
O alcalde e candidato do Partido Popular, Argimiro Marnotes "compromete dedicación esforzo para atender aos problemas diarios da xente" e presenta " O Carballiño que pretende para os veciños e veciñas".
Dividido en varios apartados, destaca o candidato sobre todos os demáis o "dedicado as persoas, que son a prioridade, non ten sentido falar de nada mais sen que as persoas teñan atendidas os seus problemas, principalmente o traballo".
"Todo o que se promete, neste programa, faise sendo sabedores da situación actual do Concello, Pois fai catro anos non estabamos informados da realidade económica e das débedas que tiñamos a afrontar de gastos realizados por outros", remarcou Marnotes, no acto de presentación do programa electoral.
Para ver o programa electoral do Partido Popular prema no Arquivo Adxunto:

O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, avanzou que segundo as enquisas que manexan os socialistas "a cidadanía castigaría ao actual alcalde, Argimiro Marnotes, quen perdería a maioría absoluta nas vindeiras eleccións do 24 de Maio. Ademais, case un 70% dos carballiñeses amósanse favorables a un cambio de rumbo na política municipal actual", afirman.
A enquisa, que según o PSdeG incluíu mais de 350 entrevistas," non só constata que os carballiñeses queren un cambio de goberno no Carballiño, senón que Paco Fumega é o candidato mellor valorado".
Paco Fumega, que foi o encargado de presentar os resultados desta enquisa que tería feito a nivel interno o partido a nivel local, subliñou que “O Carballiño sufriu nestes catro anos un retroceso evidente a todos os niveis, e queremos recuperar o que foi esta vila cun programa con mais dun cento de propostas moi concretas en torno a unha aposta decidida polo emprego, a mellora da economía e a defensa dos servizos públicos”.
Avanzou que as propostas que conforman o programa dos socialistas presentaránse aos cidadáns “nunha campaña moi participativa, na que todos os membros da candidatura estaremos permanentemente na rúa para falar cos veciños dos barrios e das parroquias, con máis de 50 actos e un mitin central”. Ademais diariamente proxectaránse nun vídeo na fachada da sede do PSdeG, na Rúa Principal, ao igual que se fixo onte no acto de pegada de carteis.
Contra a operación de compra da casa da antiga Ferraxería Soto
Así, a pesar de que a compra da Casa Soto "é un desexo de boa parte da cidadanía, a maior parte dos carballiñeses están indignados porque consideran que este non é o momento de facer un gasto tan elevado, de ata 1, 7 millóns de euros. E menos aínda despois de sufrir unha suba de impostos e taxas municipais e de pasar catro anos escoitando ao alcalde afirmar que non hai cartos para cousas como iluminación, limpeza, asfaltado, servizos públicos, actividades deportivas, conservatorio ou calefacción na biblioteca, por exemplo".
Ademais, aseguran desde o PSdeG carballliñés que "tras consultar a profesionais do sector, todos coinciden en que o prezo que pagará o Concello polo inmoble é excesivo, polo que non se entende cal é a presa do alcalde por levar a cabo esta compra dun xeito totalmente arbitrario e que roza a ilegalidade, xa que non conta con informes municipais nin taxación previa".
O PSdeG pregúntase cales son os intereses que moven ao alcalde "a levar a cabo esta operación, porque está claro que non é polo interese dos cidadáns. Non é lóxico que nun momento de dificultade económica compre un inmoble por un prezo mais elevado do que debería e que ademais hipoteque ao futuro goberno municipal para os vindeiros anos".

