30 paneis explicativos, pezas orixinais do século XIX e un modelo audiovisual referente en Galicia, dan forma ao Museo do Papel. Abriráse ao público nas próximas semanas.

4, Abril 2023

O Museo do Papel do Carballiño abrirá as súas portas despois de Semana Santa cun modelo museístico audiovisual que será referente en Galicia e que permitirá coñecer aos visitantes, a través dun código QR e audioguías, o proceso de industrialización decimonónica da Galicia interior e desta comarca. Así o anunciou o alcalde, Francisco Fumega, nunha visita realizada ás instalacións da Fábrica de Papel “A Labandeira” xunto co concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, para comprobar a evolución dos traballos que se están realizando no interios do inmoble.

O rexedor asegurou que a empresa á que se adxudicou o proxecto de musealización da Fábrica de Papel, Ingeniería Interactiva del Ocio s.XXI S.L, xa elaborou todos os elementos que se exporán, mentres que outra parte do material, como as prensas, foi encargado a unha firma do concello. O edificio guiará aos visitantes nunha viaxe no tempo ata a fábrica de papel do século XIX que realizaba o proceso de transformación a través do trapo. Precisamente este proceso poderá coñecerse na primeira planta do inmoble.

Na área de recepción de visitantes realizarase a elaboración artesanal dun mostrador a dúas alturas para a recepción, tallos e cadeiras, armarios de almacenamento e estantes. No andar semisoto, cunha superficie de 45,2 metros cadrados, instalarase o taller de elaboración de follas de papel e fabricaranse, en madeira de piñeiro, elementos a escala real como unha bañeira grande para a pasta de papel. Haberá nesta zona paneis explicativos con gráficas correspondentes a cada proceso que se dará a coñecer na sala. No andar de abaixo haberá tres zonas diferenciadas: A de encolado, onde irán aquelas follas de papel que recibirán tinta para facelas máis impermeábeis; a de brunido, onde o papel recibe outros tratamentos como o prensado e a zona de clasificación e preparación para o mercado. O primeiro andar, cunha superficie útil de 115 metros cadrados, estará dedicado ao sequeiro de papel, cos tendais e mesas de colocación e o resto da sala a documentos históricos.

Un auditorio para 40 persoas será acondicionado no segundo andar (89 metros cadrados) e dotarase de medios audiovisuais e informáticos relacionados con elementos temáticos do mundo do papel. Serán máis de trinta paneis os que permitirán ao visitantes coñecer todo o proceso de fabricación do papel. Ademais, poderán verse exemplares do século XIX do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Outra das seccións protagonistas será a dedicada a persoeiros das fábrica do papel e na que terá un papel relevante Valentín Fernández, que foi alcalde do Carballiño e creou a nivel galego a primeira feira municipal: “Sen el non poderíamos entender o actual concello”, afirmou Francisco Fumega. O alcalde insistiu en que “as instalacións complementarán ao Parque Etnográfico do Arenteiro e potenciarán a cultura e a economía local do concello”. Ademais, cun importe de 150.000 euros dunha subvención da Unión Europea e nunha fase posterior, poñeranse en funcionamento os muíños.