9, Abril 2024

Acabo de escoitar a entrevista e non me queda claro se quen fai as obras é o concello ou o Partido Socialista do Irixo.
¿Tanto equipo de goberno entón pra que, se xa Iago fai todo?

Só dicirlle á corporación municipal que benvidos ao mundo real e que se deixen de poñer escusas e traballen, porque para velos tamén hai que ir aos bares.

 

8, Abril 2024

A viaxe de volta da expedición do Arenteiro desde Barcelona convertíuse nunha odisea, cando ás dúas da madrugrada o autocar sufría unha avaría no sistema de ventilación. Tras permanecer ata as seis e media da mañá a expedición foi trasladada en autocar ata a estación madrileña de Chamartín, desde a que completaron o regreso a O Carballiño en tren a primeira hora desta tarde de lúns.

O accidentado desprazamento para xogar ante o Barça Atletic no Johan Cruiyff, onde o Arenteiro obtivo un meritorio empate a un gol, tivo a súa outra noticia negativa na lesión do gardameta Diego García, que podería sufrir a rotura do tendón de Aquiles.

Escoita aquí a entrevista de Xan Pinal ao director deportivo do Club Deportivo Arenteiro, Alex Vázquez.

 

 

7, Abril 2024

A Deputación de Ourense e os balnearios da provincia poñerán en marcha unha campaña de promoción e coñecemento do termalismo, pola que se habilitarán 500 prazas de acceso ás piscinas e instalacións termais durante os sábados e domingos de abril, desde o día 13, en diferentes horarios e a un prezo único para calquera centro: 5 euros.

Esta iniciativa dáse a coñecer coincidindo coa celebración, o 7 de abril, do Día Mundial da Saúde, data na que se lembra a necesidade de promover iniciativas que axuden a incrementar hábitos saudables de vida e afrontar os retos sanitarios actuais e futuros.

Con esta campaña, a Deputación de Ourense pretende que un número cada vez maior de persoas residentes na provincia coñezan e valoren todas as posibilidades que os balnearios ofrecen para mellorar a saúde física e mental.

Termalismo Social
Esta é unha acción máis que enmárcase na liña de cooperación que a Deputación e os balnearios ourensáns veñen mantendo desde hai anos en diferentes ámbitos, sendo o máis importante o Programa de Termalismo Social que se desenvolve desde 2013 e que constitúe todo un exemplo de cooperación público-privada no ámbito da saúde e o envellecemento activo.

A través deste programa anual, miles de persoas poden beneficiarse de diferentes modalidades balnearias centradas no uso terapéutico das augas mineiro medicinais.

Neste sentido destaca por innovadora a recente aposta para configurar os centros termais da provincia como ferramentas contra a soidade non desexada entre os maiores, un problema de saúde pública tal e como advertiu a Organización Mundial da Saúde. Grazas a esta modalidade, ao redor de 200 maiores que viven sós terán acceso este ano a terapias termais en grupos dun máximo de 20 persoas, axuntando a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal.
Información en WhatsApp

Ademais dos medios habituais de información, a área de Benestar da Deputación acaba de estrear unha “Canle Termal” en WhatsApp, que será o primeiro en explicar o procedemento para participar nesta campaña. A través deste sistema, que en poucas horas ten xa preto de 600 seguidores, os usuarios tamén poderán atopar noticias sobre o Programa de Termalismo Social (inicio, solicitudes, novas prazas, ofertas..) e sobre aspectos de saúde e lecer relacionados cos balnearios. Todos os detalles sobre esta canle e a forma de facerse seguidor están dispoñibles en termalismourense.com/canal

As prazas poderán reservarse a partir do próximo mércores, día 10, ás 9:00 horas. Tamén se poderán consultar os detalles deste plan no teléfono da área de Benestar -988 317 760- e en termalismourense.com

5, Abril 2024

Adeus ás exquisitas e únicas "puntillas" de chipirón da Cubana, adeus a tantas e tantas exquisiteces da súa cociña tradional, ao cordeiro asado, as carnes, os peixes frescos, as súas larpeiradas, adeus a unha cociña que gardaba a esencia dunha casa de comidas de sempre, adeus a tantas horas de mesa compartida e animadas sobremesas, adeus a 85 anos de historia gastronómica e historia do Carballiño.

Pechou "La Cubana", unha historia de restaurante familiar de tres xeneracións, sendo un referente na hostalaría local desde a súa apertura en 1939, por eso era a casa de comidas máis antiga do Carballiño aberta ata este ano 2024 cando apaga os fogóns.

