
O Concello do Carballiño levará a cabo unha reforma integral da Praza de Abastos para modernizar e dinamizar a área comercial, un espazo senlleiro da vila. O proxecto, presentado esta mañá no salón de plenos, está valorado en 1,5 millóns de euros.
“Esta reforma vai supoñer un cambio total da Praza actual, queremos unha Praza viva, con actividades, que dinamice o municipio”, apuntou José Castro, alcalde en funcións, na presentación.
A actuación inclúe a reforma integral do edificio, así como a mellora da zona exterior. No interior, haberá dous espazos: a planta baixa, onde estarán os postos dos praceiros, e a segunda planta, adicada á gastronomía, degustación e ocio, onde se colocarán negocios hostaleiros e haberá actividades lúdicas.
“Vemos que é un modelo que se está facendo noutras prazas de Galicia e que ten moi boa acollida entre a poboación”, destacou Diana González, concelleira de Comercio. En total, haberá 20 postos, unha cantidade inferior á actual, pero que responde ás propias demandas dos praceiros, que pedían aumentar o tamaño actual dos locais.
“Pensamos que é unha actuación moi interesante para toda a veciñanza do concello do Carballiño e tamén para o resto da comarca”, engadiu.
O proxecto enmárcase na Orde de Axudas da Xunta de Galicia para o impulso dunha rede de mercados de excelencia para dinamizar e revitalizar as prazas galegas.
A concelleira de Comercio deu conta do traballo levado a cabo por parte do goberno local: “Nunha primeira fase, fixemos o anteproxecto, coa diagnose da situación da Praza e dos futuros usos, e démoslle formación aos praceiros. Nunha segunda fase, fixemos o proxecto final da reforma, que inclúe o estudo de traslado para os praceiros durante o tempo de execución da obra, así como outra formación con eles”.
A primeira e segunda fase foron financiadas nun 80% pola Xunta de Galicia e nun 20% polo Concello do Carballiño. Nestes momentos, o goberno local ultima a firma dun convenio de colaboración coa Xunta e coa Deputación de Ourense para lograr a financiación do 100% do proxecto de reforma.

O Concello do Carballiño impulsa un novidoso plan de microasfaltado en tres rúas da vila para reparar os firmes tralo deterioro causado polas intensas chuvias dos últimos meses. O alcalde en funcións, José Castro, detallou o sistema no pleno ordinario desta mañá: “Esta intervención, que se está levando a cabo desde hai pouco nas autoestradas galegas, inclúe unha primeira capa para tapar as fochancas e unha segunda capa de microasfalto dun centímetro por riba”.
O proxecto, xa adxudicado, comezará nos próximos días e levarase a cabo ao longo do mes de marzo nas rúas Centro de Carballiño en Bos Aires, Julio Rodríguez Soto e Conde Vallellano, onde a vía presenta un estado de deterioro avanzado. “Se este novo sistema de microasfaltado funciona, ampliarémolo ao resto das vías afectadas polas fochancas”, avanzou Castro.
Nesa liña, a previsión do Concello do Carballiño é replicar esta actuación nas rúas Martínez de Abellanosa, Blanco Amor, Juan Corral, Saleta, Cesario Tizón, Aquilino Sánchez, Evaristo Vaamonde, Alberto Vilaboa, Alexandre Bóveda, Tellado, Comunidade de Madrid, Colombia, País Vasco, Principado de Asturias, Cantabria, Barrio Quintero e Campo da Festa, Boborás, Gómez Román, circunvalación, Murcia e Toscaña.
Pola súa parte, Alberto Otero, concelleiro de Obras, deu conta no pleno das dificultades da brigada municipal para cubrir as fochancas durante o período de chuvias intensas.
“Intentamos asfaltar, pero a chuvia non o permitía, así que tivemos que optar polas placas metálicas, sabendo as molestias de ruido que causan”, lamentou Otero. “Agardamos que o microasfaltado supoña unha medida correctiva para o estado das vías, en lugar de tapar as fochancas de xeito preventivo ata que volva chover”, apuntou.

