17, Novembro 2023

Paseando po lo parque onte a tarde topeime con este panorama 

O grupo de emergencias 

lavando no parque e votando a Terra,lodo, toallita e compresas o rio 

Que vergonza de concello así nos vai

Porque os de emerxencias non teñen culpa son unos mandados..

17, Novembro 2023

A Deputación de Ourense colaborará co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro na promoción dos seus viños, apoiando actuacións que favorezan o seu posicionamento “nun mercado tan competitivo como é o vitivinícola”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido no Pazo Provincial co presidente da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares.

Na reunión, na que se analizaron as liñas de colaboración que mantén a institución provincial co consello regulador, Luis Menor comprometeu o apoio da Deputación cun dos “sectores máis estratéxicos da economía provincial e, dentro deste, a unha comarca eminentemente vitivinícola como é O Ribeiro”:

O presidente provincial afirmou que a calidade dos viños do Ribeiro xunto coas actuacións de promoción que está a levar a cabo o consello regulador, “está a permitirlles abrirse camiño neste sector tan competitivo entre a ampla oferta existente”. Entre os labores de promoción do sector vitivinícola, cómpre salientar o programa dos “Trens Turísticos” que cada ano pon en marcha a Deputación de Ourense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e Renfe, para promocionar as diferentes rutas do viño da provincia.

17, Novembro 2023

As demandas en relación á precariedade do servizo de pediatría do centro de saúde do Carballiño, a proposta de Espazo Común que insiste en rexeitar a ubicación do novo centro de saúde na estación de autobuses e buscar novo emprazamento, ou a posible renuncia de Juan Manuel Villanueva como concelleiro do grupo de goberno do Irixo, asuntos tratados na tertulia desta semana en COPE O Carballiño.

Coas opinións e comentarios de José Antonio Barge, Manuel Nogueira, Sebastián Lamazares e Fátima Gómez. Escóitaa na audio adxunto.

16, Novembro 2023

Este venres día 17 de novembro cúmprese unha data especial para o Cine Club O Carballiño, xa que é a sesión número 400 en venres, dende que a entidade cineclubista carballiñesa retomou a actividade alá polo ano 2010, xusto en novembro.

Nestes anos vai máis de 500 películas proxectadas e case 1000 sesións de cine. Para celebralo o Cine Club O Craballiño proxecta un pequeno ciclo de tres filmes, Novas miradas, os días 17, 18 e 19, co que pretenden achegarnos a obra de tres cineastas cunha mirada diferente e orixinal.

A primeira película será  o venres 17 con Creature, a última película de Elena Martín, que escribe, dirixe e protagoniza un peculiar achegamento ao desexo femenino nunha das grandes revelacións desta tempada no cine español. A película gañou o premio á Mellor película na quincena de realizadores do pasado Festival de Cannes. Os pases serán coma sempre ás 20:00 e ás 22:30 horas.

O sábado 18 cun filme excepcional, dunha grande beleza, El leopardo de las nieves, dirixido por Marie Amiguet, premio Cesar ao Mellor documental. Os pases serán ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en VOS.

E complétase o ciclo o domingo día 19 coa película xaponesa "Plan 75" , seleccionada polo seu país para competir nos Oscar. segunda película da súa directora, Chie Hayakawa, é unha acertada reflexión sobre o envellecemento, o aomor e a condición humana. Os pases serán neste caso ás 18:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 20:00 horas en VOS. Todas as proxeccións serán coma sempre no auditorio do Carballiño.

15, Novembro 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, propuxo un aumento de 2 millóns de euros no novo modelo de financiamento en cooperación cos concellos, o Plan CooperOU, de tal modo que á metade do mandato alcanzaríanse os 17 millóns de euros previstos inicialmente para este programa en 2027.

Luis Menor lanzou esta proposta na Comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos, na que se presentaron os orzamentos da Deputación de Ourense para 2024, marcado precisamente polo novo plan. A iniciativa do goberno provincial supón pasar de 5 a 7 millóns de euros a parte variable do novo modelo de financiamento. Así, o próximo ano alcanzaríanse os 16 millóns de euros fronte aos 14 millóns iniciais, xunto cun aumento de 1 millón de euros no orzamento de 2025.

Con estes cálculos, o Plan CooperOU chegaría á metade do mandato cunha partida de 17 millóns de euros e co compromiso dunha revisión á alza nas seguintes dúas anualidades. A partida extra para financiar a nova proposta aplicaríase con cargo á modificación de crédito do primeiro trimestre de 2024. En todos os casos, o aumento no modelo de financiamento seguirá articulándose en torno a criterios homoxéneos de repartición, cunha parte fixa segundo o número de habitantes de cada concello, e outra parte variable na que se aplicaría o incremento e que se distribúe en base á poboación (50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Cómpre lembrar tamén outras dúas claves do plan, como son a flexibilidade no destino dos recursos e a simplificación administrativa. A proposta presentada supón que se pasa dun mínimo garantido no pasado mandato de 78.000 euros, a través de diversos programas, a cantidades que na totalidade dos casos superan os 100.000 euros, agás a entidade local menor de Berán (algo máis de 53.000 euros).

Co novo incremento, concellos como O Carballiño pasaría dos preto de 321.500 euros iniciais a máis de 402.000. Beade sería o concello que menos contía recibe con algo máis de 107.600 euros.

15, Novembro 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou a innovación dos proxectos galardoados nos Premios ao desenvolvemento rural, por encontrar “novos e mellorados usos aos recursos dos que xa dispoñemos”. Fíxoo durante a súa intervención na clausura da décimo cuarta edición destes premios, promovidos pola Consellería a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Cada premio das oito categroias dos galardóns está dotado con 10.000 euros. 

Na categoria de recuperación e posta en valor da terra agraria, o galardón foi para Johnny Trigás co proxecto “Terra de Boborás Apicultura”.  O conselleiro destacou que a apicultura consagrouse nestes últimos anos como unha aposta de futuro en Galicia, permitindo facer unha xestión do territorio. Así, tamén lembrou os 1,4 millóns de euros que se destinarán para a configuración dun Plan Apícola Galego, que permitirá axudar aos apicultores e apicultoras da nosa comunidade a avanzar na profesionalización desta actividade. Unha planificación que se engade ás estratexias sectoriais de longo percorrido, como son as dos sectores lácteo, vitivinícola e cárnico.

No seguinte enlace podes acceder á páxina web deste proxecto impulsando polo emprendedor Johnny Tirigás: https://terrasdeboboras.es/

O conselleiro repasou os premiados nas diferentes categorías, empezando pola da mocidade. Neste ámbito felicitou a Verónica Ledo e Natalia González, da Sociedade Cooperativa Galega Educalecrín, creadoras e directoras do proxecto “A educación como base para valorar a nosa terra”, como base para valorar a nosa terra. Un proxecto no que participan dúas mozas, xunto cun equipo formado por educadoras sociais, psicólogas ou biólogas, entre outras, e que está orientado á formación ecosocial.

Neste contexto, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta coa mocidade rural. Un apoio que se plasma con axudas como as de incorporación de mozos á actividade agrogandeira, que na convocatoria do vindeiro ano contarán cun investimento total de 16 millóns de euros. Así mesmo, destacou outras liñas de achegas, como unha nova en materia de incorporación de novas persoas agricultoras, para a que se destinarán tres millóns de euros; ou as achegas en favor do relevo xeracional, cun presuposto de 500.000 euros, destinadas a persoas agricultoras que se xubilen, cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar ese relevo. No que respecta á categoría de paisaxe rural, o premio recaeu na adega A man de Prado, con Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que mantén o cultivo tradicional das cepas, dispostas en bancais sobre o Canón do Sil, preservando “o bo facer da zona”, asegurou José González. Neste sentido, o titular do Medio Rural puxo de relevo as axudas que se porán en marcha no vindeiro 2024 para investimentos non produtivos por valor de dous millóns de euros. Estas se centrarán na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.

No eido do interese social, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural O Viso foi a galardoada polo seu proxecto integral de intervención comunitaria na comarca da Limia, cuxo fin é facer do rural non só un medio visitable, senón tamén habitable e habitado. Na categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa Tirolinas da Minas, de Xesteco Consultoría. Neste senso, José González destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”. No ámbito do sector agrogandeiro, o conselleiro agradeceu o labor de ProPlantae Sanidade Vexetal polo proxecto premiado “Provide”, pois este laboratorio biotecnolóxico de sanidade vexetal e I+D+i non só contribúe ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, senón que tamén fomenta a sustentabilidade e a calidade do rural.

E no que atinxe á categoría de mulleres, resultou premiada Nuria Sotelo pola iniciativa “A Casa Vella”, unha veterinaria que abandonou a súa profesión para dedicarse á creación escénica como bailarina, a súa verdadeira paixón. A súa obra mestura a danza coa natureza e o desexo dun rural vivo que poña en valor o papel das mulleres. Por último, na categoría de innovación tecnolóxica, o premio recaeu no proxecto “FRUTODS: Ecodeseño e innovación tecnolóxica no rural galego”, de Solucións Conceptuais e Innovación. Nesta liña, José González destacou que “o desenvolvemento require de innovación e tecnoloxía” e aproveitou a ocasión para sinalar a potencialidade das aldeas modelo, que recollen precisamente esta premisa.

Neste sentido, González indicou que xa se está a perfilar un modelo único de Plan de dinamización para os núcleos rurais destas aldeas, que permitirá a posta en marcha de actividade económica, a rehabilitación integral das aldeas e a planificación preventiva, ademais da garantía da conectividade, a autosuficiencia enerxética e as últimas tecnoloxías das explotacións que as integren. Todo no seo do proxecto europeo Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, que lidera a Xunta de Galicia.

15, Novembro 2023

Asi o determinou o sorteo celebrado esta tarde na sede da RFEF, un dos equipos con renome da Segunda División, o Burgos CF será o rival do CD Arenteiro na segunda ronda da Copa do Rei.

Visitará Espiñedo o dia 6 de decembro as catro da tarde. O equipo burgalés leva varios anos con bos proxectos deportivos na categoria de prata do fútbol español, e tras a útlima xornada está clasificado no 13º posto, con 20 puntos.

15, Novembro 2023

Retiran as varandas do parque e deixan os parafusos no medio pra provocar tropezos. Incompetentes!

14, Novembro 2023

Por terceiro ano consecutivo o CD Arenteiro está clasificado para a segunda ronda da Copa do Rei, e desta vez tras superar na primeira eliminatoria ao Real Avilés Industrial en partido xogado o pasado dia 1 de novembro en terrras asturianas.

Agora, na segunda ronda o Arenteiro xogará como local e o seu rival será un equipo de superior categoria, da Liga de Fútbol Profesional. Tras ultimos resultados das eliminatorias que foran aprazadas polo temporal, hai un 90% de probabilidade de que o rival sexa un equipo de Segunda División e un 10% que sexa un equipo de Primeira División. Os partidos para esta segunda ronda xogaránse entre os dias 5 ao 7 do próximo mes de decembro.

Os equipos posibles rivais do Arenteiro son os seguintes:

Primera División: Alavés, Almería, Athletic, Cádiz, Celta, Getafe, Girona, Las Palmas, Mallorca, Rayo Vallecano, Real Betis, Real Sociedad, Sevilla, Valencia e Villarreal.

Segunda División: Alcorcón, Amorebieta, Cartagena, Burgos, Eibar, Elche, Eldense, Espanyol, Racing de Ferrol, Huesca, Leganés, Levante, Mirandés, Oviedo, Sporting, Tenerife e Valladolid.

O sorteo poderá seguirse en directo en COPE O Carballiño, este mércores dia 15 de novembro a partir das 13 horas. 

14, Novembro 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron unha reunión co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, membros da corporación municipal e alcaldes da comarca para abordar a situación asistencial da especialidade de pediatría no centro de saúde da capital do Arenteiro.

