20, Febreiro 2015

O Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense constata a fortaleza que ten o sector da alimentación e bebidas no Ribeiro, onde xera dous de cada tres empregos industriais. En concreto, impulsa 476 dos 776 empregos industriais existentes no conxunto da comarca -o 61,3% do total-, tal e como detallou esta mañá o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, na presentación das conclusións da maior base da datos provincial, comarcal e municipal nun acto desenvolvido no Concello de Ribadavia.

Á cita asistiron alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais da comarca. Na súa intervención, o xerente do INORDE incidiu nas liñas estratéxicas coas que a Deputación de Ourense rendibilizará en beneficio da provincia o no novo período de financiamento europeo. Os catro grandes eixos de actuación son os proxectos “Ourense Provincia Intelixente”, “Ourense Termal” e “Competitividade Ourense”, e a nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente.

José Manuel Rodríguez resaltou o potencial económico do Ribeiro e anticipou as aportacións que ten ao seu alcance a comarca dentro de cada unha das liñas estratéxicas. Asimesmo, animou aos concellos e a todos os colectivos á suma de propostas para impulsar novos proxectos dentro do Marco Estratéxico Común (MEC) 2014-2020.

                Rexeneración laboral

 Na presentación das conclusións comarcais do Observatorio Económico Ourensán deuse a coñecer que O Ribeiro foi en 2014 a segunda comarca ourensá con mellor comportamento do paro rexistrado, ao baixar un 11,7% en taxa interanual, só por detrás da Baixa Limia (-12,4%). En sete concellos houbo descensos a dobre díxito e en tres a baixada mesmo se moveu por enriba do 20%: Cenlle, Arnoia e Leiro. Pola súa banda, a cabeceira da comarca -Ribadavia- logrou unha redución do 7,3%.

 No tocante ás afiliacións, o xerente do INORDE argumentou que “medraron na maioría dos meses de 2014, pero finalmente pecharon o exercicio cun lixeiro debilitamento do 1,3%. O municipio de Ribadavia consolida a cifra de 1.600 postos de traballo, mentres que Leiro e Castrelo de Miño conseguiron xerar o ano pasado máis dun 3% de novos empregos”, salientou.

 Ademais, destacou que a industria rexistrou unha importante recuperación de emprego. No ano e medio analizado polo Observatorio -comparativa entre marzo de 2013 e setembro de 2014-, as afiliacións no sector industrial creceron un 14,1%, e no caso concreto da rama da alimentación e bebidas o crecemento disparouse ata o 40,4%, o que da conta da fortaleza da agroalimentación, e particularmente do sector vitivinícola, na comarca do Ribeiro. O Observatorio identifica 114 empresas na cadea de produción das bebidas alcohólicas, cifra que representa o 39,3% de todas as existentes na provincia.

 Finalmente, no acto de hoxe trascendeu que a rexeneración laboral tamén se extendeu nesta comarca ao sector servizos e ás actividades tecnolóxicas. As comparativas entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014 -últimos datos dispoñibles- mostran un crecemento do 8,9% no emprego do sector servizos e do 15,2% nos sectores tecnolóxicos.

               

19, Febreiro 2015

Foi a postura que adoptaron os catro citados a declarar ante o xuíz instructor no xulgado do Carballño na súa condición de imputados na causa que investiga a xustiza en relación a presunta contratación irregular de traballadores no concello carballiñés durante os anos de gobernos socialistas, unha causa que tamén afecta ao exalcalde Pachi Vázquez no TSXG.

No caso de Carlos Montes e os outros 3 exconcelleiros socialistas imputados tras a denuncia da Fiscalía, ao non ser aforados como acontece con Pachi Vázquez, o proceso está a cargo do Xulgado de Instrucción do Carballiño.

Os catro citados polo Xuíz Instructor acolleronse ao seu dereito a non prestar declaración.

17, Febreiro 2015

A Comparsa "A fada das neves" da Asociación "Os Arrieiriños de Dacón" levouse o primeiro premio -1.300 euros- do concurso do gran desfile do entroido 2015. O xurado outorgoulle unha puntuación de 36,42 puntos. A comparsa daconense repite asi o éxito neste concurso, que xa gaña por terceiro ano consecutivo.

Moi preto, con 35,82 puntos, o segundo premio -1.000 euros- correspondeu á "Revolución Azucarada" da agrupación dos Azucarados de Maside. Nesta axustadísima votación, na que o xurado valorou entre outros aspéctos, a  orixinalidade, vestiario, empatía, coreografía, a ainmación ou a carroza, o terceiro premio -800 euros- foi para a "Fantasía doque o vento levou", da Asociación Cultural O Castro de San Amaro.

