Avión celebra a IX Edición da Festa Mexicana

22, Xullo 2013

O venres 26 de xullo dende as oito da tarde a Praza da Igrexa  de Avión acollerá unha nova edición da Festa Mexicana organizada polo concello desta localidade.

( Redacción. Estefania Bernárdez ) Nesta cita non faltará a música típica dos mariachis coa presencia das agrupacións 'Garibaldi' e 'Fiesta Ranchera' que entonarán as típicas rancheras dende as 21:30 ata a 01:30 da madrugada. Esta festa honra a cultura, que xa forma parte de Avión, do país que máis acolleu ós emigrantes locais. Ademáis de música, tamén se organizarán actividades como toros mecánicos, hinchables, monitores de papiroflexia, etc. Para os más cativos terán monitor de globoflexia e as coñecidas piñatas, elaboradas polos maiores do Centro Integral de Servizos Sociais "Alvetus". Todo en horario de 21:00 a 01:00 e con carácter gratuito. 

Nesta cita tampouco podía faltar a gastronomía mexicana e por iso estarán alí catro dos mellores restaurantes: 'Chilam-Balam' de Vigo, 'Mesón Mexicano de Tourón' de Pontecaldelas, 'Rincón Azteca' do Carballiño, e 'Taquería Mi Ciudad' de Madrid. Unha pequena representación da cociña mexicana que foi recoñecida en 2010 pola UNESCO como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

O cartel desta nova edición está protagonizado por varios persoaxes do coñecido programa "El Chavo del 8", e continúa así resaltando grandes personalidades das artes e das ciencias de México.