Adolfo Nogueira substitúe a Fumega como secretario local do PSdeG-PSOE

31, Xaneiro 2018

Os socialistas carballiñeses aprobaron por unanimidade a composión da nova executiva local do partido, na que Adolfo Nogueira Campo pasa a ser o novo Secretario Local, en substitución do alcalde Francisco Fumega, que agora será "Presidente" da agrupación local, un cargo de nova creación no organigrama local do PSdeG-PSOE.

Érika Paza continuará ao fronte da secretaría de de organización, a responsable de política municipal será Charo González, mentres que da secretaría de igualdade e política social ocuparáse Iolanda Otero.

Tal como destacou o novo secretario local, Adolfo Nogueira: “Seguindo cos procedementos de renovación orgánica, tocaba escoller unha nova executiva que dese novos azos ó proxecto político no Carballiño, centrado en afianzar todo o labor que se fai dende o grupo municipal e procurando medrar e sumar máis persoas a un modelo de gobernanza que se centra no benestar e no progreso. Queremos asentar o que xa fomos alcanzando e proxectarnos cara ao futuro para ter unha base social máis ampla aínda e medrar en termos electorais. Para isto é imprescindible ter un partido forte, unido, cunha militancia activa e sermos unha organización viva, presente nas rúas, desenvolvendo actividades e accións de grande calado social”, dixo.

Do mesmo xeito, Paco Fumega, agora escollido coma presidente do partido e, polo tanto, da asemblea fixo un balance positivo do seu paso pola secretaría local destacando que : “fixemos un gran labor nestes últimos catro anos, por suposto o máis destacado foi conseguir o goberno municipal pero, ademais, non deixamos de medrar coma organización, asentando unha gran base de militancia que nos fai ser a 2ª agrupación da provincia só por detrás da cidade de Ourense. O noso obxectivo é ir a máis”, remarcou.