"Carbaemprega 2018" ofrece formación teórica e práctica a 85 persoas desempregadas

20, Febreiro 2018

O novo plan integrado de emprego “Carbaemprega 2018” botou hoxe a andar con 85 alumnos e alumnas inscritos e un obxectivo de inserción laboral do 40%. A formación centrarase en tres eidos: soldadura, técnicas de restaurante-bar e atención sociosanitaria.

Estes datos foron dados a coñecer esta mañá durante a presentación do plan no salón de plenos do concello, que contou coa asistencia da maioría das persoas inscritas así como do alcalde, Francisco Fumega; a delegada Territorial da Xunta, Marisol Díaz; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; o delegado territorial da Consellería de Emprego, Santiago Álvarez; a concelleira do PP e deputada provincial, Teresa Cerdeira; a responsable de Gestmedical, María Ochogavía; o xerente de GRI, Cándido Gómez, e o xerente de DIZMAR, Carlos Rivas.

Francisco Fumega agradeceu a colaboración institucional e empresarial para poñer en marcha esta nova iniciativa dirixida á formación de persoas desempregadas en ramas laboráis con demanda no Carballiño, e o interese amosado por estas persoas para adquirir una formación acorde con estas necesidades do mercado laboral local.

Marisol Díaz tamén agradeceu ao concello e ao sector empresarial a implicación neste plan, do que dixo que había outros seis na provincia, e que o máis importante era que se centraba nas necesidades do tecido industrial do Carballiño e que os alumnos terían una atención personalizada que debían aproveitar para poder incorporarse ao mercado de traballo.

Adolfo Nogueira explicou o camiño seguido para a consecución deste plan, despois do éxito do celebrado o pasado ano cunha inserción laboral do 70%, e que esperaba que este, que conta co dobre de alumnado e orzamento, acadase o mesmo nivel.