Avión prepara a "XV Festa Mexicana" para o venres 9 de Agosto, antes, esta próxima fin de semana celebrará a Festa dos Patróns

30, Xullo 2019

O Concello de Avión celebra o vindeiro 9 de agosto, a partir das 18.30 horas, a festividade máis importante da súa colectividade emigrante: a Festa Mexicana, que este ano chega á súa décimo quinta edición, "o que amosa que esta celebración, única en Galicia, está plenamente consolidada e que ano tras ano acada éxito de público, porque se trata de algo máis ca unha festa: é un acto de irmandade, unha homenaxe aos nosos emigrantes e unha fusión de historia e culturas", afirmou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación da festa.

"Esta aposta por unir gastronomía e tradición, tendendo pontes entre Ourense e América, entre Avión e México, é o que a singulariza", expresou Rosendo Fernández, e neste sentido o alcalde de Avión, Antonio Montero, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e destacou que nesta edición "a novidade está en contar con maior espazo na praza onde se celebra a festa" e salientou a presenza de catro dos mellores restaurantes mexicanos que hai en Galicia: Chilam-Balam, de Vigo; Mesón Mexicano, de Pontecaldelas; Rincón Azteca, do Carballiño, e El Mexicano TacoBar, da Coruña, cuxo propietario, Jesús Gabriel Carrillo, dixo que este é o cuarto ano que participa "nesta festa diferente a todas, que nos permite aos restaurantes amosar a gran cultura gastronómica de México".

A responsable de Cultura e coordinadora da festa, Isabel Gavián, destacou do programa as actuacións dos mariachis Leonardo Flores e Acapulco, e que o cartel deste ano representa a un tipo de boneca confeccionada polos indíxenas mexicanos, chamada "María", do Estado de Querétaro, "que estará presente en forma de piñata nesta festa que ten como obxectivo traer cada ano un anaco de México a Galicia, para seguir unindo os vínculos que desde fai tanto tempo ligan aos nosos pobos", expresou.

A Festa Mexicana, con actividades para todos os públicos, é un dos eventos máis importantes en Avión, que triplica a súa poboación no verán, superando a cifra de máis de cinco mil persoas

Antes da Festa Mexicana, esta próxima fin de semana, sabádo e domingo, asi como o próximo lúns dia 5, a capitalidade municipal celebrará festas dos patróns de Avión, Santos Justo e Pastor e San Roque, con pasarrúas e concertos de bandas de música, verbenas na Praza da Igrexa, asi como a sempre espectácular sesión de fogos artificais.