"A piques de iniciarse o novo curso escolar, moitas familias carballiñesas quedarán un ano máis sen praza na escola infantil debido á incapacidade do goberno municipal para levar adiante o proxecto da segunda Galiña Azul", remarcan dende o PSG.
Tamén consideran que a "inutilidade de Marnotes e o seu goberno provocou continuos retrasos neste proxecto, que foi anunciado hai máis dun ano e que a día de hoxe aínda non ten data de inicio. Así, mentres máis de 40 familias agardan por unha praza na rede de escolas infantís, Marnotes só lles ofrece cambios de ubicación e retrasos en lugar de solucións"
O grupo municipal socialista apunta a "enfrontamentos co Consello Escolar do Campo da Feira, e de manter a súa teima de ubicar a escola infantil nestas instalacións, o pasado mes de xuño Marnotes anunciou un cambio no proxecto, que pasaría a ubicarse na Uceira, seguramente por decisión da Xunta. Este cambio de situación provocou un novo retraso no proxecto, e supuxo unha mostra máis do caso omiso que lle fai a Xunta ao alcalde do Carballiño e da súa incapacidade e inutilidade para gobernar".
Finalmente, critican os socialistas que "o máis grave e que as familias do Carballiño afrontan un novo curso sen prazas nas escolas infantís públicas debido a que o goberno do PP está máis preocupado por resolver outros asuntos que por cubrir as necesidades dos cidadáns. Unha vila como O Carballiño debería ofrecer un nivel óptimo de calidade de vida aos seus cidadáns, e iso pasa por facilitar a conciliación da vida familiar e laboral".

Os verdes colleitaron no campo da Tella de Luintra os 3 primeiros puntos da tempada en preferente, facendo bo o inicio de partido, xa que aos 16 minutos o Arenteiro gañaba 0-2.
CD Arenteiro: Pachi, Lois, Diego López, Dani Arbo, Pana ( Cote, m. 70 ), Ocampo, Victor Gallego, Sanginés ( Gele, m. 68 ), Bardelás ( Dafonte, m. 76 ), Dani Vázquez e Marcos Sotelo ( Quiroga, m. 69 ).
Goles:
0-1: Minuto 4. Dani Vázquez aproveita unha indecisión da defensa local para mandar o balón de tiro raso e colocado ao fondo da portería.
0-2. Minuto 16. Falta por agarrón a Sanginés a altura do pico da área grande, o libre directo é executado por Dani Arbo que sorprende ao meta local cun forte chut.
1-2. Minuto 77. A saída dun córner, Omar recolle un balón que remata no medio dunha maraña de pernas e bate a Pachi.
O Partido: Moi pronto púxose de cara o marcador para o Arenteiro, que tras o segundo gol cedeu terreo ao Nogueira. Non obstante, o Nogueira apenas era capaz de crear algún tipo de perigo ata que aos 5 minutos da segunda parte o árbitro regala un penalti aos locais, o lanzamento é repelido polo longueiro, os de Nogueira non se rinden e siguen buscando a portería de Pachi, aínda que con máis corazón que acerto. So despois do gol, conseguiron meterse no partido. O Arenteiro, co 0-2 e sobre todo despois de quedar o Nogueira cun xogador menos por expulsión de Carra debeu facer algo máis do que fixo para non pasar pola incertidume dos minutos finais.

