A alcaldesa pide a Baltar apoio para novos proxectos municipais, que esixen unha modificación puntual do PXOM, creando solo dotacional para a construcción dunha residencia de maiores

28, Setembro 2020

Na entrevista entre a alcaldesa Patricia Torres e o presidente da entidade provincial Manuel Baltar, abordáronse diversos proxectos considerados pola propia alcaldesa como estratéxicos para o futuro de Boborás.

Entre eles, a redacción dunha modificación urbanística no actúal Plan Xeral de Ordenación Municipal -PXOM- en vigor no concello de Boborás, e coa finalidade de crear solo dotacional en terreos que son de propiedade municipal sitos na Almuzara e noutra parcela que proxecta adquirir o concello no entorno do colexio e o centro sociocultural de Boborás. Desta maneira, comezarían a xestarse os proxectos de contrucción tanto de vivendas de promoción pública como dun xeriátrico, no primeiro caso nunha parcela de 20.000 m2 na Almuzara, e no segundo caso -o do xeriátrico-  nas proximidades do centro sociocultural Manuel Chamoso Lamas.

A idea da alcaldesa é promover esta futura residencia de maiores a través da iniciativa privada, o concello cederíalle á empresa interesada esta parcela municipal e durante un periodo de longa duración. O municipio de Boborás tan so conta na actualidade cun fogar residencial para maiores na localidade de Brués, polo que existe un deficit de prazas residenciais para persoas maiores.

Nesta mesma zona a rexedora municipal tamén quere promover a creación dunha piscina municipal.