
O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, comprometeuse a facer unha aposta firme e decidida polo turismo da vila ao chegar ao goberno, con varios proxectos como a recuperación dos paquetes turísticos nos hoteis, o deseño dunha rede turística cos concellos da comarca, a potenciación do termalismo, a natureza e o patrimonio histórico e cultural e a creación da marca Carballiño Calidade.
Así o avanzou o candidato nunha rolda de prensa xunto ao concelleiro Manolo Dacal, na que ambos destacaron que a promoción turística é un dos motores fundamentais para a dinamización económica e o progreso futuro do Carballiño.
Dacal lamentou “os catro anos perdidos co goberno de Marnotes” nos que non só non se fixo xestión en promoción turística, senón que se deixaron totalmente abandonados puntos fundamentais para o turismo local como son o Parque Municipal, o Museo Etnográfico, o Cámping, ou as rutas de sendeirismo, como o Camiño dos Arrieiros.
O concelleiro criticou que Marnotes tampouco foi capaz de presentar novos reclamos, ao non poñer en marcha ningunha oferta cultural ou de ocio, mentres outros puntos de referencia como a Residencia do Tempo Libre, permanecen pechados.
Sinalou que o goberno do PP só se centrou na promoción da Festa do Pulpo, que a pesar de ser importante, non pode ser a que concentre todos os esforzos do Concello. Así, preguntouse por qué non houbo o mesmo interese na promoción da Festa dos Maiores, que se deixou esmorecer, ou en programas como os Xeodestinos e Galicia Central, ou iniciativas como a Mancomunidade de Terras do Avia.
Ante a proximidade da Semana Santa, os socialistas tamén lamentaron a única promoción do turismo relixioso, agradecendo á Cofradía do Carballiño o seu esforzo neste eido, pero que non é incompatible cunha proposta de ocio e turismo do Concello que pode incluír outras actividades ou ofertas hoteleiras.
Fumega avanzou que unha das iniciativas que o PSdeG levará a cabo ao chegar ao goberno será a oferta de paquetes turísticos de actividades e aloxamento para fins de semana e datas festivas, xa que “é un investimento que ten retorno e que dinamiza a hostalaría e o comercio, non é un investimento improdutivo como outros moitos que leva feito o goberno do PP”.
Destacou tamén a importancia do termalismo e avanzou o obxectivo de incluír ao Carballiño no programa europeo de Saúde Termal. “Se queremos apostar polo turismo termal e de natureza, temos que dinamizar os balnearios e a Residencia do Tempo Libre e non podemos ter os espazos naturais abandonados”, sinalou.
O candidato socialista propón ademais o deseño dunha rede turística en colaboración cos concellos da comarca, xa que “temos unha enorme riqueza de patrimonio histórico, natural e gastronómico” con lugares de gran atractivo como o Mosteiro de Oseira ou o Castro de San Cibrán, que poden ir acompañados dunha oferta que faga que os visitantes non veñan un só día.
Para elo, avanzou a creación da marca “Carballiño Calidade” e da creación dun Servizo Municipal de Turismo que será o encargado de organizar por exemplo visitas didácticas de centros escolares, feiras temáticas ou propostas como os domingos gastronómicos; acompañado da promoción axeitada do Cámping municipal e da aposta polas empresas turísticas locais e a súa profesionalización.
“Non podemos quedarnos quietos cando O Carballiño encabeza o paro e a perda de poboación desta provincia”, dixo e destacou a importancia de superar a barreira dos 15.000 habitantes, “un obxectivo que só pode vir acompañado da revitalización económica, que está directamente ligada ao turismo”. Por elo, defendeu que “en lugar de mirar para outro lado, como fixo o goberno actual, os socialistas temos clara a importancia do turismo para dinamizar a economía, e dedicaremos os recursos e esforzos necesarios para conseguilo”.

O acto formaba parte da programación de activiades organizada pola área municipal de igualdade con motivo do "Dia Internacional das Mulleres".
O salón de plenos da casa do concello carballiñés reunía con este motivo a unha representación das participantes nos cursos que viñeron organizandose nos útlimos meses, como o curso Rede Emprende en Igualdade, o curso de autodefensa par mulleres, ou o de "cociña, comparte, iguálate", éste último para homes.
Tamén recibiron os seus premios os gañadores do IV Concurso Fotográfico 2015 "Unha mirada de xénero: con E de Emprendedoras".
O acto contou coa asistencia da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, e da intervención do alcalde Argimiro Marnotes e a concelleira de Igualdade e Benestar Purificación Alberte, que salientaron "o irrenunciable compromiso do goberno municipal a favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes".
A presidenta local da Asociación Española de Loita Contra o Cancro, Julia Corral, recibíu o donativo de 775 euros que entregaron os participantes na andaina "O Carballiño camiña pola igualdade" celebrada o pasado dia 15 de Marzo.

