mellores pulpeiros e pulpeiras do mundo e lle dedica unha festa declarada de interese turístico nacional a este produto do mar.
Finalmente, autoridades, convidados e xornalistas puideron degustar empanada, pulpo, pan de Cea e viño do Ribeiro no patio do convento, co acompañamento dun grupo da Escola de Gaitas do Carballiño, que tamén acudiron a Gaia para este acto de presentación e promoción da Festa do Pulpo.
As autoridades da Cámara Municipal de Gaia confirmaron a súa asistencia á Festa do Pulpo o 14 de agosto, e virán acompañados por unha agrupación musical e folclórica que fará un desfile e unha exhibición de música e baile tradicional no parque municipal do Carballiño ese mesmo domingo.

Arredor de 900 persoas participarán este domingo,3 de xullo, na vixésima edición da xornada de convivencia familiar para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia, que se celebrará no parque municipal do Carballiño.
En total, serán vinte as asociacións das catro provincias galegas que estarán presentes nesta xornada de convivencia que comezará ás 10,30 h., e rematará ás 19,00 h.
O evento presentouse esta mañá no salón de plenos do concello coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; do presidente de Fademga, Eladio Fernández; Bernardino Graña, en representación da Deputación provincial; Josefa Rodríguez, presidenta de Aspadisi e dous mozos de Aspadisi.
Francisco Fumega destacou o labor que desenvolven as familias das persoas con discapacidade intelectual e amosou a súa satisfacción por acoller un ano mais esta xornada de convivencia no Carballiño.
Bernardino Graña disculpou á concelleira de servizos sociais da Deputación, que se atopaba no pleno da institución, e agradeceu ao concello e a Fademga Special Olympics o traballo que levaban a cabo para organizar este evento.
Eladio Fernández loubou ás institucións pola colaboración prestada, concello, Deputación e Xunta e, sobre todo, a Aspadisi e ás familias das persoas con discapacidade intelectual polas iniciativas para mellorar a vida destas persoas. O presidente de Fademga recordou que esta xornada de convivencia comezou había vinte anos no Carballiño e a partir de aí se crearon moitas asociacións como a propia de Aspadisi. Asemade, adiantou que ían entregar a Medalla Special Olympics do 2016 ao profesor xubilado de Vilagarcía Xosé Luis Queiruga. Eladio Fernández sinalou, finalmente, que neste intre había unha boa relación de coopoeración entre Fademga es as asociacións de persoas con discapacidade intelectual e as administracións públicas, especialmente, coa Xunta.
Marina Ortega expresou a súa honra por recibir unha vez máis no Carballiño aos familiares e ás persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia, e dixo que estaba orgullosa de colaborar para que estas persoas poidesen levar unha vida coa maior autonomía posible.
Finalmente, Josefa Rodríguez presentou a dous mozos de Aspadisi que explicaron a súa colaboración con este evento. Así dixeron que elaboraron eles mesmos os agasallos que se ían entregar o domingo, e que incluso idearon algunhas alternativas para o ocio durante a xornada.
O acto inaugural está previsto para as 11,00 h; ás 12,30 h., haberá actuacións musicais; o xantar será ás 14,00 h; ás 15,30 h., terá lugar o fallo do concurso de repostería, e despois comezarán as actividades de ocio, con xogos de mesa e outras iniciativas, e ás 19,00 h., será clausura e entrega de premios.
O Eixo Atlántico convocará unha reunión no Carballiño o 13 de setembro para impulsar a creación dunha rede termal no marco da Eurorrexión.
Esta iniciativa tómase dende o Eixo Atlántico a proposta do alcalde do Carballiño que, como rexidor dunha vila membro da organización, considera de gran interese elaborar unha estrategia propia para as vilas e cidades termais que forman parte do Eixo Atlántico.
En total, serán sete as vilas e cidades galegas convocadas, e outras seis de Portugal. Así, figuran nesta relación, ademáis do Carballiño, Laias, Lobios, Mondaríz, Lugo, Ourense e Caldas de Reis, en Galicia, e Termas de Sâo Jorge (Santa María da Feira), Chaves/Vidago/Pedras Salgadas, Caldas da Saúde (Santo Tirso), Taipas (Guimarâes), Caldas de Aregos (Rosende) e Melgaço.
Será a segunda reunión que teña lugar no Carballiño do Eixo Atlántico, pois no pasado mes de febreiro xa se reuniron na vila os concelleiros e técnicos de turismo das vilas e cidades que forman parte da organización. O interese do Carballiño nesta xuntanza reside, fundamentalmente, na posibilidade de impulsar a promoción dos establecementos termais, aproveitando a sinerxia do Eixo Atlántico.
