Afluencia record á Romaria da Saleta e bo ambiente nas Festas do Setembro

19, Setembro 2016

A romaria da Saleta rexistrou este ano unha afluencia record de público, non se recorda dende fai moitos anos atrás unha asistencia tan multitudinaria como a deste ano 2016.

Xa dende as primeiras misa da mañá, e tamén na procesión, a participación de devotos foi notable na capela da Nosa Señora da Saleta, nesta tradicional romaría na parroquia de Astureses.

Pero sen dúbida foi á hora do xantar campestre cando a romaría vivíu o seu momento álxido, de tal maneira que as tabernas e restaurantes instalados na Saleta vironse desbordados ante a gran cantidade de público, que en non poucos casos tivo que agardar turno para poder sentarse á mesa.

Sen dúbida, o bo tempo e tamén o feito de que este ano o 19 de Setembro fose dia festivo de carácter local, non so no concello de Boborás, senón tamén no do Carballiño, influiron decisivamente nesta afluencia de romeiros, que pode considerarse a máis alta das últimas décadas.

Doutra parte, e de forma simultánea a celebración da romaría da Saleta, O Carballiño despedía este lúns unhas festas do Setembro que se caracterizaron este ano tamén polo bo ambiente en canto a presenza de público nas actividades festivas, sobre todo coincidindo cos dias grandes das festas e coa fin de semana.

Probablemente, a noite con máis afluencia de público no Carballiño durante as festas deste ano foi a do venres 16, con miles de persoas seguindo a sesión de fogos, a actividade con máis espectadores de toda a programación festiva, que -por certo- aplaudiron o espectáculo pirotecnico ofrecido na praza da Veracruz.

Tamén foi notable o seguimento de público nas verbenas  e a ocupación rexistrada nas atraccións de feira que acudiron este ano as festas do Setembro, sobre todo ás infantís.