Para  a "Invasión dos bechos" da Asociación do Freixo, do concello de Crecente, foi o cuarto premio -400 euros-. "A Carapuchiña Vermella" da comparsa dos Trangallás do Irixo quedaronse co quinto premio -350 euros-, e finalmente o sexto -350 euros- foi para "A panda do Arenteiro" do colexio carballiñés Vila do Arenteiro.

O gran desfile do entroido carballiñés foi seguido por miles de persoas durante o seu percorrido polas rúas máis céntricas do Carballiño, nunha tarde de inverno soleada pero de moito frio, de apenas 7 graos ás horas do desfile, aínda que a sensación térmica era bastante inferior á temperatura que marcaban os termómetros.

Concederonse cinco accesits de 60 euros a "Os nevadiños de San Amaro", "Soños de papel", "Grupo de voluntarios da Cruz Vermella", "Calloboys" e "Os Tiroleses".

 

 

16, Febreiro 2015

A tradición de entroido está tan arraigada  que ata as parellas escollen estas datas para casarse no concello, e fano como debe ser no carnaval, disfrazados., noivos, testigos e convidados.

Aconteceu este lúns de entroido ao mediodia no concello do Carballiño. A Noiva cadever contraeu matrimonio con zombie, acompañados do SombreireiroTolo, Alicia, e ata a mismisima Carapuchiña Vermella. 

Oficiou a ceremonia de casamento civil o Gran Rei "Elvis"

16, Febreiro 2015

Un ano máis o martes de entroido no Carballiño estará marcado polo gran  desfile no que participarán máis de 700 comparsitas.  Percorrerá as principais rúas carballiñesas, enchendo de música, cor e animación a tarde do dia grande do carnaval carballiñés . En total serán 15 as agrupaciones que participarán neste desfile, o primeiro deles deste ano, xa que o domingo 22 -Festa da Cachucha- terémos o segundo.

O percorrido deste desfile comezará na rúa Otero Pedrayo,  para continuar por Conde Vallellano, rotonda da Alameda, avenida de Xullo Rodríguez Soto, Calvo Sotelo, ata a Praza Maior, onde estará o xurado que emitirá o fallo deste Carnaval 2015. Esta xornada de martes é festivo de carácter local no municipio do Carballiño.

Para que este percorrido non teña ningunha incidencia, desde a Policía local recórdase que estará prohibido o aparcamiento nas rúas Otero Pedrayo e Conde Vallellano, o martes 17, desde as 14:00 ás 22:00 horas.

Nesta edición repartiranse un total de 7.640 euros en premios para as mellores agrupaciones. Abrirá o desfile -fora de concurso- a tradicional comparsa carballiñesa Os Liborianos.

O fin de festa, na Praza Maior, estará amenizado pola orquestra América S.L., logo da verbena deste lúns de antroido coas orquestras Gran Parada e Atenas.

16, Febreiro 2015

O Grupo Municipal do PSdeG esixe a Marnotes que faga as xestións oportunas para a apertura inmediata da Residencia do Tempo Libre.  Lembra a importancia económica que supón para O Carballiño poder ofrecer este servizo e reclama ao alcalde que "se poña firme ante a Xunta para que a apertura das instalacións se leve a cabo canto antes".

Os socialistas sinalan que este ano os remeiros que compiten no Embalse de Castrelo aloxáronse no Balneario de Laias, cando en anteriores ocasións o fixeran na Residencia do Tempo Libre "deste xeito, perdeuse unha oportunidade de contar con visitantes na nosa vila e darlle así un impulso económico que tanto precisa".

Por iso, esixen a Marnotes "que deixe de dar lagas e  que se poña firme ante a Xunta para que a Residencia abra as súas instalacións, xa que isto demostra a existencia de demanda. O que falta é vontade política", e engaden ademáis que "a falla de xestións de Marnotes para conseguir a apertura da Residencia demostra que en Santiago os do seu partido non lle fan ningún caso, e as consecuencias pagámolas os cidadáns do Carballiño".

 

15, Febreiro 2015

O Arenteiro, que co 1-0 no marcador no minuto 21 desperdiciou un penalti ao seu favor , podemos decir que acabou o partido salvando un punto, despois de quedarse con 10 xogadores no campo desde o minuto 8 da segunda parte tras a expulsión de Lois, unha inferioridade numérica que acentuouse máis no último cuarto de partido tras ser expulsado V. Gallego.

CD Arenteiro: Marcos Nieto, Gele, D. López, Lois, Pana, Ocampo, V. Gallego, Bardelás, Sanginés, Martín Pérez e Marcos Sotelo.  Tamén xogaron Dani Arbo, Carlos, D. Vázquez e Brais.

