12, Maio 2015

O candidato á alcadia do Carballiño, Bernardo García, avanzou que a primeira iniciativa que "Alternativa Veciñal" presentará na futuro corporación será unha moción na que se solicitará "anular o acordo  da adquisición da casa da Ferretería Soto, mentres non se cumplan determinadas condicións".

"Unha inversión de 1,7 millóns de euros, so por un edificio en ruinas e terreo colindante, no contexto económico actuál, resulta cara e non debe facerse se unha valoración pericial de dita propiedade, tampouco de momento ninguén puxo sobre a mesa un destino inmediato para algunha finalidade pública do edificio e menos o orzamento para a súa rehabilitación, falta consenso para desenvolver o mellor proxecto posible, subliñou o cantidato de "Alternativa Veciñal".

Bernardo García manifesta que "ninguén dubida da singularidade do edificio, pero non é o momento da súa compra pola aprobación repentina no pleno antes dunhas eleccións municipais, o que lle confire un carácter electoralista, algo rexeitable en democracia".

"Alternativa Veciñal" pedirá a anulación do acordo de compra e "a apertura dun proceso de consenso e financiación para unha posible inclusión da citada propiedade no patrimonio muncipal".

11, Maio 2015

Os candidatos e candidatas que concorren a estas eleccións municipais nos distintos concelllos están invitados a confrontar ideas e expoñer os seus programas electorais a través desta emisora de radio.

COPE O Carballiño ofrecerá encontros-debates electorais, que se iniciarán á unha e cuarto da tarde

MARTES 12:  SAN AMARO.

- Ernesto Pérez, PP, e María Jesús López, PSdeG.

MERCORES 13:  PUNXÍN.

- Manuel Vázquez, PP, Rosa Mª Outerelo, PSdeG, Sarai Méndez, BNG, e Joaquín Moldes, Cambio Intelixente.

XOVES 14:  SAN CRISTOVO DE CEA.

 -José Luis Valladares, PP, Guillermo Dopazo, PSdeG, e Manuel Pérez, BNG.

VENRES 15: O IRIXO.

-Manuel Penedo, PP, Iago Fariñas, PSdeG, Florentino Pérez “Fai O Irixo” e José M. Prieto “Polos Veciños”

LÚNS 18: LEIRO.

-Francisco J. Pérez, PP, Manuel Rodríguez, PSdeG, Luis Pérez “Ficol”, BNG, e Pedro Rios, Independentes de Leiro.

MARTES 19. PIÑOR.

-José Luis González, PP, Francisco Fraga, PSdeG, Xabier Saco, BNG e Uxío Rodríguez, “Veciños de Piñor”.

MERCORES 20: MASIDE.

-Alejandro González, PP, e Celso Fernández, PSdeG.

XOVES 21: BOBORÁS.

-Cipriano Caamaño, PP, Javier Lamas, PSdeG, Eva Pardo, “Move Boborás” e Manuel González “Xuntos por Boborás”.

VENRES 22: O CARBALLIÑO.

-Argimiro Marnotes, PP, Francisco Fumega, PSdeG, Chema Ferreiro, BNG e Bernardo García, “Alternativa Veciñal do Carballiño”.

10, Maio 2015

Arenteiro e Verín xogaron un partido moi igualado e condicionado no marcador final por unha lamentable arbitraxe de Daniel Hernández, do colexio de Ourense, que cometeu tres graves erros, anulando dous goles legais ao Arenteiro aínda co 0-0 no marcador e tragandose un penalti de libro na área do Verín. Non se trata de xogadas dubidosas, senón de erros arbitrais moi claros.

CD Arenteiro: Pachi, Carlos, Dani Arbo, Ocampo, Lois, Dafonte, Manu, Bardelás, Quiroga, Brais e M. Sotelo. Tamén xogaron V. Gallego, Pana, Sanginés e Choco.

Goles:

0-1. Centro de Unai sobre a área pequena e David Soares remata sen oposición.

O Partido: De xogo bastante ramplón por ambos bandos e no que os de Monterrei, coa lei do mínimo esforzo levaronse os 3 puntos cando, visto o visto, o máis xusto sería un empate ou unha victoria do Arenteiro, pero para impedila estaba o trio arbitral, cunha desafortunada actuación, anulando dous goles como dous soles ao Arenteiro, e aínda tería tempo para a guinda, deixar sen sinalar un penalti por man na área do Verín, que é increíble non pitar.

9, Maio 2015

O alcalde e candidato do Partido Popular, Argimiro Marnotes  "compromete dedicación esforzo para atender aos problemas diarios da xente" e presenta  " O Carballiño que pretende para os veciños e veciñas".

Dividido en varios apartados, destaca o candidato sobre todos os demáis  o "dedicado as persoas, que son a prioridade, non ten sentido falar de nada mais sen que as persoas teñan atendidas os seus problemas, principalmente o traballo".

"Todo o que se promete, neste programa, faise sendo sabedores da situación actual do Concello, Pois fai catro anos non estabamos informados da realidade económica e das débedas que tiñamos a afrontar de gastos realizados por outros", remarcou Marnotes, no acto de presentación do programa electoral.

Para ver o programa electoral do Partido Popular prema no Arquivo Adxunto:

9, Maio 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, avanzou que segundo as enquisas que manexan os socialistas "a cidadanía castigaría ao actual alcalde, Argimiro Marnotes, quen perdería a maioría absoluta nas vindeiras eleccións do 24 de Maio. Ademais, case un 70% dos carballiñeses amósanse favorables a un cambio de rumbo na política municipal actual", afirman.

A enquisa, que según o PSdeG  incluíu mais de 350 entrevistas," non só constata que os carballiñeses queren un cambio de goberno no Carballiño, senón que Paco Fumega é o candidato mellor valorado".

 Paco Fumega, que foi o encargado de presentar os resultados desta enquisa que tería feito a nivel interno o partido a nivel local, subliñou que “O Carballiño sufriu nestes catro anos un retroceso evidente a todos os niveis, e queremos recuperar o que foi esta vila cun programa con mais dun cento de propostas moi concretas en torno a unha aposta decidida polo emprego, a mellora da economía e a defensa dos servizos públicos”.

Avanzou que as propostas que conforman o programa dos socialistas presentaránse aos cidadáns “nunha campaña moi participativa, na que todos os membros da candidatura estaremos permanentemente na rúa para falar cos veciños dos barrios e das parroquias, con máis de 50 actos e un mitin central”. Ademais diariamente proxectaránse nun vídeo na fachada da sede do PSdeG, na Rúa Principal, ao igual que se fixo onte no acto de pegada de carteis. 

Contra a operación de compra da casa da antiga Ferraxería Soto

Así, a pesar de que a compra da Casa Soto "é un desexo de boa parte da cidadanía, a maior parte dos carballiñeses están indignados porque consideran que este non é o momento de facer un gasto tan elevado, de ata 1, 7 millóns de euros. E menos aínda despois de sufrir unha suba de impostos e taxas municipais e de pasar catro anos escoitando ao alcalde afirmar que non hai cartos para cousas como iluminación, limpeza, asfaltado, servizos públicos, actividades deportivas, conservatorio ou calefacción na biblioteca, por exemplo".

Ademais, aseguran desde o PSdeG carballliñés que "tras consultar a profesionais do sector, todos coinciden en que o prezo que pagará o Concello polo inmoble é excesivo, polo que non se entende cal é a presa do alcalde por levar a cabo esta compra dun xeito totalmente arbitrario e que roza a ilegalidade, xa que non conta con informes municipais nin taxación previa".

O PSdeG pregúntase cales son os intereses que moven ao alcalde "a levar a cabo esta operación, porque está claro que non é polo interese dos cidadáns. Non é lóxico que nun momento de dificultade económica compre un inmoble por un prezo mais elevado do que debería e que ademais hipoteque ao futuro goberno municipal para os vindeiros anos".

 

 

8, Maio 2015

Os candidatos ás eleccións municipais no Concello do Carballiño participaron nunha Mesa Redonda co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do IES Nº1.

O acto celebrado no Salón de Actos do centro carballiñés contou coa presenza de Argimiro Marnotes, candidato á alcaldía do Carballiño e actual alcalde do Partido Popular, Francisco Fumega do PSOE, Chema Ferreiro polo BNG e Bernardo García de Alternativa veciñal. Actuou como presentador e moderador do acto Manuel Amil Otero, director do centro.

Despois dunha breve exposición a cargo de cada candidato á alcaldía, o alumnado planteou preguntas sobre temas do seu interese como o posicionamento dos diferentes partidos sobre nova Lei de Educación (LOMCE), as medidas que se ían tomar con respecto ao Parque Municipal da vila ou a grave situación económica das familias debido á crise e a posibilidade de abrir novos comedores escolares para paliar en parte esta situación.

A iniciativa no IES Nº1 de realizar esta Mesa Redonda tiña como obxectivo achegar aos votantes máis novos, sobre todo  a aqueles que votan por primeira vez,  as cuestións da vida política local e as posturas que sobre elas figuran nos programas electorais das distintas formacións.

8, Maio 2015

Os socialistas do Irixo, con Iago Fariñas como candidato á alcaldia, presentan un programa electoral que se divide en 5 grandes bloques.

Para ver o documento, prema no arquivo adxunto:

7, Maio 2015

A agrupación veciñal POLOS VECIÑOS preséntase por primeira vez a Alcaldía do Irixo "motivada polo abandono e o deterioro que está a sufrir o Concello nos últimos anos. Parece que O Irixo e os seus veciños só existen en época electoral, os 47 meses restantes ignóranse ou non se teñen en conta as súas reivindicacións". O acto de presentación da candidatura tivo lugar na antiga escola de San Cosme.

Manifestan que "ningún membro desta Agrupación pode entender como Manuel Penedo pode dicir sentirse orgulloso dos seus logros, cando quedan moitas cousas básicas por facer".

Engaden que "ningún alcalde pode sentirse orgulloso de que sexan os propios veciños das aldeas, cos seus medios e recursos, ante a impasividade municipal, os que se vexan obrigados a construír e modernizar os seus propios abastecementos de auga potable".

"Como alguén se pode sentir orgulloso do dubidoso funcionamento das depuradoras de augas fecais, así como o sistema utilizado polo concello para a destrución dos lodos das mesmas", pregúntanse. Como pode sentirse orgulloso “Por aforrar o máximo para casos de necesidade” pero desatendendo a unha poboación envellecida a que recoñece que non se pode coidar contratando a catro auxiliares de axuda a domicilio máis. ¿Acaso no Irixo isto non entra dentro da categoría de “NECESIDADE”?

Ningún alcalde debe sentirse orgulloso - contiúnan- da discriminación que se fai das empresas do Irixo na adxudicación de obra pública municipal. Empresas ás que se castiga tamén ca falta de solo empresarial no concello, motivado polo desinterese municipal na elaboración de algo tan básico é fundamental como o Plan Xeral De Ordenación Municipal (P.X.O.M). Igual desinterese na falta de apoio necesario para emprendedores aos que lle resulta máis fácil “emprender camiño de Alemania ou Suíza” segundo palabras do rexedor, que abrir un negocio neste concello.

No Irixo todo son facilidades para as empresas que pisotean e desprezan os bens e dereitos dos veciños/as, destruíndo estradas e ocupando terreos que nunca volven a deslindar, como ocorreu coas obras do A.V.E. E non pasa nada, recalcan desde a candidatura "Polos veciños".

E continuan cos súas reflesións: "un alcalde NUNCA, NUNCA debe ofrecer aos seus veciños/as postos de traballo nas empresas privadas que poidan chegar a establecerse no noso concello, xa que eses postos non son emprego público, facendo uso de información privilexiada para o beneficio propio e non para defender os intereses dos seus veciños/as. FACER ISO é intentar conseguir uns votos a costa de xogar coas necesidades dos demais".

"Non debería ser orgullo dun alcalde ter prazas adoquinadas mentres haxa aldeas ás que resulte moi difícil ou case imposible o seu acceso. E, sen lugar a dúbidas, o seu orgullo máis grande é o de ser responsable do conflito social máis grave na historia do Irixo nos últimos 40 anos, xa que nunca buscou alcanzar entendemento entre opinións opostas, sempre refusou o diálogo e nunca se plantexou dar marcha atrás na súa decisión de instalar unha planta Incineradora de lixo no noso Concello, chegando a dicir e reiterar que  A Incineradora póñoa por que me dá a gana”.

“POLOS VECIÑOS“ comprométese a cambiar todo ese “orgullo” por “humildade” ante todos os veciños e veciñas do Irixo, sendo nós os que esteamos a disposición do pobo para conseguir melloras para o noso concello, dar servizos e oportunidades a todos os habitantes deste municipio "para seguir formando parte deste Irixo que somos todos".

6, Maio 2015

Ana Fernández Justo ocupou un dos oito postos relevantes dentro dos mellores oradores de toda Galicia.

A edición galega dos debates escolares Modelo Parlamento Europeo (MEP) arrancou o pasado sábado en Melide, onde se reuniron medio cento de alumnos de nove centros galegos. Ana Fernández Justo acadou a categoría de finalista entre o conxunto de oradores; os demais participantes do equipo carballinés (Lucía España, Yeray Diéguez e Dana Michaelis) obtiveron moi boa puntuación, conseguindo meritorias posicións nas súas respectivas comisións:

  • Economía: prevención do uso do sistema finaceiro para o branqueo de capitais.
  • Política: cohesión e nacionalismos na UE.
  • Medio Ambiente: emprego e crecemento a través da política mesioambiental.
  • Emprego: competividade e substentabilidade no emprego para persoas discapacitadas.

Este éxito obtido non sería posible sen o traballo interdisciplinar desenvolvido no IES Chamoso Lamas polos departamentos de FOL , Administrativo, Ciencias Naturais e Bioloxía, Economía, Filosofía, Inglés, Historia, Normalización Lingüística, Lingua e Literatura Galega e o apoio da Dirección do centro.

A actividade, organizada pola asociación Agorae e promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, convocou a dez centros de ensino de toda Galicia. A segunda fase destes debates escolares a nivel europeo desenvolverase en Madrid no mes de novembro. A seguinte e última terá lugar no Parlamento europeo (Bruxelas) no vindeiro ano.

5, Maio 2015

Tratase dun edificio singular sito no nº 34 da rúa Tomás María Mosquera, coñecido como o da "antiga ferraxería Soto", lembrando a última actividade comercial que acolleu ata o anos 80 do século pasado.

Conta cunha das fachadas máis emblemáticas, con trazos arquitectónicos neoclásicos, que se conserva na rúa Principal do Carballiño. A finca na que se ubica ten unha extensión de 1400 m2.

O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes propón ao pleno da corporación -convocado para este mércores 6 de Maio- a operación de compra venda desta propiedade "tras varios anos de xestións cos seus propietarios, esta alcaldia acaba de recibir unha oferta para que o concello se faga con esta propiedade, cun prezo de 1,7 millóns de euros".

Marnotes, que debe contestar a esta oferta antes do dia 27 de Maio, propón a adquisición por parte do concello desta finca na que se ubica a casa da antiga Ferraxería Soto, abonando  o pagamento durante seis anualidades, ata o ano 2020, sendo o primeiro pago de 100.000 euros á sinatura do contrato durante este ano 2015, e os restantes a razón de 325.000 euros ao ano.

O alcalde carballiñés entende que con esta operación "cumplimos un desexo que se ven manifestando desde fai polo menos 30 anos, e que agora pasa a ser unha realidade, o concello amplia asi o seu patrimonio cunha propiedade que ten unhas posiblidades de uso moi atractivas, que se deberán determinar no seu momento, agora o importante é cerrar a compra", subliñou.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS