20.000 papeletas entraron no sorteo da viaxe a Mallorca da Praza de Abastos do Carballiño

14, Setembro 2017

A caballiñesa Mari Vázquez resultou gañadora do sorteo celebrado este mediodía na Praza de Abastos con motivo do remate da campaña de promoción do verán. O premio consiste nunha viaxe dunha semana a Palma de Mallorca con voo directo dende Santiago e réxime de media pensión. A papeleta gañadora foi extraída por unha nena dun total de 20.000 papeletas depositadas nas urnas pola clientela. A campaña comezou o 18 de xullo e foi moi positiva a tenor das papeletas recollidas, según dixo o presidente da asociación de praceiros, Eligio González. Durante estes tres últimos meses incrementouse a clientela da praza de xeito considerable, e non só do Carballiño e da comarca, senón de Galicia e de fóra. Así, Eligio González asegura que tiveron clientes das Rías Baixas, de Barcelona, de Andalucía, de Madrid e incluso de Palma de Mallorca, que amosaron a súa sorpresa pola promoción que estaba a realizar a Praza de Abastos. Por isto, o presidente da asociación agradeceu a colaboración de todos os praceiros e praceiras, así como a do concello. Ao acto tamén asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, que chamou a atención sobre as 20.000 papeletas depositadas, o que amosa a vitalidade da praza de abastos, según dixo. Finalmente, felicitou aos praceiros e á gañadora.