De feito, os cambios que se están producindo en materia termal no Carballiño últimamente, coa construción do novo balneario de Partovia, a prevista renovación das instalacións do Gran Balneario do Carballiño, e a mellora da zona termal do Bañiño de Arcos, esixe a toma de iniciativas para anticiparse a estes cambios e fortalecer a relevancia do Carballiño nos principais foros termais. De aí que se considere de especial importancia esta proposta do Eixo Atlántico.

Foron cinco as Medallas Castelao que entregou neste ano 2016 a Xunta de Galicia, entre elas, á carballiñesa Maria Teresa Miras Portugal.
A cerimonia de entrega tivo lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Sanitago de Compostela, este 28 de Xuño, data que coincide coa chegada a Galicia dos restos mortais de Castelao en 1984.
Coa entrega da Medalla Castelao, o goberno galego recoñece o traballo de Maria Teresa Miras portugal, natural do Carballiño, que dirixe na actualidade o departamento de bioquímica e bioloxía molecuar da Universidade Complutense de Madrid.
Leva máis de catro décadas dedicada á investigación, especializada no campo das doenzas neurodexenerativas.
A Medalla Castelao é un recoñecemento honorífico creado pola Xunta de Galicia para homenaxear a aquelas persoas ou institucións e entidades que desenvolven unha actividade artística, cultural, científica ou calquera outra que as fagan merecedoras desta distinción.

A xunta directiva provincial do Partido Popular de Ourense reuniuse para facer análise dos resultados electorais obtidos o pasado domingo e nomear ao comité de campaña para as eleccións autonómicas de outono. Unha convocatoria que tivo como escenario o edificio multiusos do Concello de Avión, onde os populares ourensáns acadaron a maior porcentaxe de apoio ao partido co 88,17 % dos votos.
Esta cita en Avión, sinalou o presidente provincial, “ten como fin recoñecer os impresionantes resultados alcanzados neste concello, pero tamén poñer en valor o traballo desenvolvido polos outros 91 representantes locais do partido que fixeron unha gran campaña”.
O PP, engadiu, “é un partido por e para a provincia, que só traballa en positivo na construción de Ourense e cunha solidez clave no éxito electoral do domingo”. Neste sentido, Manuel Baltar lembrou que a provincia tiña un claro protagonismo no programa de intencións co que se presentou á presidencia do partido en marzo pasado, propostas das que citou en concreto a celebración de xuntanzas itinerantes dos órganos do partido polo territorio ourensán, sendo está a segunda das convocatorias que se realizan fora da sede logo da celebrada en Cea na estrea da xunta directiva elixida no congreso provincial.
Baltar non deixou pasar a ocasión de lanzar unha mensaxe de agradecemento aos case que 30.000 afiliados ourensáns ao Partido Popular, pero tamén aos 508 concelleiros que representan á formación por toda a provincia. “Se o domingo celebráramos eleccións municipais –dixo en alusión á extrapolación dos datos- tería que felicitar a preto de 600 concelleiros de 87 concellos e iso sísería unha verdadeira demostración da fortaleza deste partido”.
Para o presidente provincial, o éxito do PP radica na capacidade de traballo das persoas que o integran e a súa continua actividade política, “características que nos diferencian doutros partidos, fatalistas e agoreiros, que aínda hoxe están a pensar nas causas do seu estrepitoso fracaso, procurando calquera tipo de xustificación agás facer unha profunda reflexión das súas mensaxes, baleiras de contido e co único propósito de derrotar a outro partido. E iso non é política”.
Trala intervención do presidente, os membros do órgano de goberno popular tiveron ocasión de analizar os resultados do domingo a través dun completo documento no que se recollen todo tipo de datos e extrapolacións por concellos, xuntas electorais e institucións.
Na orde do día da xunta directiva tamén figuraba a constitución do comité de campaña para as eleccións autonómicas de outono, del tal xeito que o Partido Popular de Ourense convértese na primeira formación popular de Galicia en formar este órgano electoral, encargado da organización e desenvolvemento.
O comité, integrado por vinte e cinco persoas, non presenta variacións con respecto ao constituído para as eleccións do pasado domingo, xa que segundo afirmou Manuel Baltar “o equipo de campaña fixo un magnífico traballo que, non me cabe dúbida, repetirá para conseguir os mellores resultados nas autonómicas”.

O Campo da Saleta acollerá este domingo 3 de xullo unha nova edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano cumpre o seu 25 aniversario e para celabralo ten organizado un amplo programa de actividades.
A presentación do mesmo tivo lugar no Centro Cultural da Deputación de Ourense e contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; do secretario da IXP, Ricardo Losada; do presidente do ente provincial, José Manuel Baltar; e do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.
Carlos Rodríguez salientou que esta 25 edición da festa será unha celebración moi especial e, por iso, contará cun amplo programa co que IXP e o Concello agarda incrementar o número de persoas que, ano tras ano, participa na Festa de Exaltación do Pan de Cea. A previsión é que se poidan degustar durante o domingo arredor de 2.700 pezas deste produto con Indicación Xeográfica Protexida. Ademais, está confirmada a participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, e o seu homólogo no Parlamento, Miguel Santalices, e o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
Pola súa banda, o presidente da IXP aproveitou para explicar que “as vendas do Pan de Cea non paran de medrar. De feito, no 2015 aumentaron un 5%, superando as 700.000 pezas.
Esta maior demanda prodúcese en especial fóra de Galicia e, en concreto, en restaurantes e tendas delicatessen”.
Ruta dos fornos e cociña en vivo
Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 3 de xullo, xa para o sábado 2 de xullo están preparadas varias iniciativas. Entre elas, a xa consolidada Ruta dos Fornos pola vila de Cea, entre as 19 h e 22 horas, contará coa animación de “Vai de Baile”. Ademais os catro fornos tradicionais -o da Parapeta, o do Santo, o do Abade e o do Lodaira ou Panadeira- disporán de pinchos e viño para os visitantes.
Tamén, un ano máis, terá lugar a cociña en vivo da man da chef ourensana, Emma Pinal, quen ás 17.30 h na Praza Maior elaborará diferentes pratos cos máis pequenos, quenes despois deixarán paso os maiores que poderán probar a súa arte nos fogóns ás 19.15 horas ou ás 20.30 horas no mesmo lugar. A xornada do sábado pecharase cun concerto de LICHIS (ex-Cabra Mecánica), a partires das 23 horas na Praza Maior.
Un pregoeiro para a ocasión
A xornada grande, da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que nesta edición celebra o 25 aniversario, o domingo 3 de xullo, comezará ás 10.00 horas, cos tradicionais pasarrúas a cargo de charangas.
Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. O pregón chegará ás 13.00 horas da man de Óscar Pereiro, ciclista galego e gañador do Tour 2006, que nesta especial ocasión será o encargado de pronunciar o discurso que inaugurará oficialmente a festa.
A continuación, terá lugar o acto de homenaxes ás panadeiros xubilados e finalmente actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas. Veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Dito xantar comezará ás 14.30 horas.
A sesión vermú e a verbena de fin de festa correrá a cargo da orquestra Fin de Siglo.
O Partido Popular incrementa o seu apoio electoral en todas as mesas do municipio carballiñés. O resto das candidaturas perden votos.
Na comparativa, poden verse os resultados de cada candidatura, tanto os correspondentes ao 20D como ao 26X.
Para acceder ao mapa electoral no concello do Carballiño prema no arquivo adxunto:
Vaise perfilando unha desas festas medievais tan repetidas por todas partes e neste caso nesta nosa vila que pouco máis ten que dous intensivos séculos de vida arredcor dunha encrucillada e dos camiños. Sempre a rastro das boas e trunfantes ideas culturais de Ribadavia.
Festas medievais que se venden por catálogo: os mesmos telderetes ofrecendo ghastronomías, artesanías, as máis destas de Marrocos ou da china...Todo confeccionado pro consumidor e por medio algún argumento de que si Oseira, Beade....
Hai anos que naceu e se expresa con esforzo e agarimo unha trentativa que nace no barrio de Flores, nese barrio marxinal situado no cu du concello, con solainas, eiras e cabaceiros maltratados (mirese o da Eira, atado por transformadores e cables, pese a ser un Ben protexido....
Referímonos o apoio á FEIRA DE PEPA LOBA ¿cómo non se intensifica isa idea do Carballiño do século XIX, o da "Xuventude de Pepa Loba? e se ofrecen os productos orixinais da terra, que son os gastronómicos da feira, potenciar canta pouca artesanía queda....
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 565
- 566
- 567
- 568
- 569
- 570
- 571
- 572
- 573
- …
- seguinte ›
- última »