750 deportistas cítanse no Carballiño para participar na Copa Xunta de Galicia de TaeKwondo

17, Novembro 2016

Arredor de 750 deportistas participarán este sábado na Copa Xunta de Galicia de Taekwondo, que se disputará no pavillón Paco Chao do Carballiño. Estes deportistas, nos que figuran dende infantís a adultos, pertencen a uns 50 clubes de toda a comunidade autónoma, polo que se espera que acudan ao Carballiño preto de 2.000 persoas, entre taekwondistas e acompañantes.

Así o puxeron de manifesto o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal; o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz; o entrenador e xerente do Ximnasio Olimpia, José Manuel Soto, e a excampeona nacional, entrenadora e xerente do Ximnasio Taebek, Nuria Gámez, durante a presentación deste evento.

Todos destacaron o significado deportivo e económico deste campeonato, que atraerá a un gran número de deportistas e visitantes á vila, co que esto supón, sobre todo, para a hostalería pero tamén para o comercio local que celebra precisamentge este sábado o “Shoping Day”, con importantes descontos e unha grande actividade cultural durante toda a xornada.

Asemade puxeron de manifesto a situación estratéxica do Carballiño, e non só en canto á súa ubicación e comunicacións coas principias cidades e vilas de Galicia, senón pola infraestrutura deportiva, ao contar cun pavillón con dúas pistas nas que se poden desenvolver competicións de xeito simultáneo, como sucede neste evento de participación masiva.

A competición desenvolverase en xornada de mañá e tarde, comezando ás 10,00 h., nas categorías amater e a competitiva infantil, que rematará ás 13,30 h. Pola tarde terá lugar a competición de adultos, que se prolongará dende as 16,30 ás 19,30 h.

José Manuel Soto destacou a alta participación de deportistas carballiñeses, tanto nas categorías infantil amater como a competitiva de adultos, e Juan Carlos Eiriz resaltou a validez desta copa para o ranking galego, nacional e incluso internacional de taekwondo, o que lle confería a esta competición un gran nivel deportivo.

Finalmente, sinalouse a capacidade organizativa que requería o evento, contando cun gran número de colaboradores, e o apoio do concello e, en especial, da concellería de Deportes.