Como xa coñecemos os datos oficiais sobre as concentracións de Radon no conservatorio (taboa 1 do pdf que se adxunta) vou dar unha serie de definicións e de aclaracións tendo en conta eses datos (uso datos de esa primeira taboa e da segunda, que é feita por min basándome na teoría da estadística e da metroloxía).Tamén vou dar a miña opinión sobre eses datos tendo en conta o que recolle o lexislador e as recomendacións da OMS e de outras institucións.
Primeiramente decir que o resumen de resultados das medicións (que non é o informe, senón parte do mesmo) levadas a cabo nas distintas estancias do conservatorio incumple co recollido no apartado 5 do Anexo I da Instrucción IS-47, de 9 de abril de 2025, del Consejo de Seguridad Nuclear, por la que se aprueba el listado de términos municipales de actuación prioritaria contra
el radón y se establecen directrices para las mediciones de radón en el aire interior de los centros de trabajo ubicados en ellos, xa que no mesmo non aparece o tipo de detector e modelo empregado e o número de medicións realizadas no periodo temporal que se especifica.
Despois hai que remarcar que o periodo das medicións foi de 92 días, pero cando se fai a conversión dos datos de exposición de kiloBequerelios por hora entre metro cúbico aos datos de
concentración media de Bequerelios entre metro cúbico non se usa o mesmo dato para todas as instancias. O dato debería ser o de 2209 horas, pero ao facer os cálculos individuais para cada
instancia ese dato varia como se pode ver na taboa adxunta. Non se especifica tampouco como se fixeron esas medicións ( quero imaxinarme que eso irá detallado no informe) e si se cumpriu co que detalla o artigo 5.3 da Instrucción IS-47:
“Los detectores de radón deberán instalarse a una altura de entre 50 cm y 2 m sobre el nivel del suelo o piso, a una distancia de más de 30 cm de paredes, y nunca dentro de armarios ni próximos a corrientes de aire (ventiladores, ventanas) o fuentes de calor. La persona encargada de la colocación y retirada deberá consignar con su firma la fecha y hora de ambas actuaciones para cada detector (identificado por el correspondiente código).”
O máis crítico, que debería terse moi en conta, é que tanto os datos da incertidumbre expandida como os da incertidumbre relativa ( que é un dato adimensional que se mide como unha porcentaxe) presentan umbrales moi amplos que comprometen a exactitude dos datos recollidos. Pese a que a lexislación non especifica que o porcentaxe de incertidumbre non debe superar un tanto por cento e transfire a responsabilidade da calidade da medida aos laboratorios acreditados, deberiase garantir esa calidade e precisión dos datos con porcentaxes no superiores ao 20%, sendo moi recomendable incluso non exceder o 10%, o cal a nivel académico e científico sería un umbral de referencia xa
cuestionable, sendo aceptable unha porcentaxe que estivese próxima ao 5%.
Pero para comprender mellor esto dos límites de incertidumbre, poñamos un exemplo dos que temos cos datos de unha das estancias medidas e expliquemos como debemos facer a súa lectura.
Incertidumbre expandida da exposición e da concentración para K=2. Que é isto?
Para comprender este valor teriamos que coñecer o que é unha distribución normal ou distribución gaussiana. Resumidamente e de xeito sinxelo, esta se pode definir como un modelo teórico de probabilidade simétrico onde a maioría dos datos están moi próximos a un valor central e que a frecuencia de aparición de estes datos disminue a según nos imos alonxando de ese valor central.
Ese alonxamento denomínase matemáticamente desviación típica estandar, que sería o valor de K.
Empiricamente este valor pode ser 1, 2 ou 3 e nos indican que nunha desviación típica de valor 1 tanto para a esquerda como para a dereita de ese valor central estarían alí recollidos o 68% dos datos. Si K valese 2, é decir si houbese unha desviación típica de dúas unidades para a esquerda ou para a dereita do valor central, o porcentaxe de datos que estarian dentro de ese parámetro sería do 95%. Si K valese 3 pois a porcentaxe sería case do 100%.
Poñamos de exemplo os datos da sala 1.