Identificanse como "un grupo de persoas preocupadas pola situación social xeral e do Irixo en particular"
Comparten "o desexo fundamental de poder facer do noso concello unha verdadeira casa de todas e todos, un lugar de participación e de encontro onde toda a veciñanza teña voz, así como tamén un goberno municipal que sirva ós cidadáns e non que se sirva deles ó seu antollo e sen remorsos. Algunhas das nosas inquietudes principais son revitalizar o concello, reverter a perda de poboación e mellorar e ampliar os servizos municipais".
Pretenden "facer do Concello un lugar de debate e encontro, un espazo en que se poidan achegar propostas que propicien outro xeito de gobernar baseado nunha política municipal transparente, aberta e participativa; asi como a defensa dos servizos públicos, respecto polo medio natural e polo patrimonio, tamán o recoñecemento das parroquias e apostar por políticas activas de emprego"
O sábado día 28 de marzo elixirán a candidatura. A votación farase na casa do pobo de Marnotes de 7 a 9 da tarde.
Invitan "a todas as veciñas e veciños do Irixo, maiores de 16 anos, a participar na elección das persoas que formarán a nosa candidatura para as eleccións municipais que se celebrarán o próximo día 24 de maio".
Ata 5 candidaturas poden presentarse no Irixo nestas municipais
De confirmarse a presentación da candidatura do BNG, na que traballan os nacionalistas nas últimas semanas, serían cinco as candidaturas que se desputarán o voto nas vindeiras elección municipais no municipio do Irixo.
Ademáis de Partido Popular con Manuel Penedo candidato a reelección á alcadía do Irixo, na carreira electoral tamén estarán Iago Fariñas, cabeza de lista dos socialistas, asi como dúas candidaturas veciñais á marxe dos partidos políticos.

A Presidenta Asociación de Veciños de Arcos foi elixida como nova presidenta da Federación Veciñal carballiñesa, que agrupa a totalidade das asociacións de veciños dos pobos e parrroquias do municipio carballiñés, e tamén ás existentes na propia vila do Carballiño.
Aurora Gómez substitúe á fronte da federación veciñal a Eulogio Alonso, presidente da Asociación de Veciños de Veiga, que veu exercendo o cargo durante os últimos anos.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou o concello do Irixo para coñecer "in situ" as actuacións que se executaron no municipio ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental, onde destacou "o beneficio que aporta o Fondo para os pequenos concellos da provincia".
Rogelio Martínez, que estivo acompañado polo alcalde, Manuel Penedo, destacou que no Irixo apostouse polas obras no abastecemento e a recuperación de espazos degradados, e a subvención por importe de máis de 56.000 euros utilizouse para resolver o problema da subministración de auga potable que tiña a poboación da parroquia de Cangues e para recuperar as dúas pozas empregadas para a regulación e reserva de auga en Casar de Cangues.

Os verdes realizaron unha primeira parte primorosa na que borraron do campo ao equipo local, deixando o partido visto para sentencia co 0-3 no minuto 38, tras un gol de Manu e dous de Sanginés. Con esta victoria en Mondariz, o Arenteiro encadena nove partidos consecutivos sen perder e achegase ao obxetivo da permanencia, con 44 puntos.
CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, Carlos Escudero, Lois, Pana, Dafonte, Martín, Manu, Sanginés, Choco e Brais. Tamén xogaron Bardelás, Victor Gallego, Ocampo e Dani Vázquez.
Goles:
1-0. Minuto 16. Balón a media altura ao vértice da área grande, e tal como ven Manu conecta un tiro perfecto á escadra da portería local. Golazo.
0-2. Minuto 35. Magnífica combinación da dianteira verde que culmina Sanginés, escorado e con moi pouco ángulo, para axustar o balón ao segundo pau. Golazo
0-3. Minuto 38. Outra vez Sanginés, vaise por velocidade de dous defensores e bate ao porteiro local na súa saída colándolle o balón dun tiro raso e axustado. Golazo.
O Partido: De total superioridade do Arenteiro desde o inicio ata o final. Xa no minuto 3 o porteiro local nunha magnífica intervención evitou o que pudo ser o primeiro gol da tarde, pero nada pudo facer despois ante o enorme tiro á escadra de Manu e as dúas perfectas definicións de Sanginés que sentenciaron o encontro antes do descanso. Na segunda parte, os locais intentaron meterse no partido, pero sen acerto. Xa no último cuarto, un cabezazo ao traveseiro de Choco e un gol anulado ao Arenteiro, non se sabe moi ben o motivo, puderon siñificar un marcador aínda máis amplo a favor dos verdes.

