10, Xaneiro 2016

O grupo carballiñés “Andasoa”, alzouse co triunfo do Primeiro Festival de Canto de Taberna ”Un bico no cantar”, que se desenvolveu en 29 bares e cafeterías do Carballiño, na tarde-noite do sábado.

O grupo "Andasoa" fórmano Andrés, Dario, Sonia e Alícia. En segundo lugar quedou o grupo “Os de Maside”, e en terceiro lugar, o grupo "Faíscas - Os Biruxes”.

Os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, respectivamente, destacaron a magnífica participación de grupos e público, que acolleu este evento con grande entusiasmo. Ambos concelleiros salientaron que  foi unha excelente experiencia para organizar novas edicións e agradeceron a colaboración recibida de hostaleiros e patrocinadores.

A convocatoria tivo tanto éxito, que incluso se sumaron cantores e músicos procedentes de Santiago, ou da Estrada, por citar dous lugares de fóra da comarca, para acompañar aos grupos.

Os premios establecéronse segundo o criterio dos hostaleiros, que emitiron nunha puntuación dos grupos participantes nos seus locais.

10, Xaneiro 2016

Carballiñeses e ponteareáns repartiron puntos na primeira xornada da segunda volta no municipal de Espiñedo, moi encharcado polas continuas chuvias dos últimos dias, nun partido marcado polo derroche físico, sobre todo dos xogadores do Arenteiro, que volveron levar o peso do partido e mereceron algo máis que un empate. Foi a despedida do Arenteiro do adestrador eventual e preparador físico Diego López, na grada presenciou o partido o novo adestrador verde, Manel Vázquez.

Non deixou de chover durante todo o partido, nunha tarde invernal que levou a Espiñedo menos público do habitual. Do Arenteiro foron as mellores ocasións de gol do partido, pero a falta de definición nos útlimos metros sigue penalizando aos verdes e desta vez, ademáis, a boa actuación do meta visitante Aarón, cun par de intervencións moi meritorias.

Aínda que a Cultural Areas encontrouse coa fortuna da súa parte para adiantarse no marcador, non lle perdeu a cara ao partido o Arenteiro. A recompensa chegou no minuto 42 co empate de Marcos Castro, logo no m. 66 Dani Arbo dáballe a volta ao marcador cun perfecto testarazo tras un lanzamento de Sanginés. Xa na postrimería do partido empataban os de Ponteareas.

A nota máis negativa do encontro foi a lesión na dentadura de Dani Vázquez tras un lance no xogo cun rival.

CD Arenteiro: Pachi, Ocampo, Maxi, dani Arbo, Pana, dafonte, Victor Gallego, Martín Pérez, Marcos Castro, Vitti e  Dani Vázquez. Tamén xogaron Sangines, Bardelás, Gele e Esteban.

9, Xaneiro 2016

O técnico ourensano Manel Vázquez será presentado á plantilla este martes dia 12 ás 21 horas no campo da Uceira, e logo dirixirá xa o primeiro adestramento da semana. Co novo adestrador chega tamén o seu equipo de confianza, Julio Nóvoa que exercerá as funcións de 2º adestrador e Gabriel González que será o responsable da preparación física.

O novo adestrador xa vestíu a camiseta do Arenteiro como xogador fai 14 anos, como técnico conta xa con experiencia na Preferente tras o seu paso polo desaparecido Ourense B, último equipo que adestrou na tempada 2013/2014 e co que se proclamou campión da Copa Deputación.

O primeiro partido que dirixirá Manel Vázquez como adestrador do Arenteiro na Preferente Galicia -onde colle ao equipo clasificado na octava posición- será o domingo dia 17, no desplazamento dos verdes ao campo do Estradense.

Pendientes de Espiñedo e do tempo para o partido co Cultural Areas

As previsións de fortes chuvias para esta fin de semana, sobre todo na xornada dominical, ademáis do empeoramento do tempo debido á previsión de fortes ventos, fai perigar a celebración do partido deste domingo ante a Cultural Areas. Haberá que agardar ao estado do terreo de xogo e a evolución das condicións meteorolóxicas.

8, Xaneiro 2016

Emerxencias 112 e a Confederación Hidrográfica comunicaron esta incidencia aos concellos de Boborás e Leiro, para que tomen as medidas preventinas oportunas e advirtan da mesmas á poboación da zona afectada polo cauce do río Avia. A situación, inicialmente prevista durante unhas seis horas na tarde do venres, pode prolongarse durante a fin de semana, dado que as previsións meteorolóxias apuntan á continuidade das chuvias, incluso fortes, para a fin de semana. 

