Avión homenaxea aos seus emigrantes con motivo da Festa Mexicana

28, Xullo 2011

A festa concebiuse como "unha homenaxe anual a  todos os veciños emigrados, aínda que leve o nome de festa mexicana por ser ésta a nacionalidade na que residen a maioria dos emigrantes deste concello de Avión", asi o explicaba a organizadora deste evento festivo e gastronómico que na súa séptima edición ten lugar este venres 29 de xullo desde as 8 da tarde atá a unha da noite, na praza da Igrexa de Avión. Isabel Gabián recordaba como, efectivamente, aínda que México fose o destino maioritario para os miles de avionenses que emigraron desde este concello nos últimos 50 anos, tamén o fixeron a outros países como Venezuela, Estados Unidos, Uruguai ou Brasil, e mesmo a destinos europeos, sobre todo a Holanda e Alemania, "no concello de Avión, somos como unha pequena ONU", suliñaba a representante da "Fundación Avión" e coordenadora desta festa mexicana. A música popular e a gastronomia tradicional do país azteca volven ser os grandes atractivos deste evento, que tampouco se esquece dos nenos e os tradicionais xogos das piñatas, este ano confeccionadas para a ocasión polas persoas maiores residentes no centro social "Albetus", que asi colaboran activamente na organización da festa. Tres restaurantes especializados en comida mexicana instalarán as súas cociñas para preparar os típicos "antojitos", que tanta aceptación teñen tamén na nosa terra, "o ano pasado declarouse a cociña tradicional mexicana patrimonio inmaterial da humanidade por parte da UNESCO, o que nos dá unha idea do seu recoñecento", reocordaba Isabel Gabián. Outro dos alicientes da festa é a música en directo, que correrá este ano a cargo dos mariachis "Fiesta Ranchera" e "Garibaldi".