Balance do verán na Oficina de Turismo: Madrid, Andalucia e Valencia, as comunidades que máis turistas aportaron

20, Setembro 2018

A Oficina Municipal de Turismo atendeu durante este verán a un total de 1.508 visitantes. Desde o 16 de xuño ata o 15 de setembro, as dúas técnicas de turismo que atenderon esta oficina recibiron 538 consultas, na inmensa maioría presenciais e outras por teléfono.

Isto non significa que sexa este o número de turistas que visitaron O Carballiño durante este verán, pois as persoas que acuden á Oficina de Turismo é so unha parte do total de visitantes. A gran maioría de turistas procedían de cidades e lugares das comunidades autónomas españolas, incluida Galicia, e houbo un 13% de media cuxa procedencia era doutros países. Segundo as estadísticas elaboradas polas técnicas de turismo, os meses nos que se recibiron máis peticións de información de turistas extranxeiros foron xuño e xullo, cuns porcentaxes que representan o 17% do total en ambos casos.

No mes de agosto foron o 11,48%, e no de setembro, o 5,42%. Agás no mes de setembro, no que a maioría dos turistas procedían de cidades e lugares de Galicia, o resto dos meses a inmensa maioría de visitantes procedían doutras comunidades españolas, en especial, de Madrid, Andalucía, Valencia e Murcia. Así, en xuño, os madrileños supuxeron o 28,43% fronte aos galegos que foron o 26,47%; os vascos acadaron o 9,80% e os andaluces o 7,64%. En xullo as porcentaxes de procedencia dos visitantes foron: Galicia, 27,94%; Andalucía, 21,81%; Madrid, 17,65%, e Valencia, 7,11%. En agosto, as porcentaxes foron: Madrid, 17,90%; Galicia, 15,71%; Andalucía, 13,90%; Murcia, 10,27%, e Valencia, 8,16%. En setembro, as porcentaxes foron: Galicia, 57%; Andalucía, 16,50&, e Madrid, 7,64%.

En canto ás consultas realizadas polos turistas, hai que resaltar a petición de información sobre os principais monumentos e lugares de interese da vila, así como os balnearios, hoteis e restauración, acadando un espazo preeminente as pulperías. No ranking de preferencias turísticas figuran, en primeiro lugar, o Templo da Veracruz e os balnearios, e a continuación o Paseo do Arenteiro, o Parque Etrnográfico e onde comer pulpo.

Tamén acada interese o patrimonio do románico na comarca, o Mosteiro de Oseira, Pazos de Arenteiro e Ribadavia, pero a nivel provincial é a Ribeira Sacra e a capital ourensá quen suscita máis demanda de información. E en Galicia, as preferencias son Santiago e as Rías Baixas, en especial as illas Cíes, e a Praia das Catedráis, en Ribadeo, así como Allariz, casco histórico de Pontevedra, O Grove e Lugo.

Ademáis de polos monumentos e a natureza, os turistas amosaron moito interese polas principais festas do Carballiño, como a Festa do Pulpo, pero tamén está acadando un auxe informativo excepcional a Feira Medieval “A Liorta”, que celebrou en xullo a segunda edición.

Outras festas de interese turístico fonron as do San Cibrao, así como en xeral festas gastronómicas da comarca. Finalmente, no eido cultural destacan as solicitudes de información sobre rutas de senderismo, petroglifos e programación das Xociviga e do Fetega, así como actividades infantís. E tamén suscitou moito interese a información sobre as piscinas municipais.