A campaña de divulgación dos nomes da terra ‘Toponimízate’ chega este venres a Beariz

12, Novembro 2019

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegará este venres, 15 de novembro, a Beariz.

O especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), impartirá unha charla ás 19: 00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A intervención conta coas achegas, na parte relativa á orixe e significado dos nomes dos municipio e das súas parroquias e aldeas, do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

Alén de profundar no coñecemento dos nomes dos lugares habitados, o público poderá familiarizarse coa aplicación colaborativa que permitirá proximamente que a cidadanía participe na preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización.

Tamén se ensinará como consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada e validada no "Visor de topónimos" do novo portal da Toponimia de Galicia. Ademais, explicarase con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.