Goles:

1-0.  Minuto 13. Falta lateral sobre a portería do Gondomar, Ocampo remata de cabeza e o balón, describindo unha parábola perfecta, fai inútil a estirada do meta visitante.

1-1. Minuto 26. Xogada por banda do Gondomar, Victor centra cara o punto de penalti para que Maikel fusile a placer o gol do empate.

O Partido: Cunha acción que resultou clave, o gol fallado por Sanginés no minuto 21, que houbese siñificado o 2-0. Ata daquela o Arenteiro controlaba perfectamente o partido, pero a partir dese momento o Gondomar veuse arriba e o Arenteiro abaixo.  Na segunda parte o partido estivo condicionado pola inferioridade numérica coa que o Arenteiro quedou no terreo de xogo, primeiro coa expulsión de Lois e despois de Victor Gallego. O partido convertiase en practicamente un monólogo por parte do Gondomar, aínda que asi e todo tan so foi capaz de crear un par de ocasións de gol, que non souberon materializar. Cando mellor soubo aguantar o Arenteiro, cando se quedou con 9 xogadores, nos últimos 15 minutos.

14, Febreiro 2015

Desde as catro e media da tarde deste domingo 15 de Febreiro o Arenteiro terá enfronte a un duro rival que chega a Espiñedo como o sexto clasificado, o Gondomar C.F.

Para este encontro os carballiñeses teñen as baixas dos sancionados Pachi, Dafonte e D. Quiroga, o primeiro expulsado o pasado domingo no partido ante o Valadares, e os outros dous cumplindo ciclo de 5 amarelas. Regresará á convocatoria, recuperado dunha lesión, Ocampo.

 

 

 

12, Febreiro 2015

O acordo adoptouse por unanimidade do pleno corporativo, partindo dunha moción do PSdeG e unha enmenda transaccional promovida polo Partido Popular.

O concello carballiñiñés instará a Renfe e Adif a non supresión do Tren-Hotel dos sábados, o único servizo ferroviario de viaxeiros entre a estación do Carballiño e Madrid.

Tamén se vai instar á Xunta de Galicia para que poña en funcionamento un "tren de cercanias operativo" entre as estacións do Carballiño e Ourense, e que -ademáis- aposte decididamente pola creación dunha estación intermodal para O Carballño, que debería ubicarse na propia estación de ferrocarril.

Finalmente, o concello do Carballiño vai presentar alegacións ao expediente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras en relación a regularización da concesión administrativa da empresa Mombus para transporte de viaxeiros por estrada. A corporación municipal acordou demandar da empresa que poña en marcha servizos por autovia entre O Carballiño e Ourense, con intervalos de hora e media, desde as 7 ás 20,30 horas, asi como desde Ourense a O Carballiño, entre as 7,30 ás 21,30 horas.

12, Febreiro 2015

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, incidiu na importancia do traballos dos concellos en prol da Igualdade, e destacou a enorme relevancia da posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes dos concellos de Avión e Melón.

Susana López Abella asistiu, xuntos aos alcaldes de Melón, Cristina Fernández, e de Avión, Antonio Montero, á presentación do Plan de Igualdade de Oportunidades 2015-2018 presentado por ambos concellos, no CIM de Avión, que reflicte o compromiso firme e decidido das dúas institucións por seguir camiñando na senda e que consolida a perspectiva de xénero e a prevención da violencia de xénero como eixos transversais de actuación en todas as políticas levadas a cabo dende os dous concellos.

A titular de Igualdade felicitou a ambos concellos polo traballo levado a cabo, comprometidos por acadar a Igualdade real e efectiva entre os seus veciños e veciñas, e que se reflicte neste Plan que ademais contou na súa elaboración cunha nutrida representación da veciñanza, asociacións, centros educativos, servizos de saúde, servizos sociais, persoal técnico e responsables políticos así coma outros axentes implicados no desenvolvemento da contorna.

O Plan de Igualdade de Oportunidades é unha ferramenta de traballo que posibilita materializar a vontade dos concellos de Avión e Melón no camiño da igualdade e reflicte unha proposta de actuación conxunta para a realidade concreta dos dous concellos, recollendo diferentes eixos de actuación en coherencia coa política municipal e as necesidades, intereses e problemas detectados na cidadanía.

Plan de Igualdade de Oportunidades
O Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres dos concellos de Avión e Melón consta de catro eixos de actuación, que engloban a sensibilización e promoción da Igualdade; a coeducación en Igualdade; o mercado laboral e usos de tempo e a Violencia de Xénero. Ten coma finalidade mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas de Avión e Melón, a través do impulso de políticas transversais e accións destinadas a trocar actitudes, comportamentos e valores que supoñen unha barreira para o logro da igualdade real das persoas.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS