Beariz executou os últimos anos obras por importe de 580.000 euros aportados pola Xunta, a última a mellora da pista polideportiva

21, Xaneiro 2020

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, visitou o concello de Beariz, onde acompañada polo seu alcalde, Manuel Prado, comprobou in situ as melloras levadas a cabo coa rehabilitación da pista polideportiva do concello, que contou cunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público que ascendeu a case 34.000 euros.

A pista polideportiva sita na paraxe da Goberna, foi a primeira instalación deportiva con que contou o Concello de Beariz. Foi construída no ano 1985 polo que co paso do tempo e polas adversas condicións meteorolóxicas procede a súa rehabilitación. Entre outras actuacións levouse a cabo o desmonte do cerramento perimetral existente e construción dun novo cunha altura de 4 metros, limpeza da pista existente, con medios adecuados para eliminar calquera tipo de sucidade existente, aplicación dun novo pavimento e colocación de novas redes.

O concello de Beariz recibiu nos últimos anos axudas da Vicepresidencia da Xunta por importe de case 580.000 euros, que foron destinadas a obras de conservación da biodiversidade, acondicionamento da Carballeira de Doade, acondicionamento da Carballeira de Santo Domingo, instalación xeotérmica na casa do concello, pavimentación de rúas e varias actuacións de eficiencia enerxética, así como o acondicionamento das zonas recreativas en Beariz e Magros