A Fundación “Insua dos Poetas” conmemorará tres efemérides o próximo 23 de marzo, equinoccio de primavera, coa colaboración do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:
Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o desfrute da vida e de todos os dereitos humanos.
Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.
Día da Poesía, efeméride adoptada durante a 30ª Reunión da UNESCO, celebrada en París en 1999 e que se ven celebrando desde o 2000 en todo o mundo co obxectivo de contribuir á defensa de todas as linguas do mundo a través da expresión poética, denunciando, asimesmo, as privacións da liberdade de expresión.
Simbólicamente a poesía, palabra esencial no tempo, ten sido representada pola auga, o fluir da vida, e pola árbore, concretamente o loureiro e a oliveira, cun significado, xa desde os tempos máis antigos, de gloria e de paz. Polo tanto, a Fundación “Insua dos Poetas” escolle, neste 2015, unha data común para a celebración.
A Fundación “Insua dos Poetas”, declarada de Interese Galego e inscrita no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o 7 de marzo de 2013 (DOGA nº 54), ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura. Polo tanto, a celebración da Auga, da
Árbore e da Poesía, cada 21 de marzo, terá como destinatarios ás xeracións máis novas, representadas polas alumnas e alumnos dos Centros de Ensino do Carballiño. A elas e a eles está destinada esta actividade e eles e elas serán os seus protagonistas.
DESENVOLVEMENTO DO ACTO
23 de marzo 2015
Insua dos Poetas
Esgueva-Madarnás-O Carballiño
(Estrada Carballiño-Lalín (OU-902), km 4,5)
12:30 horas.- Introdución a cargo de Xabier Castro Martínez (Secretario da Fundación), que procederá a dar lectura á declaración de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, no Día Mundial da Poesía.
12:35 horas.- Palabras de Luís González Tosar (Pte. Fund. Insua dos Poetas)
12:40 horas.- Intervención das alumnas e alumnos.
12:55 horas.- Palabras de Román Rodríguez (Conselleiro de Cultura, Ed. e Ord. Univ.)
13:00 horas.- Intervención de Manuel Baltar (Presidente da Deputación de Ourense)
13:05 horas.- Plantación de árbores a cargo dos escolares, escritores, artistas, etc
Os profesores dos centros escolares participantes, recibirán lotes de libros destinados ás bibliotecas.

Empate sen goles no Estadio de Espiñedo no partido de ida de cuartos de final da Copa Deputación nunha tarde de fútbol moi pobre, un resultado que deixa a eliminatoria moi aberta para o partido de volta a xogar o xoves santo. O Arenteiro terá que sair a gañar en Luintra, aínda que tamén lle vale un empate con goles.
CD Arenteiro: Pachi, Gele, Pana, Diego López, Dani Arbo, Ocampo, Martín Pérez, Victor Gallego, Dani Vázquez, Bardelás e Diego Quiroga. Tamén xogaron Carlos Escudero, Lois, Brais e Manu.
O Partido: O Nogueira presentouse en Espiñedo cun fútbol primitivo, patadón e perder tempo foron os seus argumentos. Enfronte, un Arenteiro que o intentaba pero que se atascaba nos metros finais, sen crear ocasións claras de gol. Con este panorama, o resultado máis lóxico un empate a cero, como asi foi. Non obstante, o meta visitante Jacobo, con dúas magnificas intervencións en sendos tiros de Dani Vázquez, e o local Pachi nun remate de Javi Ramos evitaron que os goles subisen ao marcador.

Un total de 20 persoas desempregadas recibiron de mans do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, os diplomas que acreditan a súa participación no obradoiro de emprego “Agrupación Carbosam 2014” que agrupa aos concellos do Carballiño, San Amaro e Boborás.
Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O alumnado compaxinou, durante os seis meses que durou esta iniciativa, unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado, grazas a un investimento da Consellería de Traballo e Benestar de máis de 177.000 euros.
Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, José Selas, participou no acto de clausura deste obradoiro que tamén contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes; do rexedor de San Amaro, Ernesto Pérez; e da concelleira Patricia Torres, en representación do concello de Boborás.
O delegado territorial, na súa intervención, destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.
Durante os seis meses de duración do obradoiro os 14 alumnos que elixiron o módulo de xardinería e os 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. No Carballiño acondicionaron o lavadoiro na Uceira, o forno en Sáa e os accesos ao cemiterio de Señorín. No municipio de San Amaro rehabilitaron o local do grupo escolar de Anllo e, por último, en Boborás, o alumnado deste obradoiro de emprego traballou en labores de mantemento de rutas de sendeirismo.
Novo Obradoiro de Emprego
Os tres concellos, Boborás, San Amaro e O Carballiño xa remitiron á Xunta a solicitude dun novo obradoiro de emprego de carácter intermunicipal.

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou que os socialistas "apostan por un Carballiño de futuro e de progreso, que pasa pola defensa dos servizos públicos de calidade, polo que comprometeuse a incrementar considerablemente o gasto en servizos sociais cando chegue á alcaldía".
Así o manifestou en rolda de prensa xunto á secretaria de Organización do PSdeG, Erika Paz. Fumega sinalou que os servizos sociais son “a bandeira do PSdeG e unha das nosas máximas prioridades”, e defendeu que os cartos públicos deben destinarse a mellorar os servizos municipais en lugar de derrochalos en cousas innecesarias.
Puxo como exemplo deste derroche "o malgasto do goberno de Marnotes en avogados, a perda de diversas subvencións ou o incremento de 300.000 euros no servizo de recollida do lixo dende que se asinou o convenio coa Deputación.Este é diñeiro de todos os veciños, e por tanto debería destinarse a cousas que beneficien aos cidadáns, que sofren a suba dos impostos pero cada vez teñen menos servizos”.
Fumega salientou que o aumento do paro nun 11% dende que Marnotes chegou ao goberno contribuíu á que a xente nova tivese que marchar do Carballiño, que perdeu 232 habitantes só entre 2013 e 2014, quedando cunha poboación maioritariamente envellecida que require atención. Defendeu ademais que unha vila que é cabeceira de comarca precisa para a súa proxección de futuro ofertar prestacións fundamentais en materia de sanidade, dependencia, igualdade ou conciliación.
Os socialistas lembraron que Marnotes "lonxe de apostar polas prestacións públicas, chegou a privatizar un servizo imprescindible para moitos cidadáns como o de Axuda no Fogar, levando ás traballadoras a unha situación insostible e provocando, coa súa desidia, despreocupación e irresponsabilidade que fosen as propias traballadoras as que asumisen todo o peso para seguir atendendo aos cidadáns que o precisan".
Fumega defendeu este servizo e tamén a Residencia do Cornuval, comprometéndose a ser “belixerante cos recortes da Xunta do PP” neste caso. “Non é lóxico que unha residencia pagada con fondos públicos non ofreza prestación cando hai moita xente que a necesita, e que a Xunta só oferte 20 prazas como medida electoralista. Os socialistas iremos mais alá e esixiremos a total apertura das instalacións”, adiantou.
O PSdeG aposta tamén pola conciliación laboral e familiar, fundamental para atraer e fixar poboación no Carballiño. Así, Erika Paz destacou que "Marnotes tentou eliminar o programa de Familias Madrugadoras, posto en marcha polo PSdeG en 2007, e acabou por “cambiarlle o nome, multiplicarlle o prezo e reducir o servizo, ademais de despedir ao coordinador por considerar que non é un servizo necesario”.
Salientaron ademais a importancia da Sanidade e da colaboración do Concello en programas como o de prevención da drogodependencia, eliminado por Marnotes; ou o da Igualdade, área que perdeu subvencións ao quitarlle o nome da concellería e que quedou reducida a “facerse a foto nos días sinalados, mentres se deixaron de lado programas importantísimos para loitar contra a violencia de xénero, a través do CIM, ou o teléfono de axuda a emerxencias que se suprimiu”, explicou Erika Paz.
“O Carballiño do futuro ten que apostar polo desenvolvemento económico, que está directamente relacionado co benestar social, polo que os socialistas temos claro que o investimento en materia social será unha das nosas principais prioridades no goberno municipal”, concluíu Paco Fumega.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 611
- 612
- 613
- 614
- 615
- 616
- 617
- 618
- 619
- …
- seguinte ›
- última »