Abanca e CCA asinan un convenio que pon a disposición dos comerciantes e pemes opcións de crédito e diversos servizos

25, Outubro 2018

ABANCA e a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto (CCA) acaban de renovar a súa colaboración en materia financeira co obxectivo posto en mellorar o acceso ao crédito dos autónomos e pemes do Carballiño.

O presidente do CCA Carballiño, Julián Garriga, e o director de zona de ABANCA en Ourense Oeste, Carlos Díez, rubricaron hoxe un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co pequeno comercio galego.

O convenio facilita que os comerciantes carballiñeses accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Os asociados poderán contratar produtos como préstamos persoais e hipotecarios, pólizas de crédito, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén recolle unha oferta mellorada para a contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade e Bonos que permiten que os negocios paguen unha cantidade fixa todos os meses, incluíndo un volume de vendas pactado que se corresponde co que os comercios estiman facturar anualmente a través do TPV.

Así mesmo, para facilitar a competitividade no mercado dos asociados, os clientes dos negocios poderán acceder ao servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, o chamado servizo APLAZOS. Deste xeito, permítese financiar as comprar de forma rápida, sinxela e económica.
O novo documento tamén estipula que os empresarios poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos como ICO e Igape. Tamén poderán gozar das vantaxes do acordo do banco coa sociedade galega de garantía recíproca Sogarpo.

Os comerciantes poderán beneficiarse igualmente doutras fórmulas como o Plan Activamos, unha iniciativa conxunta entre o banco e a Deputación de Ourense que inclúe liñas de crédito a intereses baixos para facilitar o emprendemento, os novos investimentos, a creación de emprego ou actuacións de mellora enerxética das pemes e os autónomos da provincia.

Do mesmo xeito, os comerciantes adheridos poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. O banco tamén porá a súa disposición xestores en materia de seguros ou banca electrónica.

O novo acordo incluso permite que aqueles empresarios que estean a pensar ampliar o seu negocio á venda por Internet poidan gozar dun desconto do 20% na creación dunha tenda online, grazas a un acordo de ABANCA coa empresa Palbin.

A Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto naceu no ano 2010 co obxectivo de defender os intereses das empresas e negocios desta área de influenza, así como realizar campañas de dinamización e fidelización. Doutra banda, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.