Alerta laranxa: os efectos do temporal déixanse sentir mesmo no casco urbano do Carballiño, recoméndase extremar as precaucións.

21, Decembro 2019

Os riscos son evidentes mesmo no casco urbano do Carballiño, como pode apreciarse na foto, nesta mañá de sábado ao desprenderse unha  plancha de uralita da fachada dun edificio sobre o paso de peóns a altura do nº 1 da Avenida de Julio Rodríugez Soto, afortunadamente non houbo que lamentar danos para as persoas.

Os bombeiros do Carballiño foron requeridos para previr a posible caída doutras planchas da fachada deste mesmo edificio. Non foi a única incidencia de risco na mañá deste sábado xa que tamén se desprendeu parte da cuberta da oficina municipal de turismo sita na Alameda, á beira do parque infantil, a unha hora na que había varios usuarios na zona de xogos, que alertaron do sucedido á Policia Local.

Recoméndase á poboación evitar expoñerse en lugares de risco ante os refachos de vento que no transcurso da xornada poderían acadar velocidades máximas entre os 110 kms hora do Carballiño e os 140 kms hora no municipio de Avión.