O delegado territorial e o xerente explicaron que o centro de saúde do Carballiño conta con 2 prazas de pediatría (1 delas xubilouse en setembro e a outra está en comisión de servizos) e nestes momentos a atención pediátrica estase a cubrir con médicos de Familia Puericultor. Sen embargo e prevendo a situación convocouse por concurso de méritos, e sen necesidade de oposición, 1 praza para O Carballiño - A Ponte.

Esta modalidade extraordinaria de cobertura sen oposición é posible grazas a unha Lei de medidas excepcionais impulsada esta lexislatura pola Xunta, que introduciu este tipo de incentivos para facer fronte a escaseza de especialistas en determinadas áreas.

Gabriel Alén e Félix Rubial lembráronlle aos presentes que a partir das 15.00 horas, a atención urxente de calquera neno ou nena, tanto no Carballiño como en calquera outro punto de Galicia, faise nos Puntos de Atención Continuada; e que a Xunta de Galicia actúa en consecuencia e pon en marcha todas as medidas posibles dentro das súas competencias para solucionar a escaseza de profesionais sanitarios.

“Dende a Xunta -incidiron ámbolos dous representantes autonómicos- faise unha aposta decidida polos pediatras de atención primaria, e isto é por todos coñecidos xa que Galicia conta cunha das taxas máis baixas de ocupación de prazas de pediatría por parte de médicos de familia”.

Galicia é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada en case o 90% dos casos especificamente por especialistas en pediatría. E no 10% restante, a atención é realizada por médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, cunha formación sólida no campo da pediatría.

O número de pediatras en Galicia mantense a pesar do descenso da natalidade. Aínda así, sinalar unha vez máis que o Servizo Galego de Saúde está na continua procura de pediatras tanto para substituír os profesionais de baixa como para cubrir as vacantes que van quedando libres.

Medidas pioneiras ante a situación deficitaria de persoal médico
Ante a situación deficitaria de persoal médico especialista de pediatría, problema endémico en toda España, e dentro das competencias que a Xunta pode desenvolver, o Goberno galego adoitou medidas pioneiras como a través da lei de medidas fiscais e administrativas para 2022 establecer a creación da nova categoría de facultativo especialista de primaria e a súa provisión, de xeito extraordinario, por concurso de méritos.

Trátase dunha medida precursora en todo o Estado; unha medida que ofrece unha praza en propiedade por concurso de méritos, sen necesidade de pasar por unha oposición, tamén para aqueles profesionais que remataron a súa formación este ano.

Graza a esa Lei, a Xunta lanzou no 2022 a oferta de 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria para dotar de persoal as prazas vacantes de mais difícil cobertura.

Estas 106 prazas xa están resoltas e publicadas (das que 2 delas foron para O Carballiño-Ribadavia), son 106 profesionais que cobren cada un deles dúas gardas ao mes nos Puntos de Atención Continuada, co cal poderase contar con 212 gardas mais ao mes, o que suporá mais de 2.500 gardas ao ano.

A Xunta de Galicia continuou traballando para estender esta medida e poder consolidala. Para iso foi aprobada no Parlamento unha Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que permitirá á Xunta ofertar mais prazas en propiedade e a través de concursos de méritos, non só na atención primaria senón tamén nos hospitais comarcais

Estamos a falar de 423 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura, o que supón multiplicar por catro a convocatoria anterior. Entre estas 423 prazas están: 72 de facultativo especialista en atención primaria (4 convocadas para Carballiño), 59 de pediatría de atención primaria (unha desas prazas é para Carballiño/a Ponte), 109 de diferentes especialidades médicas nos hospitais comarcais e 173 de persoal sanitario nos programas iniciados ao abeiro do Plan de Saúde Mental.

A oferta foi aprobada a través do Decreto 32/2023, de 13 de abril de 2023 (DOG do 23 de abril de 2023). Os procesos selectivos xa están en marcha coa previsión de que antes de finalizar o ano podan estar resoltos.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS