Anpas e CCA asinan un convenio que permitirá obter descontos comerciais a máis de quinientas familias

23, Febreiro 2017

Un convenio entre o Centro Comercial Aberto e as Anpas dos centros educativos permitirá que máis de cincocentas familias obteñan descontos en trinta establecementos comerciais da vila adheridos a esta asociación empresarial. Os descontos van do 5% ao 20% e poderán aplicarse ate o mes de xuño.

Este convenio foi asinado hoxe polo presidente do CCA, Julián Garriga, e os presidentes dos centros educativos do Carballiño Sagrado Corazón, A Uceira e Vila do Arenteiro, así como da escola infantil Trastes.

As familias integradas nestas Anpas terán un carné identificativo, no que figurará o nome do pai ou nai e dos fillos, que se deberá presentar nos establecementos do CCA que participan nesta iniciativa para que lles apliquen os descontos.

Nestes trinta establecementos hai locais de todos os sectores comerciais: moda, infantil, zapaterías, complementos, librerías, hostalería, etc. E neles figurará un cartel identificativo da iniciativa.

Julián Garriga sinalou que o CCA tiña moitos convenios asinados con institucións, entidades e empresas, pero que este tiña un significado moi especial, xa que afectaba a moitas familias que son o principal sostén do comercio local e que, polo tanto, tratábase dunha iniciativa para incedntivar as ventas. Explicou que os descontos entre o 5% e o 20% dependían de cada establecemento e que non serían acumulables a outro tipo de ofertas.

Ao acto tamén asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, que diu a enhoraboa aos directivos do centro comercial e das anpas por esta colaboración que axudará a facer máis atractivo o comercio local, e engadiu que a iniciativa era unha mostra máis da viveza e dinamismo comercial do Carballiño, que hoxe ten unha gran oferta é que un sector moi importante no desenvolvemento do Carballiño e na creación de emprego.

Pola súa parte, os presidentes das anpas e de Trastes manifestaron o seu agradecemento ao CCA por levar a cabo esta iniciativa na que se estiveran traballando conxuntamente dende había tempo, e que supoñía acadar un obxectivo común como era axudarse mutuamente.