7 persoas resultan feridas con queimaduras e intoxicación nun incendio no edificio Magariños, e outras 6 que necesitaron asistencia xa foron dadas de alta.

12, Novembro 2011

O sinistro orixinouse no cadro de contadores eléctricos do edifcio, no que se escoitaron varias explosións minutos despois das 12 do mediodia, o que provocou unha gran fumeira que se propagou en forma de embudo cara a plantas superiores da edificación, na rúa Principal do Carballiño.

Vironse atrapadas varias persoas, 6 delas foron rescatadas polos servizos de emerxencias e os efectivos da Policia Local, que foron os primeiros en chegar ao lugar, entre as 6 persoas feridas de máis gravidade atópase un cativo de 4 anos de idade e o Ex-Concelleiro de Obras do Carballiño Edelmiro Mateo e a súa Esposa, que resultaron con síntomas de intoxicación e queimaduras en distintas partes do corpo. O ex-concelleiro foi trasladado en helicóptero polas asistencias médicas, que atenderon a outras 13 persoas no PAC do Carballiño, con feridas por queimaduras de distinta consideración e intoxicación por gases.Tamén tiveron que recibir asistencia médica  con sígnos de intoxicación polo fume os 2 axentes da Policia Local do Carballiño, que coa súa intervención evitaron unha traxedia maior. Tamén tiveron unha extraordinaria actuación os veciños e propietarios dos negocios das galerias nos momentos máis decisivos.

O Alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, manifestou que o sucedido "é motivo para levar a cabo unha investigación antes de facer unha declaración oficial ao respecto, e ímolo facer o máis pronto posible, agora o primeiro é interesarse polo estado de saúde dos feridos".

O edificio no que se orixinou o sinistro tén unha antiguidade de máis de 30 anos, sito na rúa Tomás Maria Mosquera, trátase dunha edificación cun total de 27 vivendas. Na planta de entrechán do edificio, atópase unha perruquería, que resultou a máis afectada pola rápida propagación do fume. A Policia Científica investiga o suceso, aínda que todo parece indicar que tivo a súa orixe no cadro eléctrico do edificio.

PARTE MÉDICO DOS FERIDOS

O 061 informou a úlitma hora da tarde do estado de saúde dos feridos. No PAC do Carballiño foron atendidas un total de 13 persoas, das que algunhas foron dadas de alta e enviadas directamente aos seus domicilios.

Cinco das persoas feridos foron trasladadas ao Complexo Hospitalario de Ourense e no transcurso da tarde dúas delas foron remitidos á unidade de queimados de Povisa, tratase de H.P.L.,  muller de 41 anos con queimaduras de distinta consideración e L.N.L., muller de 68 anos de idade con intoxicación de gases e queimaduras.

Permanecen ingresados no CHUO outras 3 persoas. M.N.G, muller de 66 anos, con queimaduras superficiais e signos de intoxicación; A.C.G. varón de 43 anos, con intoxicación por gases e feridas superficiais; e M.C.M.F., muller de 38 anos, con intoxicación por gases.

A Povisa foi trasladado directamente en helicóptero Edelmiro Mateo Prado, de 74 anos, EX-Concelleiro da Corporación do Carballiño, con queimaduras de distinta consideración, e por último, ao Complexo Hospitalario da Coruña foi trasladado o cativo, con feridas de distinta consideración.

MEDIOS MOBILIZADOS

A central de coordinación do 061 informou tamén dos medios mobilizados desde que ás 12,17 horas se recibíu a alerta. Ao lugar do incidente enviaronse 5 ambulancias asistenciais, 1 ambulancia medicalizada, 2 helicópteros, e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada do Carballiño. Ademáis, foron mobilizadas ambulancias medicalizadas en Vigo e A Coruña para facer os apoios nos distintos aeroportos aos pacientes que se trasladaron por este medio.

No operativo participaron o persoal carballiñes do GRUMIR e Protección Civil, asi como efectivos de Emerxencias do Concello de Avión e da Garda Civil. O Concello do Carballiño puxo a disposición das familias afectadas a Residencia de Tempo Libre, no caso de que queiran pernoctar na mesma atá que non se recupere a normalidade no edificio.