O concello de Boborás procedeu a cortar ao tráfico a estrada local entre Leiro e Pazos de Arenteiro, á altura da Ponte de Pazos. En Leiro, o concello cortou o acceso ao paseo fluvial e a zona da Ponte das Poldras e o parque do Salgueiral.

Dende o centro de control de Gas Natural Fenosa, indicase que o encoro de Albarellos aliviará 400 m3 por segundo, para regular o nivel de auga encorada.

6, Xaneiro 2016

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzoulle ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, que a Xunta de Galicia realizará este ano as obras de rehabilitación do firme nas travesías da OU-209 e da OU-188 neste concello.

Avanzou que, xunto con isto, se actuará na OU-187 en Cea; na OU-172 en O Carballiño e na travesía Valdepereira en Ribadavia.

Estas actuacións, que se licitarán este xoves, 7 de xaneiro, terán un orzamento de case 450.000 euros e contarán cun prazo de execución de 6 meses, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Con estas accións búscase mellorar a seguridade da circulación e a durabilidade do firme, tal e como indicou a conselleira de Infraestruturas, posto que “manter as estradas nun bo estado de conservación redunda no incremento da seguridade viaria, un dos obxectivos prioritarios do Executivo autonómico”.

“Estes son os principais motivos polos que se levarán a cabo as actuacións de reforzo de firme como as que imos executar en Leiro e que hoxe lle presentei ao alcalde na reunión que acabamos de manter”, aclarou.

Estas obras contarán cun investimento próximo aos 240.000 € e sumaranse a outras actuacións que testán proxectadas en distintas vías pertencentes á rede secundaria da xunta das comarcas do ribeiro e do carballiño, polo que, en total imos destinar preto de 450.000 € ao mantemento de estradas destes catro municipios.

Finalmente, Ethel Vázquez subliñou que “con estas obras obterase seguridade viaria e maior comodidade para o conxunto dos usuarios, sobre todo, para os máis de 23.000 veciños destes concellos ourensáns”.

Leiro

No Concello de Leiro actuarase en dúas estradas, a OU-209 e a OU-188. Na OU-209, na travesía de Leiro, observouse a existencia de varias zonas onde o firme está bastante degradado, polo que é necesario realizar un fresado e a eliminación da capa de rodadura. Posteriormente, reporase o firme eliminado con mestura bituminosa en quente e se estenderá en toda a superficie da calzada da travesía, co fin de mellorar as características superficiais do pavimento.

Nesta mesma estrada, nos treitos entre as interseccións coa OU-504 e a travesía, concretamente, nos puntos quilométricos 0+060-2+712 e os.3+540-3+970, proxectouse a execución dunha capa de microaglomerado en frío en toda a superficie da calzada para selar as gretas existentes.

Así mesmo, na travesía da OU-188 en Leiro proponse a colocación dunha nova capa de rodadura en todo o ancho da mesma como medida de rehabilitación superficial, dado que a súa superficie está agretada e a rodadura presenta irregularidades.

San Cristovo de Cea e Carballiño

Proxéctanse actuacións para a rehabilitación do firme e para a mellora da drenaxe na OU-187, en Cea. As accións de reforzo de firmes son as seguintes: execución dunha nova capa de rodadura nas interseccións coa N-525; execución dunha capa de microaglomerado en frío no tramo comprendido entre o P.K. 0+060-0+620; e dunha nova capa de rordaura no treito de travesía comprendido entre o P.K. 0+620-1+520. As actuacións para a mellora do drenaxe da estrada serán a limpeza de marxes; execución de gabias de seguridade; e a reposición dunha tubaxe de pluviais de PVC

No Concello do Carballiño mellorarase o firme da OU-172. Neste vial planeáronse actuacións para o reforzo do firme e para a mellora da drenaxe. As accións de reforzo de firmes consistirán na colocación dunha capa de mestura en quente en toda a plataforma da estrada, xa que se atopa fisurada. Para a mellora da drenaxe da vía realizarase a limpeza de marxes e execución de gabias de seguridade e transitables en certos tramos da estrada.

4, Xaneiro 2016

As nenas e nenos do Carballiño poderán acompañar aos Reis Magos na cabalgata que se desenvolverá este martes dia 5, a partir das seis da tarde, entre o templo da Veracruz e o concello.  Malia ás adversas condicións meteorolóxicas, a previsión apunta a un lixeiro melloramento a partir das seis da tarde, polo que o concello do Carballiño decidiu manter o itinerario previsto inicialmente.

A cabalgata partirá ás seis da tarde do templo da Veracruz  e percorrerá as rúas Conde Vallellano, Rosalía de Castro, Tomás María Mosquera, Ribeiro e Cesáreo Tizón, para culminar, ás sete da tarde, na Praza Maior, fronte ao concello.

A continuación os reis saudarán aos nenos e nenas dende o balcón da casa consistorial,  compartirán o saúdo co alcalde, e de seguido terá lugar a recepción no salón de actos.7

Máis dun cento de persoas participarán na cabalgata, que estará formada por tres carrozas profusamente engalanadas e iluminadas para a ocasión. As carrozas, nas que irán os reis e os paxes, contarán coa animación musical da Escola de Gaitas do Carballiño, de Banda de Música municipal, así como do son propio que levan incorporado.

Non obstante, e dependendo da tregua da chuvia, podería variar o acompañamento musical en determiñados tramos do percorrido. 

Ainda que todas as previsións consultadas, apuntan a unha dimunición da pluviosidade a partir das seis da tarde, cun período de chuvia prácticamente inapreciable, que permitirá que a cabalgata se poida desenvolver sen perigo para os participantes e o público, prégase se manteñan as distancias de seguridade con respecto ás carrozas, para evitar calquera posible contratempo.  Ao respecto, o concello velará ao máximo pola seguridade durante o percorrido da cabalgata.

 

3, Xaneiro 2016

O último partido da primeira volta do campionato de liga e primeiro do ano 2016 saldouse co marcador inicial de 0-0, aínda que o Arenteiro mereceu algo máis que o equipo do Porriño, por xogo e ocasións de gol, pero ao final o marcador non se moveu, e repartíu un punto para cada contendente.

Xa sen Jorge Regal no banquiño de Espiñedo, e baixo a dirección técnica de Diego López, o Arenteiro estivo mellor que o seu rival, xerando varias ocasións de adiantarse no marcador, pero os verdes siguen negados ante a portería rival. Tanto na primeira parte, como despois na reanudación, o Arenteiro foi máis intenso que a UD Atios, que apenas creou perigo ante a portería de Pachi. Pola contra, os carballiñeses dispuxeron de varias oportunidades que non souberon culminar e que os privou dunha victoria segura.

O Arenteiro formou de inicio con Pachi, Ocampo, Maxi, Dani Arbo, Pana, Dafonte, Bardelás, Victor Gallego, Marcos Castro, Dani Vázquez e Marcos Sotelo. Tamén xogaron Sanginés, Martín Pérez, Gele e Vitti.

31, Decembro 2015
29, Decembro 2015

A agrupación política de ámbito local "Polos veciños", que entrou na escea política do Irixo nas pasadas eleccións municipais conseguindo acadar representación na corporación do Irixo, inicia a publicación dun boletín informativo que dende esta semana será distribuído entre a veciñanza, e no que aborda a actualidade municipal dos últimos meses e fai varias críticas á xestión política do grupo de goberno do Partido Popular.

Para acceder ao boletín prema no arquivo adxunto:

27, Decembro 2015

Os verdes tiveron que remontar un marcador adverso dende o minuto 12 de partido, tras o gol inicial do Sporting Celanova. Logo, o Arenteiro empatou por mediación de Victor Gallego no minuto 43, e xa na postrimería do encontro Esteban fixo o gol da victoria ( 1-2 ) que clasifica ao Arenteiro para a seguinte ronda do torneo de copa. Tarde moi fria e con forte vento no municipal de San Rosendo de Celanova, con marioría de seguidores do Arenteiro, no partido que siñificou a despedida de Jorge Regal como adestrador.

O gol dos locais aínda cando se xogaban os primeiros minutos de partido complicou o partido para o Arenteiro. Tras o gol do Sporting Celanova, o partido no resto de toda a primeira parte foi un monólogo do Arenteiro que tivo varias ocasións para marcar antes de que chegase o gol de Victor Gallego tras unha boa combinación en ataque dos verdes.

O go do empate volvía clasificar ao Arenteiro que, non obstante non foi capaz de cerrar a eliminatoria cun segundo gol que se fixo esperar ata o suspiro final. Antes, o Celanova dispuxera dun par de ocasións para meter o susto no corpo dos verdes, que finalmente e non sen sufrimento lograron o obxetivo.

CD Arenteiro: Israel, Ocampo, Maxi, Dani Arbo, Pana, Dafonte, Bardelás, Victor Gallego, Marcos Castro, Vitti (Marcos Sotelo, m. 61) e Dani Vázquez (Esteban, m. 83).

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS