Arcos acolleu a Festa das Parroquias, que congregou a numerosos veciños do rural

4, Xuño 2016

A Festa das Parroquias cubriu todas as expectativas e congregou a numeroso público que se achegou dende todas as aldeas do municipio do Carballiño ata Arcos, parroquia anfitriona desta vixésimo cuarta edición.

Para o xantar, a asociación de veciños de Arcos, organizadora do evento, tivo que ampliar o número de pratos previstos inicialmente ante o incremento de comensais, a última hora.

Xunto con arredor de trescentas persoas, entre as que estaban os representantes das asociacións de veciños de todo o municipio, asistiron ao xantar o alcalde, Francisco Fumega; concelleiras e concelleiros do grupo de goberno e do PP, así como o portavoz deste grupo, Argimiro Marnotes.

Tanto o alcalde como a concelleira de Medio Rural, Rosario González, subliñaron a excelente organización da asociación de veciños de Arcos e a alta participación do resto das asociacións veciñais, contribuindo ao éxito da festa, que é, segundo dixeron, unha mostra da implicación e da importancia do mundo rural como parte esencial do Carballiño.

Antes tivo lugar unha misa e un concerto da banda escola de música do Carballiño. Tras o xantar, comezou a animación musical e o baile a cargo do Dúo Master. Tamén se entregou o ramo á Federación de Asociacións de Veciños, que se encargará de organizar o 25 aniversario desta Festa das Parroquias, que se celebrará o próximo ano no Parque Municipal do Carballiño.