13, Outubro 2012

"Aquí estamos comendo xuntos, pero cada ún paga o seu, como fai o PP sempre, non deixando nada a deber", remarcaba Feijóo ante os seus na comida-mitin deste sábado no Carballiño.

Os comensais pagaron 14 euros por asistir a este xantar-mitín que reuníu a 600 persoas, e que comezou con algún retraso sobre o horario previsto debido á tardanza en chegar por parte do candidato dos populares á presidencia da Xunta de Galicia. O menú, típico carballiñés, a base de polbo e carne ao caldeiro.

O Partido Popular non elixíu casualmente o parque do balneario do Carballiño para celebrar o seu acto electoral senón "porque con este escenario queremos simbolizar unha das nosas apostas para que O Carballiño volva a ocupar algún dia o lugar que por historia e tradición lle corresponde no termalismo galego, ese lugar que perdimos nas últimas decadas mentres outros falaban de expropiacións e outras fantasias, cando o que compre facer é apoiar e relanzar a nosa riqueza termal porque nela temos ún dos nosos grandes potenciais económicos", explicaba o Alcalde do Carballiño aos medios de comunicación, exercendo de anfitirión momentos antes de comezar o acto.

 Argimiro Marnotes dixo que "O Carballiño é un pobo de boa xente, pero sempre hai excepcións, por eso temos que pedir disculpas por exportar desde aquí ao gran cacique, no Carballiño xa o sacamos de enriba, e agora Galicia enteira vaille demostrar que non é o home que precisa".

Non foi a única referencia ao candidato dos socialistas, Manuel Baltar apostillou "o gran cacique Pachi, denunciado por unha traballadora á que tivo que defender a candidata do BNG".

Durante a súa intervención, Alberto Nuñez Feijóo, recalcou que "Galicia é hoxe un modelo para España, hai catro anos eramos o exemplo a evitar e hoxe somos o modelo a seguir". O candidato popular tamén se acordou de Pachi "aos do PSOE coñecemolos ben e aquí no Carballiño especialmente, síntome orgulloso de que no Carballiño haxa un alcalde do Partido Popular", enfatizou.

 

 

13, Outubro 2012

As vilas de Leiro e Ribadavia acolleron os actos centrais da campaña do BNG, nos que se incidíu "nas distintas problemáticas que afectan ao Ribeiro".

Os candidatos nacionalistas expuxeron aos asistentes as propostas do BNG para un cambio de rumbo nas políticas públicas "que leve ao goberno galego a traballar en favor da maioría social e non a prol dos intereses da elite económica como ven facendo o PP nos gobernos de Feijóo e Rajoy".

Especial fincapé fixeron os candidatos do BNG no sector vitivinícola. Alfredo Suárez Canal, ex-conselleiro do Medio Rural recordou os programas de investimento na reestruturación de viñas do Ribeiro, a mellora de accesos ás mesmas, así como os incentivos á incorporación de viticultores xoves, a mellora das adegas e a promoción dos viños da D.O. Ribeiro, durante a anterior lexislatura.

A candidata do BNG Tereixa Paz expuxo "a incompetencia do PP que paralizou os proxectos postos en marcha e voltou deixar aos viticultores do Ribeiro sen amparo legal ao seu labor". Puxo como exemplo os contratos homologados amparados oficialmente pola Xunta en 2006 e 2008 dende a Consellería de Medio Rural e que permitiron un marco estable de prezos ata a vendima de 2010 en que estiveron vixentes "situación que mudou radicalmente polo desleixo do PP, así, malia unha reducida colleita coma a de 2012, os prezos que van percibir os viticultores do Ribeiro van ser moi inferiores aos que fixou o contrato homologado de 2006 e 2008. Todo isto cun delegado territorial na provincia orixinario do Ribeiro e mentres si se asinou neste ano un acordo de contrato na D.O. das Rías Baixas", subliñou a candidata nº 1 por Ourense.

A nacionalista asegurou que, avalado pola súa traxectoria de goberno, se o BNG ten responsabilidades de goberno en materia de medio rural despois do 21 de outubro, promoverá a aprobación dun novo contrato homologado para o Ribeiro.     

JORQUERA EN CASTRELO DE MIÑO

Este domingo, dia 14, o Candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera participará nun mitin ás 5 da tarde no Parque Náutico de Castrelo de Miño, no que tamén intervirán o Alcalde da localidade Xurxo Rodríguez Méndez.

 

12, Outubro 2012

Dous goles conseguidos polo Verín C.F. no segundo periodo liquidaron ao Arenteiro da segunda ronda da Copa Deputación, en partido a eliminatoria única xogado no campo do José Argiz de Verín.

Os carballiñeses volveron amosar a súa pior cara e quedan apeados da competición copeira, na que so lograron superar a primeira ronda ante A Peroxa.

