A Agrupación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño celebra a súa primeira asemblea aberta coa idea de consolidar un novo movemento feminista

29, Decembro 2019

"A necesidade dun movemento feminista no nosa Comarca, que poña de manifesto as carencias existentes en avances para as mulleres" foi secundada nesta asemblea aberta da Agrupación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño (AMICA", a primeira que celebra este colectivo que se deu a coñecer en público con motivo da celebración do día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, no pasado mes de Novembro.

Esta nova agrupación "emerxeu ante a necesidade de xerar un espazo seguro para as mulleres no que compartir experiencias e iniciativas que conduzan a reivindicacións e accións que fagan desta una vila na que se poida chegar a vivir no marco dunha maior igualdade", indican nun comunicado remitido aos medios.

AMICA "atópase en expansión e vai medrando paseniño pero con pé firme. Cun obxetivo claramente local e ó mesmo tempo abertas a un amplo espectro colaborativo con outras asociacións e plataformas feministas, sempre mantendo unha entidade propia na que resaltar todos aqueles comportamentos machistas que aínda seguen instalados na nosa comarca e poñendo a lupa nos micromachismos que podendo pasar desapercibidos atópanse en todos os ámbitos", subliñan.

Tras apoiar o movemento contra o peche do paridoiro de Verin, e dispostas a apoiar calquera iniciativa que xurda en prol da defensa dos dereitos das mulleres, AMICA segue asi a dar pasos no contacto coa cidadanía do Carballiño. Nestas asembleas "preténdese dar acubillo a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas na loita por unha sociedade máis igualitaria, na que os roles de homes e mulleres establecidos que ainda predominan, se vaian esvaecendo".

AMICA "é un grupo de mulleres que marcan un rumbo claramente feminista e que anima a todas as persoas : homes e mulleres a formar parte e colaborar nesta andaina que está a comezar", remarcan dende este novo colectivo.