
O alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantiveron un encontro de traballo no que abordaron diversas necesidades en materia de equipamento neste municipio.
Neste sentido, a titular deste departamento do goberno galego comprometeuse a estudar a colaboración co concello de San Amaro para financiar o proxecto de mellora do antigo campo da feira de San Amaro, na propia capitalidade municipal.
Trátase dun espazo de algo máis de 3.500 m2, no que ademáis se celebra a festa patronal, a carón da igrexa parroquial de San Amaro, e no que se pretende unha actuación de mellora, que xa foi consensuada previamente cos veciños da contorna.
A memoria económica elaborada polo concello para a execución deste proxecto elévase a 150.000 euros.

A Mancomunidade de Concellos do Carballiño, formado polos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo, San Amaro e Maside, xunto co Concello do Carballiño.
Dende o Servizo de Prevención de Drogas (financiado pola Consellería de Sanidade) contarán coa presenza de Pedro García Aguado, ex deportista de elite ademais de coñecido coach dos programas de televisión “Hermano Mayor”, o “El Campamento” entre outros como protagonista de dúas charlas coloquios.
Durante a presentación desta actividade estivo presente o Presidente da Mancomunidade; Manuel Cerdeira, o alcalde do Carballiño; Paco Fumega, a vicepresidenta da Mancomunidade; Patricia Torres, a concelleira de Benestar Social do Carballiño; Marina Ortega e a psicóloga do Servizo de Prevencións de Drogas; Inés Meizoso.
Cerdeira agradeceu o apoio da Consellería de Sanidade e da Deputación de Ourense para levar a cabo dito programa así como ao alcalde do Carballiño Paco Fumega pola aposta a través dun convenio deste servizo.
Fumega destacou a gran oportunidade para os veciños e as veciñas de toda a comarca en especial aos do Carballiño, que pola súa característica máis urbana é a que presenta maior problemática no ámbito da droga.
Ines Meizoso, a técnico do programa, indicou que “esta é unha máis das múltiples actividades que se realizan durante todo o curso e agradeceu a colaboración de todos os colectivos que favorecen o seu traballo como os centro saúde, autoescolas e sobre todos aos colexios e institutos. Tamén destacou a vontade política tanto de Manuel Cerdeira, como de Ana Patricia Torres e de Paco Fumega e Marina Ortega que apostan por este programa ademais da propia Consellería de Sanidade e da Deputación de Ourense”.
Este ciclo de charlas só estivo en Galicia en Vigo e A Coruña, con aforo completo, sendo a organizada na nosa comarca a terceira delas e a primeira de Ourense. Trátase dunha aposta do sector público por achegar ás conciencias dun sector da poboación co fin de evitar o contacto con calquera tipo de drogas a través do relato das vivencias dunha persoa que estivo nese mundo e conseguiu saír del.
Estas charlas serán dirixidas por un banda aos pais/nais ou titores legais e por outra aos mozos e mozas dos diferentes centros de educación secundaria existentes nos concellos participantes
A charla dos pais/nais e titores legais terá lugar o 26 de maio ás 20.00 horas no auditorio do Carballiño, sendo totalmente gratuíta e aberta para tódolos país/nais interesados. En dita conferencia ademais do coñecido coach, Pedro García Aguado, tamén estará o profesor especialista en mozos con problemas de conducta Francisco Castaño Mena.
Os dous profesionais darán pautas clave para levar a cabo na educación dos nosos/as fillos/as e expor ferramentas para evitar o mal comportamento e o fracaso escolar. Os pais/nais poderán intervir e interactuar con eles para resolver calquera tipo de dúbida ou curiosidade durante as dúas horas de duración de dita charla.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello de Leiro para acondicionar a rúa Padre Eiján.
En concreto, o Goberno galego achegará preto de 200.000 euros para financiar esta actuación, que se inscribe no Plan hurbe. Así se recolle no convenio asinado hoxe entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Francisco José Fernández.
Esta iniciativa vai permitir realizar “unha mellora efectiva dun espazo importante para a vida cotiá” dos veciños e veciñas de Leiro, explicou Mato. A rúa Padre Eiján está situada no corazón do núcleo urbano do concello, e une a rúa Gabino Bugallal –a principal vía da localidade- co paseo fluvial do río Avia. A principal actuación que se vai realizar ao abeiro do convenio será a mellora dos accesos á rúa, tanto peonís como rodados.
Para conseguilo, as obras contemplan a execución dun novo pavimento mellorado (de formigón acabado a cepillo e lousado de granito moreno); a ampliación e mellora do alumeado actual; e a renovación das infraestruturas básicas, separando as redes de saneamento e pluviais.
“En definitiva”, concluíu Mato, “o convenio que hoxe asinamos vai contribuír á rexeneración urbanística dun importante espazo público do concello e, polo tanto, vai contribuír directamente á calidade de vida dos veciños e veciñas”. Trátase da segunda actuación que se executa en Leiro ao abeiro do plan hurbe. En 2010 levouse a cabo o acondicionamento de dous tramos nas rúas Prado e Emilio Hermida, cun orzamento de preto de 45.000 euros. Deste xeito, o investimento do plan hurbe no concello ascende en total a case 250.000 euros.
Con todo, Mato precisou que esta non é a única colaboración prevista co concello. O departamento tamén vai destinar, a través de Augas de Galicia, un total de 20.000 euros para financiar a redacción do proxecto de construción dunha nova pasarela sobre o río Avia. Esta nova pasarela vai permitir volver conectar os 6 quilómetros de paseo polas ribeiras deste río.

O X Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas reunirá a un grupo importante de investigadores que presentarán máis de medio centro de ponencias e comunicacións sobre distintas materias da comarca.
Entre os traballos inéditos que se darán a coñecer figuran ponencias sobre a mineiría do estaño e do wolfram, así como da aurífera na época romana, que foron moi relevantes na comarca do Carballiño.
E destacan, tamén, outros traballos sobre o patrimonio das árbores senlleiras, e as memorias da limpeza de Castro Cavadoso e do castro de Cameixa, que se vai a reescavar dentro de pouco, tras máis de 70 anos de que o fixeran Xocas e Florentino López Cuevillas.
O Congreso, que leva por título: O HOME E O MEDIO. OS ESTUDOS COMARCAIS COMO BASE DA INVESTIGACIÓN, celebrarase por primeira vez na sede do centro de estudios en Cabanelas, na Casa de Bexanca, do 14 ao 16 do próximo mes de maio.
Miguel García, secretario do centro de estudios, asegurou, durante a presentación do programa, que se trata dun hito histórico, pois probablemente ningunha outra comarca de Galicia teña tantos traballos publicados como a do Carballiño.
No mesmo sentido se pronunciou o presidente desta entidade, Xosé Luis Sobrado, quen destacou a herencia investigdora do centro de estudios tras máis de 300 traballos publicados nas máis diversas materias.
Segundo Sobrado, este congreso, que ten carácter bianual, é o único que sobreviviu no tempo e, tras vinte anos, amosa unha fortaleza extraordinaria, como o demostra e número de ponencia e comunicacións presentadas, que vai “in crecendo” cada ano.
Finalmente, Jorge Lamas, responsable da área de prehistoria, historia antiga e arqueoloxía, asegurou que se había vinte anos a comarca do Carballiño non era relevante nestas materias, hoxe é unha das comarcas máis importantes de Galicia tanto polo seu patrimonio como pola investigación realizada.
Este congreso conta coa colaboración da Universidade de Vigo e vaise presentar por primeira vez ante o profesorado de ESO e bacharelato dos centros educativos da comarca. De feito, o centro de estudios ultima a concesión de diplomas de 28 horas pola consellería de Educación ao profesorado que acuda ao congreso, e outro diploma de 30 horas pola Universidade de Vigo para os alumnos inscritos.
Na páxina web do centro de estudios figuran todos os requisitos para poder matricularse neste congreso, así como o programa previsto.
Xosé Luis Sobrado fixo un chamamento esta mañá aos estudantes e a todos os carballiñeses en xeral para que se matriculen neste congreso e asistan ás ponencias, así como aos actos lúdicos programados.
Hola ben queridos veciños eu poñome en contacto porque me parece una vergoña o que esta pasando día tras día na calle A Rega. HAi una señal a entrada, excepto residentes, pintouse de amarillo e nada aquí nOn se respeta nada, EStamos cansados de chamar a policía para que poña un pouco de orden asi que pedimos que por favor no Concello nos poden poñer una pivotes ou alguna solución e a ver si así a xente ten un pouco mais de vergoña. Moitas racias

O alcalde de Maside nega un local público para informar sobre o estado de instalación dunhas obras subcontratadas por Vodafone.
79 veciños de Maside afectados pola instalación dunha antena de telefonía móbil moi próxima ás súas vivendas, tiveron que celebar unha reunión informativa sufrindo as inclemencias do tempo, na Praza do Concello. Plataforma Masidá, colectivo que loitou en contra dunha instalación de incineración de neumáticos, solicitou o venres 8 de abril, un local a Casa da Cultura para celebrar unha reunión o día 16 de abril, á que estaban convidados todos os membros da Corporación. O alcalde non atendeu á petición do colectivo e non autorizou o uso do local. Con todo, unha semana antes celebrara unha reunión con media ducia de veciños, entre os que se atopaban os que celebraron o contrato mercantil coa operadora.
Desde Plataforma Masidá cualifican de surrealista a xestión dos responsables municipais. Lembran que unha concelleira do goberno socialista paseouse polas casas dos veciños afectados para reunir firmas en contra da instalación. Que o alcalde se comprometeu a paralizar a obra. Que non fixo nada e foi unha denuncia ante a Garda Civil a que paralizou a obra. Que as obras xa están case terminadas e que se invadiu unha leira privada, e encheuse unha vía pública para poder invadir a leira privada que dá acceso á leira onde se produciron as obras. E que o recheo foi restituído ao seu estado inicial presuntamente con diñeiro público.
Desde Plataforma Masidá manifestan que esta obra realizouse incorrendo en numerosos ilícitos urbanísticos, e que o Concello non desenvolveu o exercicio das potestades de inspección, control e sanción que lle son propias. Manifestan que xa denunciaron esta obra á APLU, e que probablemente a poñerán en coñecemento do Ministerio Fiscal.
Remitido.
Nas diferentes ofertas televisivas coas que contan as distintas cadenas, decátome que unha de estas programa para hoxe unha vella película de cine español: "Espérame en el cielo". Para o xuntador de palabras que suscribe a presente, cabe destacar a fantástica interpretación do añorado Sazatornil, coñecido como Saza. A cinta está centrada na dictadura franquista. Teño a grande sorte de non ter padecido as barbaridades da dictadura e os meus referentes máis cercanos a tan lamentable etapa son os que de cando en vez se colan nos medios de comunicación en forma de documentos xa históricos, producidos no seu día polo NO - DO.
En non poucos destes publi - reportaxes, enaltécese a figura do caudillo, e vese como sae a recibir ó pobo que agarda en multitude a súa presencia. Unhas veces dende unha ventá ou balcón, outras pe en terra, dándose un baño de multitudes.
Onte sábado houbo en Maside un acontecemento, que, por suposto salvando as distancias, me fixo recordar o vello NO - DO. Niste caso, tamén un grupo duns oitenta masidaos concentrados na praza maior, esperaban diante do edificio do concello a presenza do seu alcalde/caudillo. Agardaron estoicamente baixo unhas condicións meteorolóxicas moi adversas. Pero nin dende o edificio, nin pe a terra alí aparecéu a quen o pobo esperaba. A Súa Excelencia Celso Fernández, non tivo a ben honrar ós seus conveciños coa súa presenza.
Alguén dos que alí se concentraban, tivo a increíble ousadía de preguntarse o porqué daquela ausencia. Ata ahí poderíamos chegar. Señores, o alcalde/caudillo de Maside, non da explicacións. E non as da pois sencillamente porque ó parecer non ten porque dalas. Así. Vamos, o que ven sendo por gónadas.
Mesmo parece que o alcalde/caudillo foi designado "pola Gracia de Dios", como rezaba no anverso das antigas pesetas, e non polos veciños.
Dende aquí, non podo máis que pedirlle, solicitarlle ou ata implorarlle ó rexidor, que o é tamén polo meu voto, que teña a ben saír do despacho, establecer contacto cos masidaos, darlle tódalas explicacións que lles piden e tratar de buscar unha solución ós problemas que son de todos. Se fose necesario, iste xuntador de palabras, solicitaríao mediante instancia, rematada coa fórmula utilizada a vella usanza: "...es gracia que espera merecer de Su Excelencia, cuya vida guarde Dios muchos años".

O poeta Manuel María, autor do libro Cantigueiro de Orcellón e a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, será nomeado Fillo Adoptivo da vila do Carballiño, a título póstumo, a proposta dos catro grupos que conforman a corporación municipal do Carballiño.
Este acordo, tomado conxuntamente polos portavoces do PP, Argimiro Marnotes, do BNG, Francisco Ferreiro, de AV-SON, Bernardo García, e do propio alcalde, foi anunciado por Francisco Fumega no acto que se desenvolveu esta tarde na Casa da Cultura para presentar a reedición do Cantigueiro de Orcellón, que financiou o concello do Carballiño en colaboración coa Fundación Manuel María.
“É unha distinción que tomamos en recoñecemento e gratitude á persoa que que soubo plasmar coma ninguén, en sinxelos e fermosos poemas, o sentir dun pobo, nado da feira e caracterizado pola fonda pegada dos arrieiros, dos tratantes e dos emigrantes, que son parte esencial da nosa historia”, segundo dixo o alcalde. “Os carballiñeses sentímonos honrados e orgullosos do agarimo de Manuel María hacia O Carballiño e a comarca, e de poñerlle voz poética a moitos dos lugares máis senlleiros da vila, aos persoeiros e aos oficios tradicionais, e creo que é a mellor forma de rendirlle tributo”, manifestou Fumega.
No acto, ao que asistiron os portavoces, concelleiros e concelleiras dos grupos municipais, así como representantes dos colectivos culturáis e veciñais, e amigos persoais de Manuel María, como Xan Alfonso García e César Varela, Felipe Senén, autor dos debuxos do Cantigueiro de Orcellón, agradeceu en nome da viúva de Manuel María, Saleta Goy, que finalmente non puido acudir ao acto, a distinción anunciada polo alcalde.
Felipe Senén disculpou a súa ausencia por motivos ineludibles de última hora, concernentes á presidencia do padroado da Fundación Manuel María, que ocupa dona Saleta Goy. Disertou sobre o significado do Cantigueiro de Orcellón e a fonda relación do autor co Carballiño e as terras do antigo Orcellón. E o fixo acompañando as súas verbas coa proxección de fotografías, moitas delas inéditas, de Manuel María.
O concello editou 1.000 exemplares do Cantigueiro de Orcellón, que se distribuirán, sobre todo, entre os centros educativos e bibliotecas, co obxecto de que poidan dispor del os alumnos e alumnas, así como entre todas aquelas persoas, entidades e asociacións que teñan interese. É unha edición moi coidada e correxida, cunha nova cor da portada e contraportada, e con novos debuxos que non ían na edición orixinal de 1984.
Piden que o auditorio leve o nome de Manuel Maria
As asociacións Avantar, Andasoa e Cine-Club presentaron un escrito no rexistro municipal do concello do Carballiño no que piden que o auditorio municipal leve o nome do autor do Cantigueiro de Orcellón, ao considerar que "Manuel María elevou á literatura galega o nome do Carballiño".

Según os datos que se desprenden do informe pulicado polo INE, procedentes do padrón municipal de de 2015 -13.999 habitantes-, o 42.14% dos habitantes empadronados no concello do Carballiño son naturais do propio municipio, nacidos no Carballiño, mentres que 57,86% da poboación actualmente empadronada no municipio procede de fora do Carballiño.
Desta maneira, concluimos que 5.899 habitantes do municipio carballiñés son naturais do mesmo, fronte a 8.100 habitantes que chegaron a O Carballiño nacidos fora do municipio.
Entre os non nacidos, o 43,00% chegaron a O Carballiño dende diversas localidades de España, o 31.92% dende outros municipios da provincia de Ourense, o 6.73% dende as outras 3 provincias galegas, o 4,34% dende outras comunidades autónomas, e o 14,87% dende outros paises, fora de España.
Según os datos aportados polo Instituto Nacional de Estadística, un total de 2.081 habitantes empadronados no concello do Carballiño naceron noutros países, 1358 en América e 677 en Europa. No continente africano, 26 habitantes, 14 en Asia e 6 en Oceania.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 574
- 575
- 576
- 577
- 578
- 579
- 580
- 581
- 582
- …
- seguinte ›
- última »