O dato da exposición é de 353 kBq.h/m^3 e a incertidumbre expandida para K= 2 é de 67. Esto nos quere decir que de 100 medicións que se fixeron en esa sala 95 vannos dar valores que estarán entre 286 Bq/m^3(353-67) e 420 Bq/m^3(353+67).
E o mesmo se aplica para os datos da concentración media medida en Bq/m^3: de 100 medicións feitas 95 van darnos valores comprendidos entre 130 Bq/m^3 (160-30) e 190 Bq/m^3 (160+30).
Entón como se deben interpretar os datos?
Os datos son malos e hai que explicalo de maneira clara.
Primeiramente, hai dúas estancias que nos datos da concentración media exceden o máximo recollido na Instrucción IS-47. Pero é que hai outras cinco salas que están moi próximas a ese máximo e que si aplicamos eses marxes de incertidumbre que temos significaría que en certas medicións habería máis de dúas salas que excederon ese límite.
Falando claro, habería momentos puntuais nos cales a sala da secretaria tuvese valores de 282 Bq/m^3 en vez de 239 Bq/m^3 , ou a sala 13 tivese tamén valores de 350 Bq/m^3 e non de 297 Bq/m^3.
Claro que se podería facer a lectura contraria, que habería momentos nos cales todas as salas estivesen por debaixo dos 300 Bq/m^3, pero atendendo ao principio de precaución a seguridade
da saude debe prevalecer ante a falta de certeza técnica. A postura da OMS e de outras autoridades radiolóxicas é de actuar e tomar as medidas precisas asumindo sempre o peor esceario dentro do rango de incertidumbre.
Co cal, xa para rematar, ao meu criterio e pondo os datos como base e clara fonte para dar a miña opinión, non debería procederse á recepción definitiva da actuación ata que se adopten e verifiquen medidas correctoras e deberían aplicarse medidas de mitigación e/ou ventilación nos espazos que superan o límite.
Sen máis, espero que o aquí escrito sirva para botar algo de luz en este tema e para que o concello rectifique na súa idea de abrir as instalacións e vele pola total seguridade do alumnado e do profesorado do conservatorio.
Un saúdo. Manuel Nogueira.

O Concello do Carballiño dá un novo paso na posta en marcha do Viveiro de empresas, unha das principais iniciativas do goberno local para impulsar e apoiar novos proxectos empresariais no municipio.
O pleno votará na sesión ordinaria do próximo luns a ordenanza reguladora do prezo público das tres naves do Viveiro, localizado na área industrial do Carballiño. “A nosa intención é ofrecer prezos económicos e asumibles, xa que serán empresas de recente, nova ou, incluso, futura creación”, detalla Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria.
Mentres, o goberno local avanza na elaboración do regulamento de funcionamento do Viveiro, o seguinte paso para poñer en marcha o programa municipal. O espazo conta cunha superficie construída de 389,63 metros cadrados e consta dunha zona común (con sala de reunións, sala de formación, oficina para administración, aseos e vestiarios) e dos espazos de traballo de cada empresa (son tres naves, dúas de 78,5 metros cadrados e unha, máis pequena, de 75,52).
Os servizos prestados polo Concello inclúen a subministración de auga e luz, a limpeza, o mantemento e a conservación do centro e as dúas aulas de formación e reunións.
As empresas que poderán solicitar o uso das instalacións deberán ser de recente creación (non máis de 12 meses desde a data de constitución) ou en proxecto de constitución. “Poderán estar acollidas no Viveiro durante un período máximo de 48 meses, é un xeito de axudalas e apoialas nos seus inicios e, unha vez que teñan a experiencia e estean consolidadas, continuar de xeito autónomo”, apunta Dacal.
O concelleiro dá conta do crecemento dos últimos anos da área industrial do Carballiño, onde actualmente traballan máis de 1.000 persoas. “Con este proxecto pretendemos favorecer o nacemento, arranque e consolidación de novas empresas, fomentar a xeración de emprego, aumentar a estrutura produtiva local e contribuír a dinamización do Concello do Carballiño e a súa área de influencia”, asegura.

