Beariz e Maside gozarán de cine de verán ao aire libre en formato gran pantalla, coa colaboración da Rede de Dinamizacíon Lingüistica

14, Xullo 2023

Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde.

O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca. Despois seguirá por Forcarei, Outeiro de Rei, Allariz, Ponteareas, Laxe, A Laracha, Ares, Xove, Sober, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal, Beariz e Mondoñedo. As datas, horas e lugares exactos poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.