Beariz propón á Xunta a declaración de aldea modelo para Alvite

21, Agosto 2019

A Consellería do Medio Rural comprometeuse a estudar coa máxima atención a proposta do concello de Beariz para declarar o núcleo de Alvite, situado na parroquia de Santa María de Beariz, como “aldea modelo” para a prevención e defensa fronte os incendios forestais.

Así llo transmitiu o titular deste departamento, José González, ao alcalde do municipio, Manuel Prado, durante unha xuntanza de traballo na que tamén participaron os directores xerais de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Neste encontro, o rexedor de Beariz amosou un especial interese por integrar o devandito núcleo nesta iniciativa que está a desenvolver a consellería e que ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens da ameaza dos incendios forestais, mediante diversas actuacións dirixidas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas.

Precisamente, o conselleiro salientou o feito de que Beariz teña solicitada a súa adhesión ao convenio no que se enmarca esta actuación e que foi asinado pola consellería, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias, para a posta en marcha do sistema público de xestión da biomasa nas proximidades das vivendas, co fin de protexelas dos lumes.

A maiores, José González destacou que con esta proposta de Beariz xa son máis dunha ducia os concellos galegos interesados en incorporar algún dos seus núcleos a este proxecto de “aldea modelo” e que as candidaturas non deixan de medrar, polo que agradeceu a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre os municipios.

Por último, neste encontro de traballo tratouse tamén sobre o pasteiro situado neste concello, precisamente nas proximidades do núcleo de Alvite, habilitado dentro dos plans impulsados pola consellería no marco das diferentes iniciativas postas en marcha para a recuperación e posta en valor de terras agrarias.