29, Marzo 2014

Comunicado da Real Academia Galega 

A Real Academia Galega ratifícase na súa escolla de polbo como forma normativa recomendable, tal como estableceu xa no seu Vocabulario ortográfico da lingua galegae no Dicionario da lingua galega, polas seguintes razóns:

1. Non hai ningunha dúbida de que polbo é voz patrimonial galega, que está documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual.
2. A palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial.
3. Un dos criterios establecidos para a escolla entre formas léxicas para a variante normativa do galego é que "entre dúas voces ou variantes concorrentes, unha das cales é indubidablemente galega e diferencial e a outra dubidosa, escóllese a primeira".
4. A palabra polbo, diferencial e galega, e consolidada actualmente no uso escrito, presenta continuidade cara ao sur no portugués polvo.

Comunicado da alcaldía do concello do Carballiño

Dende o concello do Carballiño queremos, en primeiro lugar, agradecer á Real Academia Galega que debatesen a proposta elevada dende esta casa do concello sobre a inclusión do termo Pulpo no noso dicionario, malia que finalmente esta proposta non fose aceptada, non sabemos se pola maioría ou a totalidade dos académicos.

Esperaremos a contestación que nos de a Real Academia sobre o resultado do citado debate. Escrito que remitiremos á súa vez ao Centro de Estudos Carballiñeses, que foron os que elaboraron o informe para solicitar esa inclusión no noso dicionario.

Entendiamos con esta petición que se podía enriquecer o noso dicionario, incluíndo termos que, aínda que non galegos de orixe, se usados pola maioría dos galegos. Algo similar ao que acontece co termo Carnaval, que ten o seu termo galego Entroido, pero que non por iso se deixou de incluír no noso dicionario. Pero os que máis saben sobre o noso idioma son os académicos, e eles decidiron que o Pulpo non pode convivir co Polbo.

Tamén quero dicir, como alcalde desta vila que, aos que están contentos porque só póidase dicir Polbo, como aos que estean desgustados por que Pulpo non poida compartir espazo na nosa lingua con polbo, que non deixen de vir ao Carballiño a probar e a degustar o noso máis afamado prato, polo que se coñece a esta vila dentro e fóra de Galicia e, por sorte, nos catro puntos cardinais, o polbo a feira, realizado polos nosos pulpeiros e pulpeiras dende hai séculos. A todos, aos uns e aos outros, que non deixen de vir á nosa vila á nosa festa, xa que todos teñen cabida e todos son ben recibidos.

Para finalizar dicir que a maior concentración gastronómica de Galicia, recoñecida de interese turístico nacional e a un paso de conseguir este recoñecemento no ámbito internacional, seguirá chamándose Festa do Pulpo, tal e como está rexistrada dende hai un ano. E que o máis importante desta festa é que O Carballiño sexa recoñecido en todo o mundo, que todos queiran vir a coñecelo e a probar ese cefalópodo elaborado como só saben facer as nosas  pulpeiras e pulpeiros, nas súas  pulperías ou coas súas caldeiras en calquera lugar do mundo.


Comunicado da Mesa Pola Normalización Lingüística O Carballiño / Ribeiro

Dende A Mesa pola Normalización Lingüística do Carballiño / O Ribeiro sentímonos compracidos coa decisión que a Real Academia Galega ven de tomar a respecto da, desatinada e absurda, petición de Argimiro Marnotes de que a palabra "pulpo" fose admitida como forma correcta e patrimonial na nosa lingua.

E sentímonos compracidos por varios motivos, un deles porque esta decisión ven ratificar a nosa opinión sobre que a lingua e as decisións que haxa que tomar a respecto dela, sexan de carácter puramente lingüístico ou sociolingüístico, deben ser tomadas nos organismos especializados, non por políticos cuxas intencións, ás veces, non van máis alá do simple oportunismo ou, no mellor dos casos, parten dunha ousadía que, sen levar malas intencións, confunde poder con sensatez.

Por outra parte sentímonos avalados ao saber que se nos dá a razón cando alertabamos abertamente da ilóxica solicitude -coido que fomos os primeiros en denuncialo-. Precisamente por expresar abertamente o ilóxico, fomos branco de afiadas críticas xurdidas da pluma dalgúns que non son capaces de admitir estas cando se dirixen a eles. E precisamente contra nós cando só diriximos un escrito aos medios no claro convencemento de que continuar coa polémica só contribuiría a que o nome do señor Marnotes saíse na prensa e a crear unha disputa que xamais existiu no Carballiño. A Mesa nunca se puxo na tesitura de pretender que os veciños ou veciñas falen o galego dun ou doutro xeito, faltaría máis (outra cousa son as institucións e os que as dirixen), nin o fará nunca. Iso si, tampouco vai deixar que catro señores ou señoras, intenten deformar ou deturpar unha lingua como a nosa, por mor de intereses espurios.

Agora que, supoñemos, este tema xa se dará por pechado, tamén nos gustaría emprazar ao Alcalde do Carballiño a que, do mesmo xeito que nós teriamos que acatar unha decisión diferente da RAG, el faga o mesmo, sexa coherente e, cambie a denominación da actual "Festa do Pulpo" pola forma patrimonial e única oficial en galego de "Festa do Polbo". Facer o contrario, após levantar polémica e gastar recursos, non sería nin sensato nin democrático.

28, Marzo 2014

A competición celebrouse este venres en Budapest, a capital de Hungria. Chema Ferreiro competía cos mellores do mundo na categoria de maiores de 60 anos, na modalidade de 200 metros lisos.

O atleta carballiñés acadou o posto 24 neste campionato do mundo,cun tempo de 30 segundos. Foi o segundo mellor atleta español nesta competición. Ferreiro lucíu na súa vestimenta a "Octavio",o logotipo da festa do polbo do Carballiño.

25, Marzo 2014

Os alcaldes da Comarca apoiaron, na reunión convocada polo rexedor carballiñés, crear un grupo de emerxencias de carácter comarcal e, mesmo de forma permanente con independencia da posta en marcha do Parque de Bombeiros.

A esta conclusión chegouse tras escoitar as explicacións do coordinador de Protección Civil do Carballiño, Juan Míguez, asi como a proposta feita polo alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes.

O obxectivo, unha vez concluida a reunión, quedou claro, contar cun grupo de emerxencias que cubra  todos os concellos da comarca, e mesmo contando con concellos que non teñen este tipo de servizos nin parque de bombeiros, aínda que non pertenzan á comarca.

Para logralo iniciaranse unha serie de reunións tanto coa Xunta de Galicia coma coa Deputación, para buscar vías de financiamento que axuden a formar este grupo. 

Estas reunións serán solicitadas o máis pronto posible para non dilatar no tempo a actual situación da bisbarra en materia de emerxencias.

Á reunión acudiron os alcaldes de  Piñor, Maside, O Carballiño, Boborás, e San Amaro, escusando a súa presenza os de Beariz, Punxín e San Cristobo de Cea, aínda que apoiando a decisión que se adoptara. O Irixo estivo representado polo tenente alcalde Manuel Cerdeira.

25, Marzo 2014

O actúal portavoz dos socialistas no concello carballiñés é o primeiro candidato en posicionarse como tal na carreira electoral para as municipais de Maio de 2015.

Foi no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio na que Paco Fumega criticaba con belixerancia a xestión do goberno municipal cando manifestou "a miña premisa fundamental para as eleccións municipais, para as que quedan un ano, é ser o alcalde que vai poñer en valor o público, que todos os servizos públicos teñan o menor coste para os cidadáns do Carballiño". 

Fumega confirmaba desta maneira, que como en 2011, volverá ser cabeza de cartel do PSdG nas eleccións municipais do ano que ven.

23, Marzo 2014

Os verdes suman, con esta, 23 xornadas de liga sen perder, aínda que desta vez desperdiciaron dous puntos no partido xogado esta tarde no campo da Regueiriña, que rexistrou a mellor entrada da tempada, con numerosos afeccionados do Arenteiro.

C.D. Arenteiro: Perdiz, Carlos, Oscar, Diego López, Dabarca, Álex ( Omar, m. 83), M. Sotelo ( Canexón, m. 66 ), Martín, Quiroga, Bardelás ( Manu m.52 ) e Prada ( Tomás, m. 83 )

At. Barbantes: Samuel, Roki, César, Diego Viñas, Chino, Rubén, Mellado, Bomi, Alén, Toni e Bulicas. Tamén xogaron Miguel, Bruno, Pablo e Fredi.

O Partido: O Arenteiro foi o dominador absoluto do partido pero non soupo resolver nos metros finais onde chocou unha e outra vez coa solidez defensiva do equipo local que, sobre todo a partir de quedarse con 10 tras a expulsión de Rubén por doble amarela no m. 34, concedeu o mando do partido ao Arenteiro, un mando que non lle servíu de moito porque os carballiñeses non tiveron a súa tarde, polo que o reparto de puntos pode considerarse xusto. A nota maís negativa para o Arenteiro foi a lesión de Bardelás, que tivo que retirarse do partido tras unha desproporcionada entrada do local Diego Viñas

23, Marzo 2014

Emilio David Cao xa está camiño de regreso a O Carballiño. Tras pasar a disposición xudicial este lúns, a autoridade xudicial decretou a súa posta en libertade e sen cargos.

Forma parte da organización "Estudantes sen Futuro" e desplazouse a Madrid para participar na gran manifestación das marchas da dignidade, celebrada este pasado sábado.

O mozo carballiñés, de 18 anos de idade e detido pola Policia,  é alumno do Instituto Chamoso Lamas, atopase "incomunicado e á espera de pasar a disposición xudicial", según informa a organización estudantil á que pertence, que esixe "a súa inmediata posta en libertade e sen cargos".

23, Marzo 2014

A andaina organizada pola Concellería de Igualdade e Benestar completou a programación de actividades que este departamento municipal veu desenvolvendo nas últimas semanas con motivo do "Dia Internacional das Mulleres".

A camiñata, dunhos 10 kilómetros, transcorreu polos arredores do Carballiño. Antes de comezar a marcha, gardouse un minuto de silencio para recordar ás cinco mulleres que nos útlimos dias perderon a vida a causa da violencia machista.

19, Marzo 2014

 Áurea Francisco Lorenzo e a deputada Tareixa Paz deron conta desta iniciativa ante o Parlamento de Galicia na que tamén se pide que a xestión da residencia sexa pública.

A concelleira carballiñesa do BNG considera "indecente e obsceno" que o Partido Popular teña pechada esta residencia construida na etapa do bipartito na Xunta, "esto non ten explicación, pasaron xa dous anos que se tratou esta cuestión en pleno e o Partido Popular aínda non instou á Xunta á apertura da residencia", subliñou.

"Non é un problema de orzamento, non hai que construir dende cero, porque a construcción xa está rematada dende o ano 2010 e despois dun investimento de seis millóns e medio de diñeiro público", puxo de manifesto Tareixa Paz, e tamén que "nun contexto de crise, permitiría a creación no Carballiño de oitenta ou máis postos de traballo, o que aliviaría a presión de desemprego desta comarca".

O proxecto inicial desta residencia do maior do Carballiño contemplaba a creación de 105 prazas para persoas dependentes, con 24 habitacións para persoas asistidas, 20 para psicoxeriatría, 11 para enfermos crónicos e 4 para enfermeiría.

No acto de presentación desta iniciativa parlamentaria tamén participou o responsable local do BNG, Marco Antonio Reboredo.

18, Marzo 2014

O alcalde do Carballiño trasladou esta petición aos taxistas ante as numerosas queixas que se reciben no concello, pola deficiente atención do servizo, sobre todo en horario de noite e madrugada.

Tamén os profesionais carballiñeses do taxi presentaron a súa queixa ao concello, neste caso pola proliferación de "ilegais" que están realizando servizos de transporte de viaxeiros dentro do municipio carballiñés. O rexedor comproteuse a estudar esta problemática.

Finalmente, plantexouse a posible reubicación das paradas de taxi no casco urbano "pensando na mellora e funcionalidade do servizo para os usuarios e a comodidade para os propios taxistas". Esta posiblidade someteráse a estudo por parte da concellerería de tráfico e os profesionais do taxi.

18, Marzo 2014

O portavoz municipal do PSdeG, Francisco Fumega, lembrou que o grupo de emerxencias (GES) foille denegado ao Carballiño por ter concedido un parque de bombeiros, e que mentres este non entre en funcionamento “estamos desprotexidos ante calquera emerxencia”.

Salientou que xa hai ano e medio os socialistas presentaron unha moción, aprobada en pleno, para crear un grupo de traballo a nivel comarcal que buscase solución a esta situación pero “o alcalde non deu ningún paso dende entón, ou se presentou algunha proposta ante a Xunta non lle fixeron caso”.

Por elo, os socialistas sinalan que “ante a inactividade e ineficacia do grupo de goberno do Carballiño” tomarán a iniciativa, coa colaboración dos alcaldes de Piñor e Maside, e convidarán a todos os alcaldes da comarca a constituír unha mesa de traballo e valorar as opcións.

“Non podemos seguir nesta situación, porque se acontece algunha emerxencia estamos desprotexidos, polo que esiximos ao alcalde do Carballiño que se centre nos problemas da cidadanía, e mais neste caso que falamos de seguridade”, apuntou Fumega.

O alcalde de Piñor, Francisco Fraga, considerou “inxusto e arriscado” que mentres non haxa un parque de bombeiros non se manteña un grupo de emerxencias xa que “se sucede algún incidente quedamos desprotexidos”. Por elo, apostou por “facer forza” entre todos os concellos afectados. 

Explicou que a concesión do parque de bombeiros no Carballiño non é incompatible coa necesidade dun GES, que podería estar situado nun concello limítrofe. Destacou que así acontece por exemplo no Ribeiro, que será beneficiario do parque de bombeiros que estará no Carballiño, pero que ademais conta con un GES e un grupo de emerxencias mancomunado.

Salientou que “ata o de agora a comarca beneficiouse do gran traballo realizado polos voluntarios” pero incidiu na necesidade dun GES “que atende emerxencias que non son incompatibles co servizo de bombeiros” polo que defendeu que “a nosa comarca debería contar con ambos”.

Fraga apuntou que O Carballiño, como cabeceira de comarca, debería liderar esta iniciativa, pero vendo que dende hai ano e medio non se deu ningún paso adiante “nos estamos dispostos a facelo, e tomar a iniciativa de poñer en marcha canto antes un grupo de traballo  e unir esforzos de todos os alcaldes, independentemente da cor política, e poñernos mans á obra”.

 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS