O Xurado Provincial de Montes Veciñais e Man Común ven de resolver o expediente de clasificación tramitado polos veciños da parroquia de Veiga, rexistrando ó seu favor os montes da Costa, o Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa e Escoirede, todos eles -no seu conxunto- dunha extensión de 33 hectáreas, das que a maioría -case 20 hectáreas-, corresponden ó chamado monte da Costa e o resto ós de Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa, e Escoirede. O Xurado Provincial de Montes Veciñais resolve así o expediente que comezou a tramitarse no ano 2005. No edicto no que se recoñece a propiedade dos veciños de Veiga sobre estes montes, maniféstase que está acreditado o carácter de veciñal mediante as testemuñas dos veciños solicitantes e as actuacións realizadas polo Servizo Provincial de Montes e no que durante a tramitación do expediente se tivera producido reclamación ningunha de titularidade distinta. Así pois, os comuneiros da parroquia de Veiga pasan a ser os lexitimos propietarios de todos estos montes. Nalgúns deles, como o de Escoirede, a maior superficie foi ocupada por edificios públicos como o Centro Comarcal do Carballiño ou a Residencia de Maiores. Tamén forma parte destas parcelas a zona onde se construíu a Pavillón Polideportivo e as piscinas municipais.
(Redacción. Belén González) Esta asociación ecolóxica non entende o rumor que circula sobre o posible peche da canceira municipal e pídelle ó Concello do Carballiño algunha explicación ó respecto. Fai días que este rumor circula pola vila e en caso de que isto se faga realidade, demostraríase que o elevado presuposto que alí se invertiu foi "para xustificar o gasto de elevadas subvencións a favor doutros intereses". Ademáis, este feito confirmaría a falta de interese da corporación municipal polos cans que se achan na canceira. "Matar por matar, non" tamén lle pregunta ó concello por qué aínda non se organizou a fundación que debería levar a canceira dende o pasado mes de xuño, a cal foi aprobada nun pleno. Esta fundación tería que haber solucionado os problemas de atención dos animais e "descargado ó concello dunha responsabilidade que é incapaz de atender". A asociación ecolóxica califica de burla e desprezo das normas democráticas o acordo daquel pleno; ademáis pregúntase qué foi da comisión de investigación que se ía crear para aclarar as contas, a inversión realizada e a morte violenta que sufriron os cans recollidos. Dende "Matar por matar, non" manifestan que se a canceira se chegase a pechar, isto "sería un insulto contra a sensibilidade" daqueles que desexan unha vida digna para os animais abandoados e critican o emprego dos fondos públicos no beneficio de terceiros e non na mellora da vila. Tamén lle reclaman ós grupos políticos restantes que tomen medidas para acabar cos abusos, as arbitrariedades e as deficiencias democráticas qe acontecen no Carballiño. A asociación ecolóxica declara: "Pedimos que se aclare mediante un pleno espcecial ou os mecanismos oportunos, se está sendo proxectado o peche da canceira municipal co conseguinte desperdicio dos voluminosos fondos alí invertidos".
(Redacción. Belén González) O Clube Fluvial de Avión cumpre un ano de existencia e xa conta con 25 nenos e adultos federados ademáis dun monitor titulado. Este Clube está acadando éxitos importantes en competicións como a Regata de Infantiles de Baños de Molgas; nela conseguiu uns resultados inmellorables: o primeiro posto foi para Paula Moreira Casal en Alevín feminino e o posto de prata recaeu en Diana Santos Araújo en Infantil Feminino. O día 23, este clube participaba na Copa Deputación celebrado en Allariz e conseguindo os seguintes resultados en categorías femininas: o primeiro posto foi para Diana Santos Araújo en Infantil A, un segundo posto para Paula Moreira Casal en Alevín; o posto de bronce foi parar a Carla Cadaya Estévez na mesma categoría e en Benjamin C, Marielena Márquez Barreiro conseguiu un segundo posto. O sector masculino acadou un cuarto posto en infantil representado por Xosé María Iglesias Ogando e en Alevín, Xoan Miguel Iglesias Ogando tamén alcanzou un posto similar. Ademáis de todo isto, na mesma competición de Allariz, o Clube Fluvial de Avión quedou como segundo clasificado no que respeta a clubes participantes.
