Beariz completa un agosto cultural intenso: concursos literario e fotográfico, a revista "O Quince". cine e exposicións.

19, Agosto 2023

Beariz despide un intenso mes de agosto que tivo o seu punto álxido nas festas do Quince e, antes e despois desas datas festivas e xenuinamente bearicenses, diversas actividades no agosto cultural do concello de Beariz, como foi o fallo dos concursos literario e fotográfico de Beariz 2023.

No apartado do concurso literario, no que volveu conseguirse un alto nivel nas obras presentadas a concurso, os premiados foron os seguintes:
1º. Vítimas, verdugos e perdón. 500,00€
Autora: Beatriz Pérez González,
O conto consigue nunhas poucas páxinas, usando o funeral que serve de marco ao relato, mostrar a morte non como unha simple traxedia e un final senón coma unha consecuencia mais dunha vida tráxica de por si que da e quita sentido as vidas dos achegados, xerando unha rede de acontecementos, e moldeando as personalidades dos protagonistas.
2º. Tango. 300,00€
Autor: Pablo Nogueira Campo,
Unha boa narración con alto valor literario que consigue retratar a aspiración contemporánea a un éxito gris na pel dunha muller refuxiada nunha vida asentada no que se ven chamando agora a zona de confort ata que é arrincada da mesma de súpeto, revelando deste xeito a verdadeira natureza moral da protagonista.
3º. No me voy sin despedirme. 200,00€
Autor: Andrés de la Vega Rivas.
Relato fortemente alegórico no que podemos ver unha acumulación de ideas-obxecto, todas elas imperfectas, xa sexa por inacabadas, desaproveitadas ou descoidadas. Maila iso, a impresión de que a vida é unha colección de imperfeccións que se amorean e cobran un sentido arcano queda perfectamente transmitida. Quizais a pega que se lle pode poñer ao conto é a o exceso de abstracción e alegoría.

CONCURSO FOTOGRÁFICO BEARIZ 2023

1º Clasificado: “Moendo recordos”
Autor: Iago Manuel Souto Lorenzo

2º Clasificado: “Felicidad infantil”
Autora: Alejandra Ruíz Álvarez

3º Clasificado: “No Túnel do tempo”
Autor: Alfredo Javier Ramos Varela

Acto seguido tivo lugar no salón de actos do concello a presentación da revista cultural “O Quince” que chega á súa 33 edición.
Na portada figura unha reprodución publicada no seu día na revista eclesíastica Resurrexit, sore a teoría do complexo humano, encarnada co “homiño”, teoría elaborada polo Dr. Marcos (D. Manuel Vázquez Ogando). A editorial escrita por Tomás Sancho Candedo incide nos diversos contidos da revista.

Seguen os traballos premiados no concurso literario do 2022: “O síndrome de Sthendal”, “Lo que unen las aguas” e “Sopas de burro canso”.
Dous artigos de Xestús Antonio Gulías que constitúen auténticos traballos de investigación que nos permiten afondar un pouco máis na nosa historia.
O apartado xa tradicional “Contos da Lareira” inclúe tres que constitúen unha recreación literaria a base de anécdotas, feitos reais que ocorreron no noso concello, todo contado con humor e retranca.
“Nas fragas do amencer”, de Xulio Prado é un fermoso e extenso poema cargado da sensibilidade. A súa poesía invítanos a afondar na nosa mente coa súa lírica e a visitar espazos incógnitos dos sentimentos.

Non podía faltar o apartado fotográfico denominado “Beariz hai anos” onde a través de 44 fotos nesta ocasión se refresca e recupera a nosa historia viva: procesións, festexos retratos, a vida cotiá… “A Botica de Beariz: aromas para unha viaxe no tempo” inclúe artigos de Tomás Sancho, Miguel Álvarez, Nicanor Floro, Luis Serantes e Vitoria Figueira.
Prensa histórica de Beariz presenta novas de sucesos doutro tempo en Beariz e que mereceron a súa publicación nos xornais da época: a) El Pueblo Gallego (1960), b) Diario La Noche, c) La Región (1947 e 1968).

Segue un traballo de recreación literaria escrita polo Presidente do Consello Regulador do Ribeiro e que leva como título “Vida e fé, amén”.
A partir da páxina 83 está incluído o apartado fotográfico “Imaxes de Beariz”. Son 29 fotos que fan referencia á nosa actualidade ao tempo que reproducen de maneira fidedigna a nosa riqueza cultural, etnográfica e paisaxística.

Ese mesmo día ás 20:15 horas na antiga reitoral de Beariz proxectouse a curtametraxe “En el Valle de la Perseverancia”, curtametraxe rodada en diversos lugares do Concello de Beariz e dirixida polo bearicense Isaac Gulías. A estrea contou co local abarrotado dun público encantado do evento.

O día 16 nas Barbeiras , ás 22:00h, dentro do programa Rede cinema, subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística proxectouse a película “Jacinto” película dirixida por Javo Camino.

Dentro do programa cultural desenrolado nestes días convén sinalar tamén que o día 11 inaugurouse a exposición pictórica de Mayi Somoza e a exposición escultórica de Juan Manuel Paz Gulías, na foto que ilustra esta información.

Dentro desta mesma programación cultural de agosto no concello de Beariz, presentouse o libro “Postres del Camino” escrito por María Luisa Candedo Remis.