As actividades reuniron a máis de 400 persoas: mandís reivindicativos, manifestación de Amica e andaina da igualdade, no Dia da Muller.

8, Marzo 2020

Os dous actos organizados este 8 de Marzo no Carballiño reuniron a máis de 400 persoas na matinal deste domingo, na que a escultura da polbeira da Praza Maior, á que vestiron cun mandil, é sen dúbida a fotografía da xornada.

A Agrupación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño foi a promotora desta acción reividicativa, que acompañou cun tendal na Praza Maior na que se colgaron os mandís, unha iniciativa para chamar a atención sobre a situación que viven as mulleres coidadoras de cativos e maiores, sen recoñecemento nin económico nin de cobertura social "que recibirán pensións miserables".

Ao mediodia, unha manifestación que percorreu durante 45 minutos as rúas máis céntricas do Carballiño e a lectura dun manifesto na Praza Maior, completaron esta convocatoria de AMICA, unhos actos nos que partiiciparon máis de 200 persoas, mulleres e homes, e nun ambiente feminista moi reivindicativo.

Antes, ás 10 da mañá e previa a lectura dun manifesto a cargo da concelleira de igualdade Guadalupe Sobrado, partíu da Praza Maior a Andaina "O Carballiño camiña pola igualdade", que se ven celebrando dende fai varios anos dentro do programa do concello carballiñés con motivo da celebración do 8 de Marzo.

Os incidentes cualificados como machistas rexistrados no pleno da corporación municipal do Carballiño a pasada semana condicionaron a participación dos grupos políticos nesta xornada, xa que ningún representante dos grupos da oposición municipal participaron na andaina organizada polo concello, mentres que sí acudiron á convocatoria da Agrupación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño