200 ciclistas compiten no Open XCO, no parque municipal

20, Xuño 2017

Arredor de douscentos ciclistas de todas as idades, entre 14 e 60 anos, participarán no 1º OPEN CXO, que se desenvolverá no entorno das Barcias, no Parque Municipal do Carballiño.

A proba comezará ás 16,30 h., e rematará ás 20,00 h. Haberá diversas categorías: cadete masculino e femenino, junior masculino e femenino, sub 23, élite e grupos de idade máster. As idades dos participantes van dos 14 aos 60 anos.

O evento foi presentado este mediodía polo concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz Nieto, e o presidente de Os Mosqueteiros, Nelson Costa, entre outros directivos do club carballiñés que organiza a proba. José Manuel Dacal agradeceu que esta proba tan importante do calendario galego de ciclismo se trouxese ao Carballiño, e que tiña un gran significado tanto pola promoción do deporte como da propia vila.

Asemade, dixo que malia a que a proba non ia supoñer ningún inconvinte de tipo medioambierntal para o parque, íase estudiar a posibilidade de crear un circuito permanente para este tipo de competición nalgún outro lugar do Carballiño. Finalmente, agradeceu a colaboración da Policía Local, de Protección Civil e das concellerías implicadas, como Medio Ambiente e Seguridade, entre outras.

Nelson Costa dixo que se trataba dun gran evento deportivo para o que levan traballando dende hai tres meses, solicitando permisos e planificando o circuito, e por eso agradeceu a colaboración do Concello e da Federación.

Juan Carlos Muñíz agradeceu aos Mosqueteiros o esforzo realizado, así como a colaboración municipal, e asegurou que se trata de promover os valores do deporte e de ser moi respectuosos co medio ambiente. Destacou que é unha modalidade olímpica de ciclismo de montaña e que resulta moi atractiva para os espectadores.

Ao respecto, invitou á xente do Carballiño a acudir á zona das Barcias, na avenida do Arenteiro, para presenciar a proba. Finalmente, fixo un chamamento sobre a campaña de seguridade vial cos ciclistas que se realiza co lema “EU SON CICLISTA”.