No partido desta tarde ante outro dos equipos de Preferente, o Verín C.F., os verdes non deron a talla e caeron eliminados con toda xustiza. O Arenteiro xogou un partido que podemos calificar de "desastroso", o pior non é quedar fora do torneo copeiro, que podía entrar dentro do posible, senón a paupérrima imaxe que ofreceu o equipo carbaliñés.

10, Outubro 2012

O auditorio do Carballiño encheuse de afiliados e simpatizantes socialistas -800 segundo o PSdG-  para escoitar a Pachi Vázquez no mitin central da campaña electoral nas comarcas do Carballiño e o Ribeiro.

O candidato socialista chamou a votar aos indecisos que non queren un goberno da dereita para “sacar a Galicia da crise pola esquerda” garantindo a educación, a sanidade e a atención á dependencia de carácter público. Chamou así a saír da crise facendo política “para as persoas”, a través dun camiño “duro e difícil” pero xusto cos mais prexudicados mentres a dereita “exprime aos enfermos, estudantes e pensionistas”.

 Puntualizou que “si os que dubidan a día de hoxe nos apoian, a partir do día 21, en vez dun goberno e un presidente que só pensan en si mesmos haberá un goberno e un presidente socialista que pensan na xente que os necesitan”. Dixo que “cando a xente non vota gaña a dereita, pero canda a xente ponse de pé e non se resigna gaña a esquerda”.

 Ademais, comprometeuse a gobernar sen despedir ningún empregado público porque “cada vez que despiden a un médico ou un profesor están prexudicando a calidade dos servizos públicos”. Dixo que “nesta crise non entramos por culpa da educación, dos pensionistas, dos parados nin dos estudantes, entramos por culpa dos bancos que crearon un sistema especulativo e que cando se afundiu todo desapareceron”.

 Pachi Vázquez subliñou que “están os tempos para axudarlle ás familias que o están pasando mal”, polo que comprometeu 25.000 bolsas contrato para outros tantos mozos e mozas no paro a través dun Plan de Emprego Xuvenil. Tamén comprometeuse a eliminar as axudas aos centros concertados que segregan por sexos para destinar eses cartos a pagar os libros de texto gratuítos.

 Comprometeuse tamén a que os pensionistas galegos non teñan que pagar polos seus  medicamentos co copago imposto por Rajoy e Feijóo. Tamén apostou polo investimento en políticas de igualdade e na equiparación salarial entre homes e mulleres mentres o PP, dixo, “cando hai problemas, caladiño empeza por botar ás mulleres do mundo do traballo”

Advertiu que “votar ao PP é votar por pagar polos medicamentos, polo transporte escolar ou polos libros de texto, é votar contra ti mesmo” e apostou por “cobrar mais aos mais ricos e investir en universidades e ensino”, seguindo o modelo de Francia “e non o de Grecia e Portugal, como segue a dereita”.

 

10, Outubro 2012

Tereixa Paz e a carballiñesa Áurea Francisco protagonizaron o mitin do BNG celebrado no salón de actos do concello do Carballiño, que completou o seu aforo.

A concelleira da corporación  do Carballiño confesou a "soedade" que vive na vida municipal "cando teño que defender O Carballiño dos ataques que sufre continuamente por parte dos gobernos do Partido Popular". Áurea Francisco referíuse aos 9 concelleiros carballiñeses do PP como "soldadiños de plomo de eses capataces do capital, que moven as políticas do Partido Popular".

Tereixa Paz, nº 1 na candidatura do BNG por Ourense solicitou o voto propoñendo "autogoberno para conquistar a soberania, crear emprego apostando por desenvolver todo o potencial económico de Galiza, e fomentando unha economía productiva e impulsando o papel da iniciativa pública para promover unha política industrial". A candidata do BNG foi moi crítica con todas a políticas de Rajoy e Feijóo, e a este último fixoo responsabel "das listas de espera, da reducción do persoal sanitario e paralizar a construcción de novos hospitais".

O representante comarcal na candidatura do BNG, Marco Antonio Reboredo, aproveitou a celebración deste acto electoral para trasladar "a solidariedade do BNG cos traballadores de Aplicarmetal - a empresa punteira do parque empresarial do Carballiño- que está nun proceso de ERE por falta de carga de traballo, consecuencia da nefasta política de Feijóo no sector eólico".

 

10, Outubro 2012

O colectivo de nais e pais do colexio da Uceira volve manifestarse para esixir un compromiso por escrito que garanta a continuidade do servizo para o vindeiro curso.

A convocatoria reividicativa da ANPA desenvolvese este mércores en forma de concentración na Praza Maior do Carballiño, ante a casa do concello, queren que a Consellería de Educación garanta que se manteña o servizo do transporte escolar ao colexio da Uceira desde as paradas do casco urbano do Carballiño, tal como xa demandaron na manifestación do pasado mes de setembro.

Desde o concello aclarase que "desde a Consellería de Educación xa se lle confirmou a continuidade do tranporte escolar a dito centro, esta confirmación xa foi transmitida á Anpa, asi como aos pais que individualmente solicitaron información no propio concello".

9, Outubro 2012

A denuncia foi presentada ante a Xunta Electoral de Zona polo Partido Popular do Carballiño ao entender "que se pon en perigo a seguridade ao utilizar os sinais como soporte da publicidade electoral".

O acordo da Xunta Electoral recolle "requerir a PSdG-PSOE e por extensión a todas as demáis formacións polítcas" para que procedan de forma inmediata a retirar todos os carteis, bandeirolas ou pancartas que se teñan colocado en sinais de tráfico ou indicativas. Na comunicación da Xunta Electoral do Carballiño tamén se advirte que en caso de non facélo poderían estar incurrindo en delito electoral.

8, Outubro 2012

As principais candidaturas que concorren ás eleccións galegas celebran esta semana os seus actos electorais no Carballiño.

O primeiro deles, o do BNG, este martes dia 9 ás 20:30 horas no salón de actos da casa do concello, onde a concelleira carballiñesa Áurea Francisco exercerá de anfitriona nun mitin no que tamén tomarán a palabra Tareixa Paz, nº 1 por Ourense, e Marco Antonio Reboredo, candidato pola comarca.

O mércores dia 10 o turno será para os socialistas, ás 20:30 no auditorio do Carballiño, o portavoz municipal Paco Fumega e a nº 2 por Ourense, María Quintas, acompañarán ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdG, Pachi Vázquez, no mitin central de campaña dos socialistas na comarca.

O Partido Popular celebrará o sábado dia 13 ás 14 horas unha comida-mitin con Feijóo, nunha carpa-restaurante que se instalará na explanada do balneario do Carballiño, ao lado do río Arenteiro. Para asistir a esta comida-mitin poderán adquirirse as tarxetas durante esta semana na sede local do Partido Popular.

E xa finalmente, tamén o sábado dia 13, ás 8 da tarde na casa da cultura do Carballiño, está programado o acto electoral da Alternativa Galega de Esquerda no que, entre outros, falarán o Alcalde de Teo, Martiño Noriega, e os candidatos pola provincia de Ourense.

7, Outubro 2012

Marín e Arenteiro, dous clásicos da categoria, xogaban no campo municipal de San Pedro un partido marcado polas necesidades, que resolveron os carballiñeses nunha boa segunda parte, dandolle a volta ao marcador.

C.D. Arenteiro: Macía; Tazos, Xurxo, Carlos Escudero, Dabarca; Gabriel, Roberto Dacosta, David Soares, Javi López; Cancelas e Iglesias. Bardelás, Pana e Cristián sustituiron -respectivamente- a Javi López, Gabriel e Cancelas.

Goles:

1-0: minuto 26. Erro infantil da zaga carballiñesa á saída dun córner que aproveita André para adiantar os locais.

1-1: minuto 50. Centro de Dabarca e David Soares remata a gol adiantandose ó central do Marín.

1-2: minuto 65. David Soares habilita un balón ás costas da defensa local, Iglesias vaise por velocidade e bate ao meta local na súa súa saída.

Comentario: Vironse dous Arenteiros ben distintos, o do primeiro tempo indolente e sen ideas, e outro moi diferente no segundo tempo, valente, sen complexos, tocando e abrindo o fútbol polas bandas, claramente superior ao seu rival, o Marín, un dos equipos máis floxos de cantos se enfrentou o Arenteiro no que vai de competición. Carlos Escudero evitou baixo paus o gol do empate no minuto 90 de partido.

5, Outubro 2012

Camiño de Ourense, onde protagonizou o primeiro mitín de Alternativa Galega de Esquerda nesta campaña electoral,  Xosé Manuel Beiras visitou os estudios de COPE O Carballiño.

Durante 20 minutos, o candidato de AGE respondeu as preguntas de Xan Pinal, no transcurso dunha entrevista que será emitida por esta emisora de radio o lúns dia 8 ás 13:30 horas.

Xosé Manuel Beiras salientou "o traballo que desenvolven as emisoras de radio locais e a súa proximidade coa audiencia, que lle dan credibilidade", manifestou o veterano dirixente nacionalista.

SEGUIMENTO DA CAMPAÑA ELECTORAL NO ÁMBITO COMARCAL

COPE O Carballliño ofrecerá información diaria sobre o desenvolvemento da campaña destas eleccións galegas no ámbito local, dando conta de todos os actos programados polas distintas candidaturas.

 A información sonora poderá seguirse na programación local de mediodia a partir das 12:30 horas. Antes, a partir das 12:05 do mediodia poderá sintonizarse, tamén a diario e de lúns a venres, toda a actualidade da campaña electoral a través da programación de COPE Galicia.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS