
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde do concello de Beariz, Manuel Prado López.
Na xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, conselleiro e alcalde acordaron continuar coa colaboración emprendida entre as dúas institucións que beneficia a todos os colectivos da sociedade.
Deste xeito, ambos mandatarios lembraron a importancia da continuidade do Servizo de Axuda no Fogar a dependentes, que neste 2016 presta 2.868 horas de atención das que se benefician 60 veciños e veciñas da Mancomunidade de O Carballiño.
O conselleiro salientou do mesmo xeito, o aumento dun millón de euros ao ano no SAF acordado este mércores no Consello da Xunta ata acadar o 100% da atención das actuais persoas solicitantes deste servizo, un incremento de horas do que se verán beneficiados tamén os usuarios da Mancomunidade.
En concreto, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social, achega preto de 55.000 euros para o desenvolvemento deste servizo no concello de Beariz. Ademais, ambos mandatarios repasaron a situación e o estado das infraestruturas sociais da comarca para maiores e infancia.

O concello rendeu homenaxe ao voluntariado da Cruz Vermella do Carballiño. Nun acto presidido polo alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Benestar Social, Marina Ortega, e a vicepresidenta comarcal da Cruz Vermella, África Lavandeira, trinta e cinco voluntarias e voluntarios da asamblea local e da comarca desta institución recibiron un diploma e un ramo de flores en recoñecemento polo seu labor.
Francisco Fumega destacou o traballo esencial que desenvolve a Cruz Vermella no Carballiño. Dixo que “o seu labor resulta indispensable tanto a nivel social como nas situacións de emerxencia e auxilio. Por iso, hai que resaltar o compromiso e a función que desempeña o voluntariado, sen o que non sería posible cubrir as necesidades deste servizo”. E engadiu que “esta débeda cos voluntarios e voluntarias da Cruz Vermella é o que quero testemuñar hoxe neste acto de homenaxe, que é, sobre todo, un recoñecemento polo voso esforzo e polo voso labor a prol da comunidade”.
Marina Ortega amosou a súa admiración pola excelente coordinación e tarefa desenvolvida pola Cruz Vermella e propuxo acometer novos retos para garantir o abastecemento ás persoas necesitadas e intensificar o traballo de reeducación co obxectivo de lograr que as persoas poidan superar as suas situacións persoais e se poidan valer por sí mesmas. Asemade, ensalzou a formación do voluntariado da Cruz Vermella e a súa entrega absoluta para dalo todo a cambio de nada.
África Lavandeira agradeceu o recoñecemento do concello e, sobre todo, o espíritu xeneroso e valiente do voluntariado que presta servizo a prol da comunidade, dando cada persoa o mellor de si mesma. Dixo que a Cruz Vermella é o último eslabón da cadea, quen está máis cerca da xente necesitada, e recordou que o o próximo domingo, 8 de maio, é precisamente o Día Mundial do movemento.
Finalmente, interveu a coordenadota da asamblea local, Esther Rúas, que, profundamente emocionada leu un breve discurso no que resaltou a dureza do traballo de proximidade que desenvolve o voluntariado, que ten que achegarse cada día aos problemas da xente máis desesperada e ás zonas escuras dos pobos.
Durante o acto, que foi seguido por máis de medio de persoas que abarrotaron o salón de sesións do concello, proxectouse un vídeo sobre as actividades que desenvolve a Cruz Vermella no Carballiño, como cursos para os maiores, recollida de roupa e clases de alfabetización, entre outras vencelladas coas situacions de emerxecia ou primeiros auxilios.

O Concello de Boborás presentou no transcurso dun acto celebrado no Pazo de Almuzara unha guía turística baseada na abundante riqueza patrimonial do municipio.
Na elaboración do mesmo, contouse coa presenza do equipo multidisciplinario do Centro de Estudios Chamoso Lamas, abarcando dende o Paleolítico ata a actualidade.
En total fixose unha edición, feita pola imprenta da Deputación de Ourense, de 3.000 unidades en galego, outras tantas en castelán e 2.000 en inglés.
A concelleira de Cultura e Turismo, e voceira do Goberno local de Boborás, Patricia Torres, destacou durante a presentación a "amplia información que recolle este folleto, sendo o resultado de oito meses de traballo, porque está elaborado con moito rigor, é un traballo moi ben feito, co que se pretende dar a coñecer o municipio e atraer visitantes".
A publicación presenta na parte interna un mapa histórico, patrimonial e arqueolóxio de Boborás,e será distribuída entre as seis casas de turismo rural existentes no municipio, así como nas oficinas de turismo de Ribadavia, O Carballiño, Ourense e mesmo en Turgalicia.
Ademais, dende as propias xerencias das casas de turismo rural xa reclamaban unha ferramenta de difusión para dar a coñecer a riqueza patrimonial de Boborás aos visitantes, posto que se reciben turistas dende Galicia, o resto do Estado pero tamén do estranxeiro.
Xosé Luis Sobrado, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, declaraba durante a presentación que " a misión da entidade está en investigar, pero para divulgar esas investigacións, para que se conoza e valore o pasado".
Indicaba tamén, que esta publicación recolle, de forma comprimida, a importancia histórica deste concello e do seu patrimonio, referíndose á existencia de torres, pontes medievais, igrexas románicas e como lugar de paso para aos arrieiros , ademais de ser produtor de viño.
"É un concello cunha potencialidade enorme, que é o seu patrimonio", remarcou Sobrado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer unha importante obra de mellora e conservación no mosteiro de Santa María a Real de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea, que se levará a cabo en varias fases e suporá un investimento total aproximado dun millón de euros.
Tal como anunciou o conselleiro Román Rodríguez nunha visita a este Ben de Interese Cultural, o departamento de Cultura está ultimando os trámites para licitar a redacción do proxecto básico e de execución para as obras e coa previsión temporal de que comecen as obras este mesmo ano.
Román Rodríguez subliñou que esta actuación persegue un triplo obxectivo. O primeiro e máis destacado é garantir a conservación e mantemento deste monumento senlleiro que está considerado coma “o Escorial galego”.
En segundo lugar poténciase o valor dun recurso cultural que posúe un importante atractivo turístico e, por último, esta actuación axuda á dinamización dunha zona rural do interior da provincia de Ourense na medida en que posibilita a xeración de novos recursos relacionados co ocio e a cultura. De feito, o mosteiro de Oseira e mailo de Sobrado dos Monxes son os únicos dous cenobios en Galicia que se manteñen en uso con comunidades monásticas en activo.
Actuacións por fases
As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de restauración e mellora na cuberta, na carpintería, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento.
Tamén se realizará un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun plan director do monumento.
En concreto, está previsto acometer a substitución íntegra da cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos de limpeza e mantemento dos paramentos dos espazos de maior valor cultural e procederase á pavimentación no espazo da escaleira monumental na planta baixa.
Tamén se revisará a carpintería, farase un estudo de iluminación e se mellorarán as condicións ambientais da sancristía, da sala capitular e do claustro dos medallóns. O proxecto de restauración abrangue tamén ás pinturas murais da cabeceira, dos retablos e portas policromadas así como os elementos de carpintería de madeira orixinais do mosteiro.

O Bloque Nacionalista Galego quédase cun único concelleiro na corporación municipal do Carballiño, tras confirmarse a baixa na formación de Marco Antonio Reboredo.
O concelleiro, que ademáis veu exercendo durante os últimos anos como responsable do consello local do BNG no Carballiño, abandona o BNG por "non compartir a liña política que está seguindo o Bloque Nacionalista Galego", según comentou a esta emisora de radio.
De feito, o BNG pedíulle -por escrito- que renuncie á súa acta de concelleiro do BNG na corporación municipal do Carballiño, á que accedeu como nº 2 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas nas eleccións municipais de Maio de 2015.
Según avanzou a esta emisora de radio, Marco Antonio Reboredo ten a intención de seguir exercendo como concelleiro, polo que tería que pasar a formar parte do grupo dos non abscritos.
Asi as cousas, Chema Ferreiro quédase como único concelleiro do BNG da corporación carballiñesa.

A concellería de Medio Ambiente inicia unha campaña de información e sensibilización para mellorar a recollida selectiva do lixo e a limpeza da vila. Nesta campaña colabora o centro comercial aberto, co obxecto de implicar ao sector dos servizos, que representa o 60% do movemento económico do Carballiño.
A concelleira de Medio Ambiente, Erika Paz, o presidente do centro comercial aberto, Julián Garriga, e a xerente desta entidade, Noelia Mares, presentaron hoxe esta campaña, que vai acompañada de abundante material de información que será distribuído a través dos establecementos comerciais e hostaleiros e por outras canles, como os lugares públicos, de forma que poida chegar a todos os veciños e veciñas.
Asemade, realizaranse accións dirixidas aos centros educativos, co fin de concienciar aos máis pequenos e á mocidade da necesidade de reducir, reciclar e reutilizar os residuos, facendo un bo uso das normas de recollida do lixo.
Concretamente, nesta campaña figuran tres carteis con información sobre o punto limpo, o uso correcto dos contenedores e as boas prácticas cívicas na rúa e nos lugares públicos. Asemade, elaborouse un folleto de man con todas estas recomendacións e información útil para conseguir mellorar a recollida selectiva do lixo e a limpeza e boa imaxe da vila e do municipio.
A campaña, que se pon en marcha baixo o lema de “Por un Carballiño sostible”, persigue, sobre todo, a colaboración veciñal pero tamén a dos establecementos comerciais e hostaleiros, xa que xeneran unha boa parte do carton e vidrio que se verte nos contenedores, e son, precisamente, o tipo de residuos que permiten unha mellor reciclaxe, asegurou a concelleira de Media Ambiente.
Erika Paz dixo que case o 90% do lixo xenerado no Carballiño é o común que vai nos contenedores verdes, mentres que o 7% é cartón e papel, o 4% vidrio e só o 1% envases dos contenedores amarelos. Este último é o tipo de residuo que contén máis impropios, e, precisamente, o 11% do papel-cartón e vidrio son os que permiten unha mellor selección e reciclaxe, e que deberían supoñer unha porcentaje maior.
Pola súa parte, Julián Garriga dixo que o centro comercial aberto íase implicar ao cen por cen nesta iniciativa, que considerou magnífica, para lograr a participación dos máis de cen establecementos asociados, que poden contribuir de xeito efectivo a mellorar o uso dos contenedores e a propia imaxe da vila.
A campaña desenvolverase en tres fases para diferenciar cada unha das accións que se poñen en marcha: uso correcto dos contenedores, puntoi limpo e boas prácticas na rúa.

O concello do Carballiño ten previsto convocar un concurso para ocupar os 23 postos que permanecen vacantes na praza de abastos. Actualmente, están ocupados prácticamente a metade dos postos dos que dispón o mercado, 20 postos concretamente.
Esta foi unha das iniciativas das que se informou durante a reunión mantida no salón de sesións do concello polos praceiros e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira. Ao respecto, Nogueira dixo que había unhas 20 peticións de información acerca das prazas vacantes, que se poderían convertir en solicitudes no caso da convocatoria do concurso.
“Este dato fai albergar moitas esperanzas para que se poida producir un rexurdimento do mercado de abastos”, segundo engadiu o concelleiro. Tamén se acordou estudar fórmulas para mellorar e dinamizar a praza de abastos e para resolver algunhas cuestións de interese tanto para os praceiros como para os usuarios. Así, prevese resolver o problema que xeneran os contenedores instalados no exterior do edificio para recoller o lixo xenerado polos postos e habilitar un espacio interior pechado, de forma que se eviten os malos olores e, ao mesmo tempo, que os contenedores non estean visibles.
Será, polo tanto, un cambio na forma e no fondo, de salubridade e de imaxe. Con respecto ao aparcamento, tamén se estudará a maneira de que poida ser máis eficaz tanto para o servizo da praza como para os clientes, procurando que haxa máis mobilidade nas prazas de aparcamento.
Neste sentido, analizarase a posibilidade de poñer en práctica un sistema semellante ao das zonas azuis que garanta a alternancia do aparcamento cada certo tempo, que podería ser un máximo de media hora. Non obstante podería adoptarse outra fórmula, xa que hai varias posibilidades. Finalmente, na reunión falouse dalgunhas necesidades de melloras no interior da praza, ainda que xa se levaron a cabo reformas importantes no último ano, que se valoraron positivamente.

Alcaldes da comarca e hostaleiros presentaron hoxe unha nova edición da Ruta das Tapas, que se celebra este venres, 29 de abril, a partir das 20,30 h., e que terá como produtos estrela as froitas de tempada.
É a primeira vez que o acto de presentación deste evento se fai en plena rúa ao aire libre, concretamente, na Praza Maior, polo que se congregaron ao redor da mesa ducias de persoas. Estiveron cos hostaleiros os alcaldes de San Amaro e Piñor e o teniente alcalde do Irixo, ademáis de concelleiras e concelleiros do Carballiño, entre eles, o concelleiro de Turismo e teniente alcalde José Manuel Dacal, que actuou en representación do alcalde do Carballiño, que se atopaba en Santiago visitando diversos organismos da Xunta.
Dacal agradeceu a presencia dos rexidores da comarca e convidou aos carballiñeses e visitantes a participar nesta ruta e cubrir os boletos para optar ao premio de 1.000 euros e a unha viaxe, que se sortearán ao remate da iniciativa, a finais de maio.
O tente de alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, fixo mención á colaboración comarcal en materia de promoción turística e agradeceu a invitación do concello do Carballiño. Brocheta de froitas con xamón de porco ibérico, lomo de cerdo ao forno en salsa de laranxa, flor de melón con xamón e outros pratos moi creativos e coloridos foron expostos neste acto polos representantes dos 29 mesóns, bares e restaurantes que forman parte deste evento que chega á penúltima edición, e que espera que mañá, venres, supere incluso o éxito das anteriores
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 575
- 576
- 577
- 578
- 579
- 580
- 581
- 582
- 583
- …
- seguinte ›
- última »