Os candidatos ás eleccións municipais no Concello do Carballiño participaron nunha Mesa Redonda co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do IES Nº1.
O acto celebrado no Salón de Actos do centro carballiñés contou coa presenza de Argimiro Marnotes, candidato á alcaldía do Carballiño e actual alcalde do Partido Popular, Francisco Fumega do PSOE, Chema Ferreiro polo BNG e Bernardo García de Alternativa veciñal. Actuou como presentador e moderador do acto Manuel Amil Otero, director do centro.
Despois dunha breve exposición a cargo de cada candidato á alcaldía, o alumnado planteou preguntas sobre temas do seu interese como o posicionamento dos diferentes partidos sobre nova Lei de Educación (LOMCE), as medidas que se ían tomar con respecto ao Parque Municipal da vila ou a grave situación económica das familias debido á crise e a posibilidade de abrir novos comedores escolares para paliar en parte esta situación.
A iniciativa no IES Nº1 de realizar esta Mesa Redonda tiña como obxectivo achegar aos votantes máis novos, sobre todo a aqueles que votan por primeira vez, as cuestións da vida política local e as posturas que sobre elas figuran nos programas electorais das distintas formacións.

Os socialistas do Irixo, con Iago Fariñas como candidato á alcaldia, presentan un programa electoral que se divide en 5 grandes bloques.
Para ver o documento, prema no arquivo adxunto:

A agrupación veciñal POLOS VECIÑOS preséntase por primeira vez a Alcaldía do Irixo "motivada polo abandono e o deterioro que está a sufrir o Concello nos últimos anos. Parece que O Irixo e os seus veciños só existen en época electoral, os 47 meses restantes ignóranse ou non se teñen en conta as súas reivindicacións". O acto de presentación da candidatura tivo lugar na antiga escola de San Cosme.
Manifestan que "ningún membro desta Agrupación pode entender como Manuel Penedo pode dicir sentirse orgulloso dos seus logros, cando quedan moitas cousas básicas por facer".
Engaden que "ningún alcalde pode sentirse orgulloso de que sexan os propios veciños das aldeas, cos seus medios e recursos, ante a impasividade municipal, os que se vexan obrigados a construír e modernizar os seus propios abastecementos de auga potable".
"Como alguén se pode sentir orgulloso do dubidoso funcionamento das depuradoras de augas fecais, así como o sistema utilizado polo concello para a destrución dos lodos das mesmas", pregúntanse. Como pode sentirse orgulloso “Por aforrar o máximo para casos de necesidade” pero desatendendo a unha poboación envellecida a que recoñece que non se pode coidar contratando a catro auxiliares de axuda a domicilio máis. ¿Acaso no Irixo isto non entra dentro da categoría de “NECESIDADE”?
Ningún alcalde debe sentirse orgulloso - contiúnan- da discriminación que se fai das empresas do Irixo na adxudicación de obra pública municipal. Empresas ás que se castiga tamén ca falta de solo empresarial no concello, motivado polo desinterese municipal na elaboración de algo tan básico é fundamental como o Plan Xeral De Ordenación Municipal (P.X.O.M). Igual desinterese na falta de apoio necesario para emprendedores aos que lle resulta máis fácil “emprender camiño de Alemania ou Suíza” segundo palabras do rexedor, que abrir un negocio neste concello.
No Irixo todo son facilidades para as empresas que pisotean e desprezan os bens e dereitos dos veciños/as, destruíndo estradas e ocupando terreos que nunca volven a deslindar, como ocorreu coas obras do A.V.E. E non pasa nada, recalcan desde a candidatura "Polos veciños".
E continuan cos súas reflesións: "un alcalde NUNCA, NUNCA debe ofrecer aos seus veciños/as postos de traballo nas empresas privadas que poidan chegar a establecerse no noso concello, xa que eses postos non son emprego público, facendo uso de información privilexiada para o beneficio propio e non para defender os intereses dos seus veciños/as. FACER ISO é intentar conseguir uns votos a costa de xogar coas necesidades dos demais".
"Non debería ser orgullo dun alcalde ter prazas adoquinadas mentres haxa aldeas ás que resulte moi difícil ou case imposible o seu acceso. E, sen lugar a dúbidas, o seu orgullo máis grande é o de ser responsable do conflito social máis grave na historia do Irixo nos últimos 40 anos, xa que nunca buscou alcanzar entendemento entre opinións opostas, sempre refusou o diálogo e nunca se plantexou dar marcha atrás na súa decisión de instalar unha planta Incineradora de lixo no noso Concello, chegando a dicir e reiterar que A Incineradora póñoa por que me dá a gana”.
“POLOS VECIÑOS“ comprométese a cambiar todo ese “orgullo” por “humildade” ante todos os veciños e veciñas do Irixo, sendo nós os que esteamos a disposición do pobo para conseguir melloras para o noso concello, dar servizos e oportunidades a todos os habitantes deste municipio "para seguir formando parte deste Irixo que somos todos".

Ana Fernández Justo ocupou un dos oito postos relevantes dentro dos mellores oradores de toda Galicia.
A edición galega dos debates escolares Modelo Parlamento Europeo (MEP) arrancou o pasado sábado en Melide, onde se reuniron medio cento de alumnos de nove centros galegos. Ana Fernández Justo acadou a categoría de finalista entre o conxunto de oradores; os demais participantes do equipo carballinés (Lucía España, Yeray Diéguez e Dana Michaelis) obtiveron moi boa puntuación, conseguindo meritorias posicións nas súas respectivas comisións:
- Economía: prevención do uso do sistema finaceiro para o branqueo de capitais.
- Política: cohesión e nacionalismos na UE.
- Medio Ambiente: emprego e crecemento a través da política mesioambiental.
- Emprego: competividade e substentabilidade no emprego para persoas discapacitadas.
Este éxito obtido non sería posible sen o traballo interdisciplinar desenvolvido no IES Chamoso Lamas polos departamentos de FOL , Administrativo, Ciencias Naturais e Bioloxía, Economía, Filosofía, Inglés, Historia, Normalización Lingüística, Lingua e Literatura Galega e o apoio da Dirección do centro.
A actividade, organizada pola asociación Agorae e promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, convocou a dez centros de ensino de toda Galicia. A segunda fase destes debates escolares a nivel europeo desenvolverase en Madrid no mes de novembro. A seguinte e última terá lugar no Parlamento europeo (Bruxelas) no vindeiro ano.

Tratase dun edificio singular sito no nº 34 da rúa Tomás María Mosquera, coñecido como o da "antiga ferraxería Soto", lembrando a última actividade comercial que acolleu ata o anos 80 do século pasado.
Conta cunha das fachadas máis emblemáticas, con trazos arquitectónicos neoclásicos, que se conserva na rúa Principal do Carballiño. A finca na que se ubica ten unha extensión de 1400 m2.
O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes propón ao pleno da corporación -convocado para este mércores 6 de Maio- a operación de compra venda desta propiedade "tras varios anos de xestións cos seus propietarios, esta alcaldia acaba de recibir unha oferta para que o concello se faga con esta propiedade, cun prezo de 1,7 millóns de euros".
Marnotes, que debe contestar a esta oferta antes do dia 27 de Maio, propón a adquisición por parte do concello desta finca na que se ubica a casa da antiga Ferraxería Soto, abonando o pagamento durante seis anualidades, ata o ano 2020, sendo o primeiro pago de 100.000 euros á sinatura do contrato durante este ano 2015, e os restantes a razón de 325.000 euros ao ano.
O alcalde carballiñés entende que con esta operación "cumplimos un desexo que se ven manifestando desde fai polo menos 30 anos, e que agora pasa a ser unha realidade, o concello amplia asi o seu patrimonio cunha propiedade que ten unhas posiblidades de uso moi atractivas, que se deberán determinar no seu momento, agora o importante é cerrar a compra", subliñou.

O acto celebrouse no salón de actos da casa do concello do Irixo e estivo presentado por Silvia Fernández, número 2 da candidatura, que fixo unha exposición das razóns que a levaron a participar nas asembleas de “Fai O Irixo” e que a animaron a formar parte da candidatura elixida en votación aberta a toda a veciñanza do Irixo. Interviñeron, tamén, Antonio Nogueira e Fina Fernández, integrantes da candidatura, que expuxeron a necesidade de cambiar o xeito de gobernar o Concello facendo que veciñas e veciños tomen parte activa no seu goberno.
Por último, Florentino Pérez, número 1 da candidatura de “Fai O Irixo”, fixo unha exposición das razóns que o animaron a participar nesta iniciativa veciñal e presentou o programa para ás eleccións municipais co que pretenden responder ás necesidades do Concello do Irixo, como o paro, o despoboamento, o envellecemento da poboación.
O programa, dixo, está baseado en facer unha política municipal transparente, aberta e participativa, na defensa dos servizos públicos, no respecto escrupuloso polo medio natural e polo patrimonio, no recoñecemento das parroquias e no desenvolvemento de políticas activas de emprego e de protección das persoas desfavorecidas.
“Fai O Irixo” agradece a todas as veciñas e veciños a súa asistencia a este acto, pois fixeron que o Salón de Plenos do Concello quedase pequeno para a celebración deste acto.

Lalin e Arenteiro repartiron puntos no partido xogado no Manuel Anxo Cortizo, un punto que certifica a consecución da permanencia matemática na categoria para ambos equipos, que volverán a vindeira tempada encontrarse na Preferente Autonómica.
CD Arenteiro: Pachi, Carlos, Ocampo, Lois, Pana, Dafonte, Martín Pérez, Manu, Quiroga, Choco e Brais. Tamén xogaron Diego López, Marcos Sotelo, Bardelás e Dani Vázquez.
Goles:
1-0. Minuto 5. Falla a cobertura verde, certo é tamén que o defectuoso bote do balón outorga ventaxa a Dani Méndez, e o mellor xogador esta tarde do Lalín non perdoa.
1-1. Minuto 26. Falta sobre a portería do Lalín que lanza D. Quiroga e Ocampo de sensacional testarazo fai o gol do empate.
O Partido: Aínda que pareza paradóxico, o Arenteiro foi moi superior ao Lalín ata o minuto 43, cando os locais se quedan con 10 xogadores por expulsión de Maceiro. Porque toda a segunda parte foi un querer e non poder, a ansiedade por gañar o partido condenou aos verdes, mentres o Lalín -agazapado atrás- propiciou un infructuoso dominio do Arenteiro, lanzando balóns en largo sobre Dani Méndez, o seu estilete atacante, que a punto estivo no minuto 89 de lograr que os 3 puntos quedasen en Lalín, certo é que antes o Arenteiro tivo un par de ocasións para sentenciar, a máis clara nun balón que recibe Marcos Sotelo libre de marca dentro da área, pero o seu disparo foise moi alto.

Un gol de Manu tras unha gran xogada de Brais e o resultado final foron o mellor do partido para un Arenteiro que non estivo fino neste primeiro encontro de semifinais de Copa Deputación xogado no Estadio de Espiñedo, que igual que no resto da tempada, volveu rexistrar unha moi boa entrada de afeccionados.
CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, Diego López, Dani Arbo, Pana, Ocampo, Bardelás, Martín Pérez, Sanginés, Dani Vázquez e Victor Gallego. Tamén xogaron Choco, Manu, Lois e Brais.
Goles:
1-0. Minuto 81. Enorme xogada do chantadino Brais pola banda dereita superando aos contrarios que lle saen ao paso, o seu pase ao corazón da área é rematado maxistralmente por Manu.
O Partido: Non foi unha boa tarde para os verdes cun xogo moi interrumpido, pérdidas de balón e imprecisións varias. Asi e todo, o Arenteiro desperdicíu algunhas ocasións para lograr unha ventaxa máis ampla na eliminatoria, xa que aos 6 e 11 m. Sanginés e Martín Pérez dispuxeron de boas oportunidades, igual que a de Victor Gallego no minuto 55, que tras facer o máis dificil fallaba na definición. O Barbadás B, que chegou a Espiñedo reforzado con varios xogadores do equipo da terceira división, pudo tamén marcar no m. 80 por mediación de Isi, pero cando se cantaba o gol apareceu o meta local Marcos Nieto para evitalo, nunha gran intervención.
O Partido de volta xogaráse no campo dos Carrís de Barbadás na derradeira fin de semana deste mes de Maio, unha vez rematada a competición de liga.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 604
- 605
- 606
- 607
- 608
- 609
- 610
- 611
- 612
- …
- seguinte ›
- última »