Despídense comunicando que "pechamos de forma permanente e queremos agradecer aos nosos clientes e grandes amigos por todos estos anos de confianza e momentos felices, cerramos esta etapa co corazón cheo e orgullosos do noso traballo". 

No PODCATS de COPE O Carballiño podes escoitar a historia de "LA CUBANA" contada por Loli Ameijeiras, terceira xeneración desta saga da restauración carballiñesa.

5, Abril 2024

José Antonio Barge, Maria Luisa Rodríguez, Sebas Lamazares e Fátima Gómez comparten coa audiencia de COPE O Carballiño a tertulia deste venres dia 5 de abril de 2024.

4, Abril 2024

Hoxe traballadoras e traballadores do Servizo municipal de emerxencias concentráronse na Praza Maior do Carballiño, diante do Concello, mentres se celebraba o pleno ordinario de abril. Entre berros e pancartas de “solución xa” ou “queremos a mesa de negociación” reivindicábase unha vez máis a necesidade de que se dote de persoal e material ao Servizo para evitar que os cidadáns paguen as consecuencias.

No interior do salón de plenos, dous representantes dos traballadores puideron intervir no medio dunha moción presentada para reclamar estes equipos de protección. A moción foi finalmente aprobada por unanimidade e na mesma solicítase a dotación de EPIs e a convocatoria dunha mesa de negociación.

Jonathan Domínguez, voceiro dos traballadores, asegura que “o goberno municipal nos obriga a endurecer as nosas protestas xa que seguen instalados na pasividade absoluta”. Seguese reclamando unha mesa de negociación para debater as reivindicacións pero tras máis dun ano pedíndoa non ten data. “Convocáronse mesas para outros asuntos e agora convocouse a de produtividade, pero de nós seguen pasando absolutamente”, asegura Domínguez. “O clima de crispación vai en aumento e as traballadoras e traballadores do Servizo non imos dar ningún paso atrás, eles decidiron chegar a este punto e iremos ata onde haxa que ir”, afirma o voceiro.

4, Abril 2024

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense vén de acadar un acordo “histórico” para un reparto de fondos públicos “xusto e equitativo” entre os concellos da provincia que chegará neste 2024 aos 22,8 millóns de euros. Deste xeito destinaranse 17 millóns de euros a través do plan único de colaboración cos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade menor de Berán e 5,8 millóns a través dunha liña de subvencións nominativas a todos estes concellos, seguindo o criterio de número de habitantes.

Durante a comparecencia ante os medios de comunicación, os e as socialistas anunciaron que “estamos ante un acordo histórico, non só para o PSOE, senón para a toda a provincia, pois teremos un reparto xusto e equitativo de 22,8 millóns, o que dará autonomía financeira aos concellos para afrontar novos retos”. Durante a súa intervención, o voceiro do Grupo Provincial Socialista sinalou tamén que “é bo recordar que fai xusto un ano, na modificación que aprobaba o PP co apoio de DO e da deputada non adscrita, os 15 millóns que se repartían non seguían ningún criterio obxectivo, correspondéndolle un 85% a concellos do PP, un 11% aos do PSOE, un 3% aos do BNG e un 1% a outras formacións, algo que logramos corrixir”.

Dende o PSOE ourensán salientan que este acordo “é froito da negociación levada a cabo polo grupo provincial socialista nos orzamentos de 2024 e nos que posibilitamos a aprobación dos mesmos en base a implantación do tan agardado plan único, que habilitaba unha partida para distribuír de forma equitativa e con criterios obxectivos para todos os concellos unha parte significativa deses orzamentos, sen importar a cor política”. Cabe lembrar que na negociación inicial se destinaban 14 millóns de euros e se comprometían, como mínimo outros 3 millóns nesta próxima modificación de crédito.

O voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila Araújo, salienta que “unha vez coñecida a liquidación e o remanente de tesourería, trasladámoslle ao presidente a necesidade de falar e negociar o incremento desta achega e a incorporación de novas partidas que considerábamos importantes e máis que necesarias”. Neste senso, afirma que “dos 14 millóns iniciais, máis os 3 comprometidos para o plan CooperOU, engádense agora 5,8 millóns máis en subvencións nominativas a todos e cada un dos 91 concellos da provincia e a entidade menor de Berán”.

O criterio para o reparto destas subvencións nominativas irá en función do número de habitantes. Deste xeito, os concellos de menos de 1.000 habitantes percibirán unha contía de 50.000 euros; os concellos entre 1.000 e 5.000, recibirán 60.000; e os de máis de 5.000 habitantes, correspóndenlles 70.000 euros.

