Armando, unha historia de gañas e superación

1, Xullo 2022

Armando (Armando Montero Vidal) é un alumno do IES Chamoso Lamas que ven de rematar os seus estudos de Bacharelato no bacharelato para adultos que se imparte no centro. Armando naceu en Veracruz (México), aínda que viviu parte da súa vida na Baixa California. Un accidente truncou os seus estudos ao deixalo en silla de rodas e con outras problemáticas de saude asociadas.

Fai xa uns anos que chegou ao Carballiño, acollido por un familia do noso pobo. Despois de realizar a proba de acceso á Universidade para maiores de 25 anos, matriculouse en Informática na UNED, pero diuse conta de que despois de tantos anos sen estudar faltábanlle por coñecer moitas cousas básicas. Pero lonxe de rendirse, decidiu empezar dende abaixo e matriculouse no IES Chamoso Lamas para sacar o título de ESO por adultos, a coñecida como ESA.

Unha vez que rematou, decidiuse por facer o Bacharelato Tecnolóxico no noso centro, que pandemia polo medio e uns cantos avatares máis, ven de rematar neste pasado curso con éxito. Un éxito que foi a base de esforzo e como di el mesmo, "de ganas, con ganas o resto non importa".

No IES Chamoso Lamas veñen de facerlle un pequeno agasallo, a el que tanto lle gusta a lectura, porque alumnos como Armando son un espello no que ás veces mirarnos. Sorte nos próximos estudos que inciará xa en setembro, aínda que estamos seguros de que lle irá ben.