O Carballiño contará, dende o próximo mes de outubro, con dúas novas pistas de pádel, que se están a construír nas inmediacións do pavillón Paco Chao.
Foron moitos os veciños e colectivos que demandaron este tipo de instalacións deportivas, polo que o concello decidiu solicitar unha subvención para construílas.
Nas pasadas semanas recibiron o visto e prace para esta subvención, que vén da Xunta de Galicia a través dos fondos europeos de desenvolvemento rexional, achegando esta o 75% do custo da obra, sendo a achega do concello de 12.500 euros.
As obras comezaron esta mesma semana, e estarán rematadas na primeira semana de outubro, e dende ese momento xa poderán ser utilizadas pola veciñanza do Carballiño.
A recollida de sinaturas ten por obxecto "esixir a Marnotes que retire o proxecto do PXOM tras constatar que prexudica á meirande parte dos cidadáns, especialmente aos veciños do rural". Esta iniciativa levaráse a cabo dende este primeiro sábado de Setembro nun stand que se instalará na Praza Maior.
Os socialistas puideron comprobar "o malestar existente entre a cidadanía con este proxecto nas reunións informativas" que están a desenvolver dende o mes de agosto en colaboración tamén coa Federación Veciñal.
Nestas xuntanzas evidenciouse -apuntan dende o PSdG- a necesidade de información que teñen os cidadáns e o descontento existente cun plan de ordenación que será a morte do rural.
Por elo lamentan que o alcalde fixese ouvidos xordos durante tres meses ás peticións de máis información por parte dos veciños, e que decida agora organizar xuntanzas informativas "cando a xente xa leva meses queixándose do prexudicial que é esta nova ordenación".
Os socialistas agardan que "nestas xuntanzas os técnicos sexan alomenos capaces de aclarar cales son os criterios que se seguiron para marcar os límites entre zona edificable e non edificable e atopar así algunha explicación a por qué a casa dun concelleiro se mantén en terreo urbanizable e todos os terreos anexos non".
En todo caso "o tempo de informar xa pasou e que agora é o tempo da acción e de recoñecer que este plan é un desastre, anulalo e de poñerse a traballar nun novo plan máis axeitado e menos prexudicial para a cidadanía" remarcan os socialistas.

O matadoiro leva dous anos pechado despois de que abandonase as instalacións a antiga concesionaria, Carnes do Carballiño. Daquéla, a precariedade das instalacións e a caducidade da concesión adminstrativa deixaron sen traballo aos profesionais que, dende entón veñen demandando a reapertura do matadoiro, de titularidade municipal.
Os matachíns, que contaron co apoio dos grupos da oposición, concentraronse ante a casa do concello para facer visible ante a cidadanía a súa protesta por unha situación que se prolonga despóis do fallido intento do concello carballiñés de reabrir estas instalacións por medio dun convenio co Clúster da carne de Galicia.
O alcalde do Carballiño manifestou que xa comunicou aos traballadores "que a Xunta emitirá o vindeiro dia 8 un informe que determinará o futuro do matadoiro, xa que nos indicará se podemos ou non facer un concurso para adxudicar a concesión administrativa das instalacións".

O Festival de Teatro Galego -do 2 ao 5 de Setembro- contará este ano con funcións en horario de de mañá, tarde e noite. As representacións e actividades da mañá e tarde son gratuítas e dirixidas fundamentalmente ao público infantil, incluido teatro para bebés.
Diariamente celebraránse talleres de malabares e instrumentos raros na Praza Maior, de 11 a 13 e de 17 a 19 horas. A casa da cultura acollerá os espectáculos de maxia e para bebés ás 12,30 horas, e finalmente, tamén a diario, o anfiteatro da Veracruz acollerá representacións de teatro infantil.
Nas sesións nocturnas no auditorio do Carballiño as entradas terán un custe de 8 euros e os asistentes poderán gozar de montaxes de gran categoría como Bye, bye, honey, da compañía "Obras Públicas", galardoada con dous premios "María Casares".
Tamén actuará a compañía "Lagarta, lagarta" co seu espectáculo O país do Pato Donald, unha reflexión dirixida por Xulio Lago sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura (Ernesto Chao) que vive os seus últimos días entre a realidade e as lembranzas.
Finalmente, Misterio Cómico de "Teatro do Morcego", será outro dos espectáculos que integran a 25ª edición de Fetega, precisamente no ano no que esta compañía cumpre tamén as súas vodas de prata nos escenarios.
A organización corresponde a asociación FETEGA, que asumíu na útlima década esta responsabilidade que viñeron exercendo dende fai 25 anos a Agrupación Cultural Avantar, a Asociación Cultural Orballo e a propia comisión de festas do Setembro. Coa organización colaboran entidades privadas e públicas, entre éstas, están o Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e AGADIC-Xunta de Galicia.

Tarde de moita calor e inicio da tempada en preferente con severa derrota ante o Erizana , que seguramente non necesitaba dos favores arbitrais para levarse os tres puntos de Espiñedo, xa que os de Baiona foron mellor equipo e xusto vencedor.
C.D. Arenteiro: Pachi, Carlos, Diego López, Dani Arbo, Pana, Ocmapo, Victor Gallego, Bardelás, Sanginés, Dani Vázquez e Brais. Tamén xogaron Lois, Alex Santiago, M. Sotelo e Quiroga.
Goles:
0-1. Minuto 31.Gol de Besteiro, que descaradamente controla o balón coa man, nin o árbitro nin o linier queixeron velo.
0-2. Minuto 64. A saída dun corner, Manu Núñez, aproveita a floxeira defensiva do Arenteiro para marcar o segundo, eso sí, o árbritro tampouco ve que toca o balón coa man.
0-3. Minuto 78. A defensa verde volve outorgar todo tipo de facilidades para que Copa se vaia en solitario faga o terceiro da tarde.
O Partido: Aínda que acaso o marcador é algo esaxerado, o equipo de Baiona mereceu gañar o partido, porque estivo moito mellor posicionado no terreo de xogo e porque soubo definir as súas ocasións, independientemente da axuda arbitral. O Arenteiro estivo mal en todas a liñas, desubicado no campo, e con poucas opcións de meterse no partido, salvo un remate de cabeza de Ocampo ao longueiro, xa co 0-2 no marcador.

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denunciará á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar por coaccións a cargo público no exercicio das súas funcións. Ademais, esixen a Marnotes a anulación da concesión do servizo a esta empresa que non só incumpre as condicións acordadas coas traballadoras senón que tenta silenciar e amedrentar a quen protesta.
Así o anunciaron hoxe a concelleira Iolanda Otero e o portavoz do PSdeG, Francisco Fumega, nunha rolda de prensa na que explicaron estes feitos.
A denuncia ven motivada pola carta enviada dende a empresa ao Grupo Socialista na que se lles insta a non continuar coas reclamacións pola situación laboral na que se atopan as traballadoras dende que o servizo de axuda no fogar foi privatizado polo concello mediante concesión á empresa Galaurea.
Nesta carta, a empresa ameaza con denunciar á concelleira por revelación de datos e violación da intimidade dos usuarios, facendo referencia ao debate sobre esta cuestión no pleno do pasado 17 de xullo.
Os socialistas sinalan que esta acusación é totalmente falsa, que en ningún momento houbo revelación de datos dos usuarios do servizo de axuda no fogar, senón unha defensa da situación que levan meses sufrindo as traballadoras, con reiterados incumprimentos do seu convenio laboral, reducción de horas de traballo e empeoramento das súas condicións.
A concelleira Iolanda Otero afirmou hoxe que “non imos deixar que unha empresa privada nos intimide, e moito menos imos deixar de exercer o noso traballo de fiscalización. Non nos van amedrentar nin a silenciar”.
Na mesma liña, Francisco Fumega sinalou que “unha empresa privada non pode determinar como fai o seu traballo a oposición, que está precisamente para defender os intereses dos cidadáns”.
Fumega tamén criticou a postura mantida polo alcalde xa que “o representante dos cidadáns non pode poñerse de lado dunha empresa. Ten que defender ás traballadoras e non o fai. E neste caso, ten que defender á concelleira socialista como membro da corporación municipal ante este tento de intimidación que está a sufrir”.
Os verdes apuran a preparación ante o inminente inicio da liga, este domingo 31 de Agosto no Estadio de Espiñedo ante outro dos recén ascendidos, o Erizana CF de Baiona.
O partido que alza o telón da competición da preferente autonómica xogaráse a partir das 6 da tarde.
CD Arenteiro 0 Barbadás B 2
Ante o finial do Barbadás os carballiñeses xogaron o peor partido da pretempada. O adestrador local dispuxo dous equipos, ún en cada parte, os dous foron superados polo equipo rival, que marcou un gol en cada periodo.

Un grupo de traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio, que xestiona a empresa Galáurea, apoiadas pola CIG, concentraronse diante a casa do concello en demanda da convocatoria dunha mesa de negociación.
A concentración tamén estivo apoida polos grupos municipais de PSdG e BNG, e por AGE. Pretenden unha solución para as "disfuncións que está a sufrir o servizo dende que a empresa se fixo cargo do mesmo".
Instan ao alcalde do Carballiño para que faga as xestións necesarias para que se abra unha mesa de negociación na que estean representadas as traballadoras, a empresa e o propio concello.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 624
- 625
- 626
- 627
- 628
- 629
- 630
- 631
- 632
- …
- seguinte ›
- última »