Sebas Lamazares, Gonzalo Rodríguez, Fátima Gómez e Manuel Nogueira, comparten coa audiencia de COPE O Carballño a tertulia máis escoitada da radio na provincia de Ourense (Datos do Estudio General de Medios -EGM- acumulado ano 2025)
Presenta Xan Pinal. Escóitaa aquí:

O Concello do Carballiño conmemora o 8M, Día Internacional da Muller, cunha programación especialmente dedicada á concienciación das novas xeracións.
Silvia Baranda, concelleira de Igualdade, presentou esta mañá a programación deste ano, que inclúe un acto central con participación dos centros educativos, un obradoiro contra a violencia sexual e obradoiros de flores. “Queremos que os nosos nenos e nenas participen e se involucren na igualdade. Aínda queda moito por facer e parece que a sociedade está volvendo un pouco para atrás nalgúns temas”, apuntou Baranda.
O acto central da programación levarase a cabo o venres 6 de marzo ás 12,00 horas na Praza Maior. “Facémolo ao aire libre, se o tempo o permite, para que sexa máis participativo e se poida achegar toda a xente que queira”, detallou a concelleira.
As actividades continúan os días 10 e 17 de marzo cun obradoiro de arranxos primaverais con flor natural seca, impartido por Rita Soto. “Xa fixemos este tipo de obradoiros en Nadal e tiveron moi boa acollida entre as veciñas”, resaltou Baranda.
A programación tamén inclúe o obradoiro “Agresión off: eu digo non á violencia sexual” no IES Nº1, o xoves 26 de marzo. “Cada ano levamos actividades a un centro educativo distinto para achegarnos aos máis novos”, salientou a edila.
Finalmente, levarase a cabo unha andaina conmemorativa do 8M. “Debido á meteoroloxía aínda non podemos fixar a data, imos esperar a que chegue a primavera e faga mellor tempo”, adiantou.

Como veciño, gustaríame trasladar unha reflexión respecto á recente actuación na pasarela metálica sobre o río Arenteiro no Parque Municipal.
Tras visitar a infraestrutura unha vez rematados os traballos, obsérvase que a intervención parece centrarse fundamentalmente nas zonas superiores e visibles da pasarela, mentres que a parte inferior da estrutura continúa presentando un estado evidente de oxidación e deterioro superficial.
Cómpre lembrar que, nun entorno fluvial con elevada humidade ambiental, a cara inferior das estruturas metálicas adoita ser a zona máis crítica desde o punto de vista da corrosión, ao manter durante máis tempo a humidade pola súa menor exposición ao sol e á ventilación. Por iso, se o obxectivo é garantir durabilidade e conservación a medio e longo prazo, resulta fundamental que as actuacións de mantemento inclúan o conxunto da estrutura.
Sería positivo que se aclarase se esta intervención forma parte dunha actuación máis ampla ou dunha primeira fase, xa que, de non ser así, podería tratarse máis dunha mellora estética que dunha restauración integral.
O Parque Municipal é un espazo emblemático do Carballiño e merece actuacións que aseguren a conservación real das súas infraestruturas.
Non son un experto en materiais radioactivos, pero para a xente que no seu momento estudiamos a rama de ciencias ( e para quen temos que explicala tamén) non nos é alleo certos conceptos e certas definicións que coñecemos grazas á materia de física e química.
Vaiamos por partes e tentarei ser breve.
O primeiro temos que recordar (ou decirllo a quen non o sepa) que o Radon é un elemento químico que pertence aos denominados gases nobles que aparecen na taboa periódica no grupo 18. Son elementos que teñen na súa última capa da configuración electrónica tódolos orbitais ocupados por electróns ( 8 electróns agás o Helio que ten 2) o cal fai que sexan pouco reactivos con outros elementos. De feito na natureza aparecen como átomos e non como moléculas. Son incoloros, inodoros e insípidos e teñen uns puntos de fusión e de ebullición moi baixos.
Centrémonos agora no Radon. O radón xenérase da desintegración (reacción nuclear) do Radio-226, emitindo unha partícula alfa e o propio Radón, denominado Radon222. Este Radon222 tamén se desentigra emitindo outra partícula alfa e creándose Polonio 218.
Que son as partículas Alfa? As partículas Alfa xunto coas Beta e Ganma son as tres formas de radiación ionizante que emiten os núcleos atómicos. As partículas alfa concretamente son núcleos de Helio-4 cargados positivamente (carecen de electróns) e son altamente canceríxenas. Ainda que teñen un baixo poder de penetración a través da pel, si se enxiren ou se inhalan a súa alta capacidade ionizante produce ropturas na doble cadena do ADN celular, ropturas estas de dificil recuperación para as células o que produce a súa transformación cancerosa ao producir nas mesmas un crecemento anómalo.
Agora toca saber que é iso dos Bequerelios por metro cúbico. Para medir a radiación úsase como unidade o Curio. Pero o Curio non está no sistema internacional de unidades e aparte é unha unidade moi grande, polo que se utiliza normalmente o Bequerelio. Dito esto debemos saber que o Bequerelio dinos as desintegracións que ocorren nun material radioactivo nunha unidade de tempo. Co cal un Bequerelio por metro cúbico quere decir que un átomo de Radon se desintegra unha vez nun segundo no espazo de un metro cúbico.
Vamos agora co importante: límites perigosos para a nosa saúde. O límite de referencia que recomenda a OMS para interiores é de un máximo de 300 bequerelios por metro cúbico. Así é todo o último informe da OMS di que unha exposición prolongada no tempo en lugares que teñan concentracións superiores a 100 bequerelios por metro cúbico ten efectos nocivos na saúde ( enlace do informe....................................................................................................https://iris.who.int/server/api/core/bitstreams/f291e95a-4265-463f-a59b-...).
E que nos di a lexislación? Pois o Real Decreto 1029/2022, a posterior Instrucción IS-47 do CSN e a estratexa específica de Galicia 2025-2030 son máis "permisivas" que o informe da OMS e poñen o límite en 300 bequerelios por metro cúbico.
En definitiva e aplicando un pouco o sentido común e a sensatez, ter a intención de abrir as aulas do conservatorio do Carballiño a partir de Semana Santa, tal como anunciou onte xoves a Concelleira de Educación nos micrófonos de esta radio, cos datos que reflexan as medicións, onde todas as estancias están por riba dos 200 bequerelios das cales dúas excenden o límite dos 300 bequerelios e outras dúas están ben próximas sin tomar ningunha medida máis que "non usar as estancias que se pasan dos 300 máis que como almacen" me parece temerario e un potencial risco sanitario totalmente innecesario a expoñer tanto ao alumnado como ao profesorado.
Sen máis, un saúdo.
Manuel Nogueira.
P.D.: grazas á Anpa Anpa Cmus Esmu pola info das medicións.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, que a Xunta ten previsto licitar a redacción do proxecto do Centro Integral de Saúde do Carballiño neste primeiro semestre do ano.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria dixo que o orzamento para a redacción do proxecto e dirección de obra do Centro Integral de Saúde do Carballiño se situará no entorno dos 600.000 euros.
Tal e como detallou Gómez Caamaño, esta nova infraestrutura sanitaria disporá de máis de 4.500 m2, o que significa que contará con máis do dobre de espazo que o centro de saúde actual. O Plan funcional prevé 22 consultas de medicina familiar e comunitaria, área pediátrica, de saúde mental, atención bucodental, consultas de saúde da muller, sala de docencia e, ademais, un Punto de Atención Continuada reforzado.
O conselleiro referiu que o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución definitiva da modificación necesaria do plan urbanístico municipal en outubro do pasado ano, trámite que correspondeu ao Concello levar a cabo e, desde entón, a Xunta xa está a traballar preparando o prego de licitación para a redacción do proxecto.

Continúan os actos vandálicos na Rúa Castelao, qué temos que facer os veciños ante a pasividade das autoridades? Tomar a xustiza pola man? Estamos fartos.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »