Beariz pide apoio á Xunta para a ampliación da rede de saneamento e a creación dun Punto Limpo Municipal. Escoita aquí a entrevista ao alcalde Manuel Prado.

17, Xuño 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar cuestións de interese para o concello en materia de saneamento e xestión de residuos.

En concreto, o rexedor informou á conselleira do interese municipal por acometer a reforma e ampliación da rede de saneamento na contorna de Igresario no lugar de Doade. Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto presentado polo Concello de cara a avaliar a súa viabilidade e as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento.

Nesa liña, a conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade á súa veciñanza. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

En canto á xestión de residuos, a conselleira e o alcalde analizaron a solicitude municipal para habilitar un punto limpo de pequenas dimensións no parque empresarial de Lebozán. Neste caso, Ángeles Vázquez lembroulle a Manuel Prado que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo á disposición das entidades locais unha oficina técnica de asesoramento específico en materia de xestión de residuos municipais na que pode recibir información sobre liñas de financiamento para levar a cabo esta iniciativa.