Alumnos do IES Chamoso Lamas, orientados polo director Ángel Santos, rodarán unha película sobre a historia dos arrieiros na comarca

26, Decembro 2015

Un grupo de alumnos de 4º de ESO do IES Chamoso Lamas do Carballiño rodarán unha película sobre a historia dos arrieiros dentro do programa Cine en Curso, da Consellería de Educación. Cine en curso defínese como un programa de pedagoxía “do cine e co cine” porque persegue un dobre obxectivo prioritario: achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica.

En Galicia o CGAI coordina Cine en Curso en colaboración co Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Este ano o centro carballiñés foi elixido novamente por terceiro ano consecutivo para participar nun programa do CGAI, polo que dende o mesmo manifestan a súa satisfacción, xa que só se conceden 4 proxectos cada curso.

Os alumnos xa empezaron a traballar dirixidos e orientados polo director de cine Ángel Santos e coa coordinación dun grupo de cinco profesores, que nestes últimos anos estiveron a traballar a linguaxe fotográfica cos alumnos, o que diu lugar a varias exposicions que percorreron diferentes salas de Galicia e foron seleccionadas para participar no Outono fotográfico.

O resultado do traballo sobre os arrieros dará lugar á realización dunha película na que os propios alumnos aprenderán a levar a cabo todas as funcións habituais dunha rodaxe, cun equipo técnico similar aos que se empregan no cine profesional. A súa estrea producirase a fin de curso, nunha proxección que se fará no CGAI co resto dos traballos feitos en Galicia e os profesionais que participaron no mesmo, a que acudirán os profesores e alumnos participantes.

Haberá tamén unha estrea no Carballiño, no marco da XXXIII edición das Xociviga, que colaboran neste proxecto dende o primeiro momento, para facilitar o seu visionado ás familias dos rapaces participantes e a toda a comarca do Carballiño.