(Redacción. Belén González) Os días 27 e 28 de agosto o Concello de Maside está en festas na honra do San Vitorio. O xoves 27 ás 10.00 horas da mañá tirarán bombas de palenque e o pasarrúas correrrá a cargo da Banda de Música. Ás 12.30 horas celebraráse a misa e a procesión cantada pola Coral A Torre de Maside e ás 13.30 horas a Banda de Música ofrecerá un concerto no Campo de San Antonio. A verbena dará comezo ás 22.00 horas coa tirada de bombas de palenque e coas orquestras Gran Parada e Ciclón. Ás 01.00 horas haberá a tirada de fogos de luces na Fonte da Praza e continuación da verbena. O venres, 28 de agosto a Banda de Música percorrerá as rúas e ás 12.30 horas terá lugar a misa e a procesión cantada polo Coro Parroquial. Ás 13.30 horas a Banda de Música dará un concerto na Alameda. A partir das 22.00 horas as orquestras Televisión de Galicia e Noche de Estrellas amenizarán a verbena ata as 01.00 horas, momento no que se tirará o folión e seguidamente continuarán os festexos. O día 29 os festexos tamén continúan coa romería e xantar popular na Rañoa; esta romaría estará amenizada por un dúo musical. Xa o domingo día 30 celebraráse a 2ª Andaina e a 3ª Carreira Popular do Concello de Maside.
O Concelleiro Socialista de Piñor, David Fernández Ojea, terá que declarar en sede xudicial sobre o caso da axente electoral do PSOE que viaxou a Buenos Aires entre o 2 de abril ó 23 de maio de 2007, xusto antes de celebrarse as eleccións munipais dese ano. O Xulgado de Instrucción nº 1 de Corcubión, que leva o caso, e investiga se se pagou con fondos públicos a viaxe a Argentina da axente electoral, citou a declarar a varias persoas, entre elas, ó concelleiro de Piñor na súa condición de representante legal da asociación "Viticultores do Castro", a entidade que contratou a suposta axente electoral. O Partido Popular, que viña denunciando o feito desde fai dous anos, mantén que a viaxe a Buenos Aires pagouse con fondos públicos da Consellería de Traballo que foran concedidos a través dunha subvención a esta Asociación, da que é o responsable legal o Concelleiro Delegado do sector agrogandeiro e forestal do Concello de Piñor. Xunto a Fernández Ojea, tamén foron citados a declarar no Xulgado o vindeiro dia 2 de setembro, o máximo responsable de "Viticultores do Castro", Dario Rodríguez, e dous ex-altos cargos do Goberno Bipartito, o Ex-Secretario Xeral de Emigración Manuel Luis Rodríguez e o Ex-Director Xeral de Promoción do Emprego, Alvaro Ánsias.
(Redacción. Belén González) As residencias de tempo libre da Xunta van ofertar nos próximos meses actividades con carácter social e cultural. Preto de mil persoas serán as beneficiarias desta iniciativa que oferta a Consellería de Traballo e Benestar que comezará en setembro e rematará en decembro. O obxectivo deste programa é favorecer a comunicación, a participación persoal e o ocio familiar; ademáis celebraráse un programa de termalismo e un encontro de emigrantes procedentes de Venezuela, Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai. A Xunta oferta na Residencia do Carballiño un programa de turismo social na modalidade de termalismo entre o 12 de setembro e o 1 de novembro en catro quendas de 11 días e cunha participación de 120 persoas en cada unha. O mes de novembro acollerá dous programas adicados a emigrantes con quendas de 14 días; haberá dous grupos de 140 participantes cada un. A primeira tanda recibirá a persoas de Venezuela, Brasil, Arxentina, Cuba e Uruguai que poderán voltar á súa terra despois de moitos anos. Na segunda tanda chegarán emigrantes de distintos lugares de Europa e persoas que se atopan en diferentes cidades do país. Un grupo de 150 maiores chegarán a Carballiño en decembro dende diferentes puntos de Galicia para pasar as festas navideñas cos seus familiares a través da iniciativa "Xuntos por Nadal". Esta residencia está pendente da ocupación da quenda do 1 ó 11 de setembro e á que acudirán 155 persoas. As actividades que se levan a cabo neste centro de tempo libre son: coñecemento do entorno, excursións, explicacións sobre gastronomía, cultura e ocio.
