A 8ª Carreira Solidaria do Arenteiro espera reunir a 750 participantes

12, Decembro 2016

A organización da 8ª Carreira Solidaria do Arenteiro espera acadar unha participación semellante a do pasado ano, que foi de 750 persoas. A día de hoxe as inscricións achéganse ás 400, e ainda se poden realizar ata o xoves, 15 de decembro. No caso das categorías infantiles, incluso poden apuntarse ata as 11 da mañá do propio día da carreira, este domingo, 18 de decembro.

Estes datos foron aportados durante a presentación do evento, que se realizou este mediodía no concello do Carballiño, coa asistencia do concelleiro de Deportes, Xosé Manuel Dacal; do representante do club de atletismo Arenteiro, Luis Iglesias; da xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, así como de representantes da Cruz Vermella e de Cáritas, institucións ás que se entregarán os produtos que se recauden.

De feito, polo carácter solidario da carreira, a inscrición é totalmente gratuita, e só se pide aos participantes que colaboren coa entrega de alimentos non perecedeiros e de charcutería envasados ao vacío, así como de hixiene e aseo personal tanto para adultos como para bebés, que se depositarán nunha carpa da organización o día da proba.

A organización corre a cargo do concello, de Atletismo Arenteiro e de Kórpore Carballiño, pero son moitas as entidades e firmas colaboradoras, como Cruz Vermella, Cáritas, Coca Cola, Gadis, GRI, A Fuchela, Autotodo Carballiño, Empresa Montañesa, Autocares Rodríguez, Lamargha, Panadería Manxares e o concello de Piñor de Cea que aporta unha carpa.

Xosé Manuel Dacal animou aos carballiñeses a participar neste evento deportivo e solidario, recordando que incluso se pode facer como público, arroupando aos corredores e corredoras polas rúas da vila.

E no mesmo sentido se pronunciaron os demáis representantes das entidades colaboradoras. Dase ademáis a circunstancia de que o domingo abrirá o comercio local, polo que se espera unha gran afluencia de público no Carballiño.

Haberá un percorrido reducido de 2 km, para as categorías inferiores, e de 10 km para os demáis. E incluso os mais pequenos terán unha ruta moi curta arredor da zona da Veracruz.

A saída será ás 11 da mañá, dende a praza da Veracruz, pero a partir das 9,30 comezará a recepción e a entrega dos dorsais. Establécense categorías para mulleres e homes con clasificacións diferenciadas.

As bases e os trofeos poden consultarse nas páxinas web de www.championchipnorte.com, www.correrengalicia.org, na área de deportes do concello ou chamando ao número de teléfono 988 530 007 ext 348.

Tamén existen unhas follas volandeiras onde se ofrece toda esta información.

O itinerario da carreira é o seguinte: praza da Veracruz, rúa do Paseo, Avda. do Parque, instituto Chamoso Lamas, Muíños, Fábrica do Papel, Sendeiro do Arenteiro, Parque Municipal, Piscifactoría, interior do parque, rúa do Paseo e praza da Veracruz. Un percorrido urbano e natural, pasando polos lugares máis emblemáticos do Carballiño, con tramos de asfalto e de terra. Haberá zonas de avituallamento onde se entregarán bebidas e alimentos