"Augalingua" promove a lingua galega entre a rapazada de 6 a 12 anos

3, Xullo 2013

As piscinas do Lodairo en Cea e A Rañoa en Maside acollen esta actividade que chegará ademáis a outras 14 localidades galegas.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou esta mañá no Edificio Multiúsos de San Cristovo de Cea, “Augalingua”, a nova actividade estival que estrea o programa de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”. A proposta chegará, desde hoxe e durante todo o mes, a 16 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para dinamizar a lingua galega en piscinas municipais e praias fluviais, por medio de xincanas centradas en xogos de lingua e habilidade, nas que a rapazada de 6 a 12 anos participará guiada por monitorado.

 En palabras de García Gómez, “Augalingua incorpórase ao programa FalaRedes 2013 e chegará a concellos da RDL como unha actividade infantil, lúdica e participativa, propia do verán, e como oportunidade para promovermos o uso da lingua entre os máis novos ligando a imaxe do idioma á diversión e aos xogos”.  

Á rolda de prensa na localidade ceesa asistiron, amais do secretario xeral, o alcalde, José Luis Valladares; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e a responsable da empresa xestora da actividade, Concepción Diéguez (Reverso Comunicación Cultura e Lingua).

16 localidades anfitrioas das xincanas lingüísticas da RDL

"Augalingua" enceta o seu percorrido pola RDL hoxe á tarde, cunha xincana na piscina municipal de Loairo ás 16:30 horas, na que poderán participar, de balde, rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos. Ademais de en San Cristovo de Cea as xincanas lingüísticas farán parada nas localidades ourensás de Maside, Toén, Vilamarín, O Barco de Valdeorras, A Veiga, Sarreaus, A Bola e Muíños; na provincia de Lugo chegarán a Taboada, Monterroso, Guntín, Ribas de Sil e Parada de Sil e tamén recalarán en Ordes (A Coruña) e Lalín (Pontevedra) durante o mes de xullo.

‘FalaRedes 2013’

O programa “FalaRedes 2013” -dentro do que se enmarca a actividade “Augalingua”- é unha das iniciativas impulsadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística destinada aos concellos da RDL para fomentar o uso social do idioma e complementar a programación que para ese fin está a poñer en marcha a propia RDL durante este ano.

Logo do éxito da primeira edición, “FalaRedes” desenvolverá durante 2013 máis dun cento de actividades noutros tantos concellos, qe contribuirán á creación de espazos de uso e de aprendizaxe en galego ligados ao lecer e á cultura moderna unindo a imaxe da lingua propia de Galicia aos valores positivos da sociedade moderna.

O cartel de “FalaRedes 2013” inclúe o concerto familiar “Rosalía Pequeniña”, que percorrerá 40 municipios para dinamizar a lingua por medio da música e da poesía cantada, da man Uxía e de Sérgio Tannus, no ano en que celebramos os 150.º aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”.

A música tamén é o fío condutor das outras dúas propostas do programa: “As pombas de Carboeiro”, unha actividade multidisciplinar na que cobran protagonismo as bandas de música municipais e que volverá en outubro, e o musical “A nena e o grilo nun barquiño” que, a cargo de Magín Blanco e do Teatro dos Ghazafelhos, vén de concluír unha xira por 18 localidades da RDL. “FalaRedes 2013” incorporará unha quinta proposta despois do verán, que chegará a outra vintena de concellos.

Toda a información sobre o programa e o seu calendario de actividades estás accesibles no web www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e tamén nas redes sociais.