Situación actual pola parte de atrás da portería
(Redacción. Lolo Carril) A falla de compromiso dos políticos locais e os supostos incumprimentos de certos organismos oficiais -Deputación e Xunta- están facendo posible que o campo de Espiñedo amose esta penosa imaxe de desolación. Pasaron oito meses dende que en xaneiro e por mor daquel temporal parte do muro perimetral, xunto cos carteis publicitarios, se viñera abaixo. Dende aquela e ata hoxe absolutamente nada se fixo encol de arranxar este muro que aparte de ser un descalabro estético é un perigo constante para todos os que se acheguen ata o campo de Espiñedo. A situación segue sendo inquedante ante a falla de claridade que seguen a amosar sobor da futura obra de execución dende a propia casa do concello. O Concelleiro de Deportes, Manolo Dacal, non ten nada claro nin quén, nin cando, nin cómo se vai solucionar o problema. Deste xeito só queda agardar que non haxa que lamentar ningunha desgracia e armarse de paciencia. En canto ó proxecto de iluminación outro tanto do mesmo, uns polos outros, a casa sen barrer e Espiñedo case que a escuras mantendo o tipo cunha iluminación de candil que nin sequera abonda para poder levar a cabo os adestramentos da semana. A todo isto, hai que subliñar que fai xa días que expiraba o famoso prazo de execución e recepción de dita obra, fixado para os primeiros días de agosto. Desgraciadamente, Espiñedo segue como estaba, nin iluminación nin arranxo do muro e a sufrida parroquia cada día máis cansa de que se lle tome o pelo.
(Redacción. Belén González) O Concello de Boborás organiza unha excursión lúdico-cultural a Cantabria os días 12 e 13 de setembro. A saída da viaxe terá lugar o sábado día 12 ás 05.00 da madrugada dende o Colexio Público de Boborás con parada en Santilla do Mar. Haberá unha visita guiada para coñecer a cicdade e para visitar unha réplica das Covas de Altamira, posto que as orixinais están pechadas ó público para evitar o seu deterioro.Ó rematar o día, os asistentes cearán no hotel. O domingo día 13, despois de almorzar, os excursionistas pasarán a mañá no Parque Natural de Cabárcenos, onde poderán ver un fantástico paraíso natural e variedade de especies animais. O xantar celebraráse no hotel e tras a comida viaxarán ata Comillas para coñecer a cidade. O custe da viaxe é de 50 euros -o Concello de Boborás subvenciona o 50% da viaxe- para as persoas empadroadas e para aqueles que non o están, a excursión costará 100euros. O prezo inclúe ida e volta, aloxamento, almorzo no hotel, xantar e cea o sábado e xantar do domingo ademáis das visitas guiadas e do seguro da viaxe. Os interesados poden inscribirse na Casa Consistorial de Boborás ata o 4 de setembro.
O accidente ocurría ás oito da tarde deste venres dia 21 de agosto, cando este veciño de Maside, Luis Arturo B.F., circulaba en bicicleta pola N-541 á altura da localidade de Godás do Río, no término municipal do Carballiño. O ciclista foi alcanzado por un vehículo, un renault clio que circulaba en dirección O Carballiño conducido por unha veciña do Concello de Beariz. A gravidade do impacto sufrido polo ciclista na caída, fixo recomendable o seu traslado urxente en helicóptero atá o Complexo Hospitalario de Ourense.
Marta Pérez e Joaquín Rodríguez nun momento do programa
(Redacción. Belén González) Esta mañá o noso programa trasladouse ó Concello de Maside para falar co seu alcalde Celso Fernández López e cos organizadores da XXII edición da Festa do Cabalo, Joaquín Rodríguez e Marta Pérez. O seu alcalde, Celso Fernández tivo tempo para falarnos do acontecer nesta localidade. No que respecta ás infraestructuras, Maside foi unha das poboacións máis afectadas polas obras do AVE, mentres que o enlace á autovía estará aberto entre finais de setembro e principios de outubro. Estas infraestructuras marcarán un antes e un despois na evolución positiva de tódolos aspectos da vila. Ademáis das novas obras tamén o concello experimentou un repunte demográfico coa chegada de novas familias que solicitaron a rehabilitación de casas e co nacemento de nenos nos últimos anos. No que se refire ás actividades o venres pola noite ás 20.00 horas no concello haberá unha presentación dun libro de Xosé Ricardo Rodríguez Pérez que fala da historia do reloxo de Oseira e Maside. O sábado celebraráse o "Agosto Musical" no que estarán a Coral "A Torre" de Maside, o grupo Xalundes e corais de Mondoñedo e Ponferrada. Na xornada do luns, 24 de agosto, presentaráse unha exposición realizada por unha doutora en matemáticas da poboación de Santa Comba. Esta exposición representa cómo eran os sistemas de cálculo dende o home das cavernas ata o día de hoxe. Ademáis, o Concello de Maside ven de presentar un proxecto de iniciativa comercial á Consellería de Innovación e Industria para facer unha área de Centro Comercial Aberto que impulsará o comercio nesta poboación.
Este ano a Festa do Cabalo trae varias novidades como é a celebración que terá lugar os días 22 e 23 de agosto. A partir das 10.00 horas da mañá comezarán a chegar cabalos para facer os controles veterinarios. Xa ás 16.00 horas darán comezo os concursos morfolóxicos. Ás 20.30 horas faráse a entrega de premios e a redor das 21.00 horas celebraráse un espectáculo para tódolos amantes do cabalo a cargo do grupo leonés "Amigos del caballo". Este espectáculo gratuíto conta con tres partes de doma clásica, de doma vaqueira e de baile flamenco con cabalos e é unha mostra de agradecemento por parte da Asociación de Cabalos a toda a xente que os leva apoiado. Despois deste espectáculo ás 22.30 horas comezará unha cea popular no recinto. Na xornada do domingo e dende as 10.00 horas terán lugar os primeiros concursos de cabalos que se prolongarán ata ven entrada a tarde con concursos de andadura, arrastre, carreiras e rodeo americano. Ás 19.30 horas sortearase un potro de pura raza española e ás 20.00 horas faránse a entrega de premios. Ademáis este ano, o Puzo do Lago está en obras; por motivos de seguridade, as pistas sufriron un pequeno ensanchamento, as pistas reforzáronse e o recinto foi vallado para que ningún animal se salga da pista e sufra algún accidente. Este ano tamén se estrea un palco fixo que quitará o traballo de estar tódolos anos montando e desmontado este espazo e a caseta de bloque foi recuberta de madeira para que "non pegue tanto contraste o impacto ambiental", según palabras de Joaquín. Este ano tamén os nenos contarán con un espazo, posto que poderán dar un paseo en pony de maneira gratuíta. Hai que destacar a exhibición de Rubia Galega deste ano que terá o seu recinto nas mesmas estancias do Puzo do Lago. Este ano rexistraráse un novo récord de asistencia en torno ós 600 cabalos. Maside, un concello que acolle a vixésimosegunda edición da Festa do Cabalo e ademáis persegue impulsar o comercio na vila.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 762
- 763
- 764
- 765
- 766
- 767
- 768
- 769
- 770
- …
- seguinte ›
- última »