1, Xaneiro 2024

Juan Arturo Marquina Vázquez (terceiro pola esquerda na primeira fila da foto) faleceu aos 90 anos de idade, fora alcalde do concello do Carballiño entre decembro de 1993 e xuño de 1995, baixo as siglas do Partido Popular, nun goberno municipal compartido cos Centristas de Argimiro Marnotes.

Marquina fora elixido alcalde polo pleno da corporación municipal tras a dimisión do tamén popular José Luis García Rodríguez, pasada a metade do mandato municipal 1991-1995. Non pudo revalidar o cargo nas eleccións municipais de 1995, sendo o seu sucesor Pachi Vázquez, do PSOE, cunha alianza de goberno co BNG, e relegando aos populares á oposición no concello do Carballiño.

En maio de 1995 Juan Arturo Marquina (PP) xunto a Pachi Vázquez (PSOE) e Chema Ferreiro (BNG) protagonizaran  nos estudos de Onda Cero O Carballiño o primeiro debate electoral público na historia política do concello do  Carballiño.

 

29, Decembro 2023

O Carballiño adianta a este sábado dia 30 o tradicional "Feirón" de fin de ano, a feira máis importante do ano en canto a ambiente e animación, este ano ao cadrar o dia 31 a domingo, adiántase a súa celebración ao sábado, un evento comercial, tamén festivo e gastronómico que estará amenizado nas rúas carballiñesas pola Rondalla do Centro Cultural A Merced de chaín -Gondomar.

Tamén este sábado dia 30 temos o concerto de Fin de Ano que ofrecerá o Coro de Cámara Música Viva do Carballiño, ás 18:30 horas na Veracruz.

No auditorio do Carballiño, tamén na tarde do sábado ás 19:00 horas, a agrupación teatral carballiñesa Dar Trela representa o seu novo espectáculo "Cabaret Enxebre". Entrada 5 euros.

Na carteleira cinematográfica do Novocine de Leiro temos para estes días de fin de ano e aninovo ata 3 películas con bo cine para todos os públicos: Migración un viaje patas arriba, Aquaman e Ocho Apellidos Marroquís, en horarios -respectivamente- ás 16:00, 18:00 e 20:00 horas.

E para a noite de fin de ano, despóis das badaladas, Gran Festa de Noitevella organizada pola ANPA do colexio de San Amaro, nas instalacións deste centro educativo, para toda a veciñanza de San Amaro e do resto da comarca que queira achegarse.

 

29, Decembro 2023

COPE O Carballiño celebrou este venres 29 de decembro a última tertulia do ano, coa participación de Sebas Lamazares, Maria Luisa Rodriguez, José Antonio Barge e Manuel Nogueira, presentada por Xan Pinal.

Podes escoitala no audio adxunto:

28, Decembro 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro critica a xestión levada a cabo polo goberno municipal do Partido Popular na adxudicación da compra dunha máquina multiservizos de corte e barredora para tarefas municipais. Os e as socialistas denuncian que, tras ter acceso a documentación, puideron comprobar que das dúas empresas participantes na licitación, gaña a mesma a que presenta a oferta máis cara, cun diferencial de custes de case 9.000 euros, que serán pagados con fondos públicos.

Dende o grupo municipal socialista explican que a este proceso presentáronse dúas empresas, unha que ofrecía a máquina por importe total de 28.352,32 euros e outra cuxo prezo estaba fixado en 16.196,86 €, cun diferencial entre ambos de 8.754 €. Os e as socialistas esgrimen que unha das eivas principais da adxudicación radica nas puntuacións, xa que tal e como apuntan “sae beneficiada a empresa coa oferta máis cara por mor de que ofrece 2 anos de mantemento gratuíto e 2 de ampliación de garantía”. Neste senso, afirman que “non pode ser que a valoración do mantemento e a garantía sexa practicamente a mesma que a do prezo da máquina”.

O vicevoceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González, sinala que a súa sorpresa “foi maiúscula” no momento de coñecer que a empresa que finalmente levaría a adxudicación foi a que presentou a oferta máis cara. O voceiro socialista afirma que o PP “pretende vendernos que é máis beneficiosa pola gratuidade do mantemento, unha gratuidade que baixo o noso punto de vista non existe, xa que hai un amplo custo diferencial no prezo final da oferta con respecto a outra empresa que participaba no concurso”.

González tamén se amosa moi crítico co sistema de puntuación, xa que tal e como subliña “non é normal que a puntuación do prezo sexa practicamente a mesma ca do mantemento e a ampliación de garantía”. O voceiro socialista explica tamén que a máquina ofrecida por ambas empresas “era da mesma marca, o mesmo modelo, coas mesmas características e os mesmos acoples” e fai fincapé en que “tras atoparnos coa situación consultamos o prezo recomendado para a venta da máquina e atopámonos que é notoriamente inferior o prezo que vai pagar o concello por adquirir esta máquina”.

O PSdeG-PSOE de Leiro tamén tivo coñecemento que a apertura de plicas foi retrasada durante 15 días por mor de eivas no formato, algo que segundo manifestan “é raro e deixa en evidencia que existen motivos escurantistas na adxudicación a unha empresa que presenta unha oferta moitísimo máis alta no prezo que a outra”. Os e as socialista apuntan, iso si, que “estamos a favor de que sexan as empresas locais as que participen nas obras e na subministración de maquinaria ao concello, pero sempre e cando isto non repercuta de forma notoria nas arcas públicas”.

28, Decembro 2023

O Festival do Teatro Galego fixo público o Premio ao mellor espectáculo “Dorotea Bárcena 2023”, outorgado polo público que asistiu ao festival no Carballiño á obra dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García.

No acto desvelouse o premio Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo deste ano, outorgado polo público entre todas as obras participantes, e fíxose un balance cuantitativo e cualitativo desta 34.ª edición.

O alcalde do Carballiño Francisco Fumega fixo un agradecemento ao festival, co desexo de implicar próximo ano á Xunta, agradeceu e felicitou ás compañías, especialmente a Malasombra Producións, polo premio acadado.

Carlos Ledo, director do Festival do Teatro Galego, fixo unha valoración máis que positiva, baseada no apoio da Deputación e do Concello, e deixou un reto cara o futuro, a loxística que precisa que haxa un relevo, implicando ás novas xeracións. Avanzou o cambio de datas para 2024, que seguirá celebrándose en decembro, previo ao Nadal. Destacou tamén o atractivo das datas en cando á posibilidade de estreas. Nas súas palabras, “Este ano abríronse portas ao diálogo con institucións, mais entidades privadas e centros de ensino”.

Igualmente destacou a calidade das obras e a súa boa acollida: “O promedio de calificación é un 9, outorgado polo público do Carballiño asistente ás funcións que presentamos este ano. O premio ao mellor espectáculo, a obra “De algo hai que morrer” recibiu un 9,4 de media.

Xoque Carbajal e Jouse García, os actores protagonistas, en representación de Malasombra Producións, agradeceron ao FETEGA que contase con Malasombra, agradeceron especialmente ao público este premio, co desexo e confianza en que o FETEGA siga moitas edicións.

A obra gañadora está baseada nun diálogo fúnebre, cómico e teatral entre os dous protagonistas, que dan vida aos profesores Jeckill e Hyde, que expoñen as súas investigacións sobre a morte.

Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: A Morte.

Ao longo da conferencia, os dous profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal.

28, Decembro 2023

Que me expliquen como pode haber unha zona de recollida de materiais de construción nun patio escolar onde os nenos xogan todos os días.
Por moita vaya e carteis que haxa, a que estamos esperando a que ocorra unha desgraza?
Por Deus, son nenos... Realmente non hai outros sitios onde recoller o material?
Isto é inaudito e só pode pasar no Irixo.
Por facer a pelota a Banda de Gaitas poñen en perigo os nosos nenos. Señora alcaldesa retire ise perigo por favor.
Un poco de sentidiño que son os nosos nenos.

28, Decembro 2023

A presentación da que é a primeira novela do historiador e escritor Carlos Montes Marqués terá lugar este venres dia 29 de decembro ás 20:30 h. no Casino Cultural e Recreativo do Craballiño, nun acto no ademáis do autor participará o ex Fiscal Superior de Galicia, o tamén carballiñés Carlos Varela.

Trátase de "Memorias do Esquecemento", unha novela histórica que novela a biografía dun dos personaxes de maior relevancia na historia galega da primeira metada de século XIX, Valentín Fernández, non so o artífice de que O Carballiño contase co seu primeiro planeamento urbanístico e que comezase a ser unha vila, senón por ser un pioneiro que abandeirou as correntes municipalistas na España da época.

Escoita no audio adxunto a entrevista de Xan Pinal a Carlos Montes no "Mediodia de COPE O Carballiño".

 

27, Decembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá da licitación, por importe de case 370.000 euros, das obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada (OU-209), así como a renovación do pavimento desta, en Leiro. O delegado territorial, que estivo acompañado do alcalde, Francisco José Fernández, explicou que as empresas interesadas neste contrato teñen ata o 22 de xaneiro de 2024 para presentar as súas ofertas.

As obras consistirán na desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación. Unha vez colocados e aliñados, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que suba o cabreado para a alimentación da iluminación. A continuación procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas; as gabias reporanse con formigón armado HA-25 para servir de base, xunto cunha maia de tipo HATELIT, para o aglomerado en quente final da estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas; colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte. O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 cm de ancho, terá un acabado pulido; o acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente; as xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

O alumeado público

Primeiramente, procederase á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente; despois levarase a cabo a execución das gabias para as canalizacións; os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento. A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte. As luminarias da calzada e dos alzados teñen báculos de 15, 12 e 6 m con proxectores tipo SETGA INFINITUM ou equivalente; as luminarias lineais de LED da estrada no treito estrito da ponte son TIPO SETGA PV ou equivalente; as luminarias do alzado do muro de acompañamento da marxe dereita do alzado de augas abaixo son proxectores lineais tipo SETGA HL-1100 ou equivalente.

O delegado territorial lembrou que en outubro asinouse un acordo co Concello de Leiro, polo que este se comprometeu a poñer á disposición os terreos para a execución da actuación e a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación unha vez rematadas as obras.

25, Decembro 2023

Figueiroa é unha das aldeas da parroquia de San Martiño de Cameixa no concello de Boborás, Figueiroa de Cameixa é un raio de luz do noso rural na comarca do Carballiño, que se supera cada ano polo tempo do nadal e que sorprende, e cada ano que pasa máis, aos centos de visitantes que se dan unha volta polo lugar, un exemplo do que aínda pode ser o noso rural cando ten veciños e veciñas comprometidos co seu pobo.

Son poucos, pero suficientes, porque a traballo e ilusión seguramente ninguén lle gaña. José Luis "o Rubio de Cameixa" e a súa parella Edith,  tamén veciños que chegaron fai  unhos anos de fora e fixeron deste lugarciño o seu escenario de vida, como Jaime e Maria Dolores "Loli", ou outros como Mario e Silda, que aínda con veciñanza noutras localidades son oriundos do pobo, ou Manoliño Cuñarro, e o resto da veciñanza, que en maior ou menor medida, colaboran nesta "Ruta dos Beléns" para que Figueiroa de Cameixa sexa unha aldea con tanta luz nestes tempos de sombras para o noso rural.

Aquí tes tan so unha pequena reportaxe fotográfica deste máxico lugar de Figueiroa de Cameixa neste tempo do nadal, aínda que o mellor é que te acheges e te sorprendas polos teus ollos.

No audio adxunto podes escoitar a entrevista a José Luis Sotelo "O Rubio de Cameixa", alma mater desta iniciativa veciñal.

24, Decembro 2023

90 veciños e veciñas da parroquia de Dacón convídante a achegarte este lúns 25 de decembro, dia de nadal,  á carballeira da Garrida, na que todo está preparado para unha nova edición do Belén Viviente, co que a veciñanza deste pobo celebra desde fai 33 anos este acontecemento.

As escenificacións comezarán ás 11:30 da mañá e o mediodia celebraráse a misa campestre do nadal na propia carballeira da Garrida.

Non faltarán os postos de oficios, artesáns e mesmo gastronómicos, este ano cun porquiño ao espéto que será degustado gratuítamente. A organización agradece a colaboración de todos os colaboradores, tamén dos institucionais, neste caso o concello de Maside e a Deputación.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS