A alcaldesa de Boborás, primeira muller que exercerá como portavoz do goberno provincial, que ademáis asume conciliación e envellecemento activo.

31, Xullo 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, vén de asinar os decretos de nomeamento do goberno provincial, que estará integrado por tres vicepresidencias, oito áreas de goberno e catro delegacións especiais, cunha reorganización das responsabilidades en función das competencias da administración provincial e segundo o perfil de cada un dos membros do equipo de Luis Menor.

O novo equipo queda integrado, en primeiro lugar, polos membros da Xunta de Goberno:

•Presidencia e responsable de Cooperación: Luis Menor Pérez

•Vicepresidencia 1ª, Facenda, Economía e Recursos Humanos: Marta Nóvoa Iglesias

•Vicepresidencia 2ª, Cultura, Educación e Deporte: César Manuel Fernández Gil

•Vicepresidencia 3ª, Administración provincial, Transparencia, Emerxencias e Cooperación Transfronteiriza: Plácido Álvarez Dobaño

•Políticas Sociais, Conciliación, Envellecemento Activo e portavoz: Patricia Torres Madureira

•Presidencia do Inorde, Turismo, Termalismo e representación institucional: Rosendo Fernández Fernández •Medio Ambiente e Enerxía: José María Lago Cabo

•Innovación, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030: Jorge Pumar

As delegacións especiais son as seguintes:

•Igualdade e Mocidade: Teresa Barge Bello

•Infraestruturas: Manuel Seoane Rodríguez •Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización do Medio Rural: Xosé Miguel Pérez Blecua

•Delegación especial para Valdeorras: María del Carmen González Quintela

Ao trámite de composición do novo goberno provincial seguiralle a convocatoria do pleno de organización da Deputación, previsto para o xoves 3 de agosto. Luis Menor destacou que o novo equipo de goberno “mestura a renovación, tanto de áreas como de deputados delegados, xunto coa experiencia de persoas cunha importante traxectoria na administración provincial”, engadindo que unha das principais características deste grupo “é que a práctica totalidade dos seus membros son alcaldes”. Puxo en valor tamén a designación de Marta Nóvoa como vicepresidenta primeira, “por ser a primeira muller que ocupa este posto na historia da Deputación, pero tamén pola súa preparación profesional, polo seu labor como parlamentaria e por ser unha das candidatas que obtivo un significado apoio nas eleccións locais de maio para presidir o seu concello”.

Tamén Patricia Torres será a primeira muller en ocupar o posto de portavoz do grupo provincial de goberno, “cunha traxectoria acreditada e un excelente traballo no seu concello, como alcaldesa de Boborás, referendado polo apoio veciñal”. Nas tarefas de representación do grupo de goberno, Torres estará acompañada polos vicepresidentes segundo e terceiro -César Fernández e Plácido Álvarez-, que exercerán as funcións de portavoces adxuntos. Entre as principais novidades do goberno figura ademais a creación dunha delegación especial para Valdeorras da que se encargará a alcaldesa de Carballeda, María del Carmen González, “coa intención de que teñamos axenda propia na comarca e incrementar a presenza da Deputación neste territorio”. Cómpre recordar que Luis Menor, tal e como anunciou no seu discurso de investidura, farase cargo “en primeira persoa” da competencia da Cooperación.