“Nestas negociacións tamén consideramos de vital importancia que se incrementase a partida destinada ao plan provincial de estradas”, explica Vila Araújo, que tamén que “apostamos por un plan de choque para frear o deterioro sistemático da rede viaria provincial, conseguindo que se cheguen aos 3 millóns de euros”. Cabe destacar tamén a inclusión dunha nova partida para axudar a aqueles concellos que teñen conservatorios, cunha achega de 200.000 euros. “Entendemos que os conservatorios son responsabilidade da Xunta e debería ser a que os financie, pero namentres isto non ocorre, ten que ser a Deputación a que axude ao seu funcionamento, de aí esta partida, que solicitamos que se incremente nun futuro”, destaca o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense.

Por último, Vila tamén quixo por o foco en que “tamén hai desacordos, especialmente no que se refire a aportación, unha vez máis a Meisa, para pagar débeda e gastos financeiros de exercicios pasados”. Neste senso apunta que a partida que se destina é de 1,4 millóns de euros e que agarda “solucións proximamente, tralos acordos acadados no último pleno, no que se aprobou unha moción socialista que pedía a constitución dunha mesa de traballo cos grupos políticos e entidades para corrixir o funcionamento deste organismo”.

Esta modificación de crédito sairá adiante gracias a abstención do PSdeG-PSOE.

4, Abril 2024

O portavoz do PSdeG-PSOE do Irixo, tenente alcalde e concelleiro de obras, Iago Fariñas, repasa a actualidade municipal e responde ás preguntas da audiencia de COPE O Carballiño.

4, Abril 2024

A foto xa fala por si soa.

Benvido ao circo das grandes ideas do concello para dinamizar e atraer poboación, levándoa a Benidorm.Jajajaja.

Tende coidado se algunha persona vai quedar alí e perder os votos. Jajajajajajajajajaja.

4, Abril 2024

A Deputación de Ourense pon en marcha o programa “Vive o deporte” para continuar a fomentar a práctica deportiva prioritariamente entre o alumnado ourensán, “conscientes da importancia que ten para o deporte base e, ademais, para o desenvolvemento persoal de cada mozo e moza”, explicou o presidente provincial, Luis Menor na presentación desta iniciativa no Pazo dos Deportes Paco Paz, acompañado director da Área de Cultura e Deporte, Marcos Vázquez, o asesor de Deportes, Diego Enrique Álvarez e representantes de Federacións deportivas.

“Con esta iniciativa -que organizamos en colaboración con federacións, clubs e asociacións deportivas ourensás-, tamén pretendemos inculcar entre o alumnado a infinidade de valores que están ligados á práctica deportiva”, engadiu Luis Menor.

Coa posta en funcionamento desta iniciativa, dotada cun orzamento de 80.000 euros, “conseguimos materializar esa vocación do noso goberno de impulsar e fomentar a práctica deportiva na provincia, achegando actividades aos concellos que, de algún modo, máis precisan a nosa colaboración pola súa situación demográfica”, salientou o presidente provincial.

Desenvolvemento do programa

O programa desenvolverase entres os meses de maio a outubro de 2024 e serán as propias federacións deportivas e clubs os encargados de executalo. Estas actividades lúdicas e formativas desenvolveranse durante as fins de semana de 10.00 a 14.00 horas.

Nesta primeira edición, os deportes que se practicarán serán: tenis de mesa, ximnasia en varias modalidades, hockei, balonmán, patinaxe, baloncesto, fútbol feminino, deportes náuticos, volei, bádminton, tenis, atletismo, escalada e xadrez. Trátase dun programa concibido e deseñado para os escolares da provincia, pero aberto nalgunhas disciplinas deportivas a toda a veciñanza.

As Federacións deportivas promocionarán as actividades nos centros escolares e concellos dos lugares onde se desenvolvan, onde á súa vez poderán inscribirse os interesados.

“Vive o deporte” é “un programa aberto e polo tanto, aqueles concellos que inicialmente non estean neste calendario poderán solicitar a súa integración. Nesta primeira edición, encargámonos de garantir que se chegue a todas as comarcas cunha atención especial cara a aquelas con maior despoboamento”, explicou o presidente da Deputación.

As xornadas serán impartidas prioritariamente en espazos abertos ao público, sempre e cando, as esixencias técnicas deportivas así o permitan, de xeito que sexa unha actividade atractiva da que poidan desfrutar todos, participantes e público en xeral.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS